Os Xenerais da Ulla
Inicio » Santa Lucía » Xenerais da Ulla » Os Xenerais da Ulla
Os Xenerais da Ulla é unha manifestación cultural propia e única da comarca natural do río Ulla, xa que non hai constancia de que se celebre nada semellante en ningún outro lugar de Galicia nin de España nin de Europa Occidental. Este Entroido rural celébrase nos concellos de Santiago de Compostela, Boqueixón, Vedra, A Estrada, Silleda, Teo, Touro e Vila de Cruces. No caso de Santiago de Compostela, as parroquias que organizan e celebran este evento son Marrozos, O Eixo, Aríns e Sar (aldea de Angrois).
Trátase dunha celebración parroquial, que os concellos correspondentes apoian e promoven de xeito conxunto, na que a continuidade no tempo, o arraigo, a singularidade, a accesibilidade, a estética e o valor cultural e tradicional fan que este Entroido sexa único.
O Entroido da Ulla vense celebrando anualmente dende que está documentado (aproximadamente mediados do século XIX), con interrupcións moi puntuais como puido ser a Guerra Civil española de 1936. Segue sempre o mesmo patrón en canto a calendario, tomando como referencia o martes de Entroido, e a partir de aí as celebracións son repartidas segundo as parroquias da comarca da Ulla, tendo sempre a mesma orde de festividade. No Concello de Santiago comezan na parroquia de Marrozos, sempre dous sábados antes ao martes de Entroido, o domingo seguinte son en Angrois, na fin de semana seguinte, (a previa ao martes de Entroido), sábado en Aríns e domingo no Eixo. Ao mesmo tempo vanse celebrando nas diferentes parroquias da comarca da Ulla, coincidindo ao día dúas ou tres festividades, e sempre seguindo o mesmo patrón.
Isto é así grazas a que non só colabora a parroquia senón que colaboran as diferentes comisións organizadoras de cada parroquia, prestándose os traxes, as bestas ou os aparellos dos animais, creando lazos interparroquiais para deste xeito poder gozar conxuntamente desta gran festa e tradición.