Sar
O Sar é o río que configura o territorio das Brañas de Sar ao seu paso polo leste da cidade. O Sar, río poético cantado por Rosalía de Castro, é un afluente do Ulla pola sua marxe dereita. Nace a 310 metros de altitude no concello de Santiago de Compostela, concretamente na parroquia de Bando, ao lado de Amio, pasando polas parroquias de Sar, Conxo e Laraño. A continuación atravesa as parroquias de Bugallido e Ortoño do Concello de Ames e a de Bastavales na de Brión, para despois entrar no Concello padronés por Iria Flavia, onde discurre pola chamada ruta Rosaliana, cruza parte do Concello de Rois e finalmente desemboca no Ulla facendo fronteira entre os concellos de Padrón e Dodro despois de percorrer 42 kilómetros e drenar unha conca de 265,5 kilómetros cadrados.