O río Sarela é un afluente do Sar que nace no pé do monte Pedroso, na parroquia da Peregrina (coordenadas GPS 42.913706, -8.556931), e que discorre ao longo duns 10 Km acompañando a cidade de Santiago de Compostela polo leste, bañando as parroquias da Peregrina, Vista Alegre, San Paio e Vidán. No lugar da Ponte Vella da Rocha desemboca no Sar (coordenadas GPS 42.866526, -8.574371).
A ribeira do Sarela é de antigo un espazo intensamente humanizado, e ata hai poucos anos tivo unha grande importancia para a economía de Compostela. As fontes documentais poñen de manifesto a relevancia deste río como lugar de paso, como produtor agrario principal da cidade e como foco industrial do capitalismo incipiente do período entre finais do século XVIII e principios do XIX. Xa no século XVI os datos suxiren unha alta ocupación do río.
No tramo entre a ponte do Arcebispo (hoxe do Carme de Abaixo) e a desembocadura no Sar en Vidán, a ribeira do Sarela é unha sucesión de muíños desde tempos medievais: muíño dos Cóengos, o de Santa Clara ou da Ponte, o da Carreira, o da Laxe, o dos Chouciños, o das Fogazas, o dos Tortos, o de Bugallido, o de Vidán, o de Novás…, e case non hai ningún de uso privado. Moitos deles teñen dúas rodas e unha pequena horta para completar os ingresos de quen o explotaba en réxime de aluguer. As terras de labor das súas ribeiras abastecían de patacas, millo e verdura, como grelos ou repolo, e outros produtos o Cabido da Catedral e a Praza de Abastos, entrando á cidade pola rúa das Hortas.
Como consecuencia desta humanización, o río Sarela ten unha riqueza microtoponímica que sorprende a propios e estraños. Cada tramo do río ten un ou varios nomes. Como río do Espiño, río da Ponte e río dos Sapos é coñecido na contorna de Santa Isabel-Galeras; río do Arcebispo é unha denominación xenérica pero que parece aplicarse especificamente á ribeira do Carme, entre o Espiño e San Lourenzo; e ribeira de San Lourenzo ou río dos Chouciños no tramo final de San Lourenzo a Vidán.
Segundo un informante, veciño de Santa Isabel, a Universidade efectuou recentemente análises da calidade da auga do río e os resultados sorprenderon aos propios analistas. Agás un Ph un pouco baixo, as augas do Sarela son dunha gran calidade, e boa mostra disto é a numerosa fauna acuática que se pode observar nel, desde abondosas troitas e escalos ata anguías, zapateiros ou cabaliños do demo.
O val do Sarela constitúe un espazo umbro e segredo, protexido polo bosque de galería que acompaña o leito do río. No tramo alto, a marxe esquerda presenta como fondo escénico as traseiras das edificacións da estrada de Santa Comba, mentres que a marxe dereita fúndese coas abas do monte Pedroso.
No seu curso, a día de hoxe, podemos ver muíños, restos de presas, fábricas en ruínas ou transformadas en vivendas, lavadoiros, fontes, pontes e pontellas. E ocultos baixo o céspede, no parque de Galeras, “descansan” o rebo do edificio Castromil desde 1975.
É fácil imaxinar que ese mesmo río que hoxe baixa solitario ao encontro co Sar houbo tempos en que desbordaba de xente e actividade.