Decaemento e desaparición

A primeira dificultade coa que bateron os industriais composteláns ocorre xa no século XIX. Foi a caída na importación dos “coiros indios” provocada pola independencia das colonias americanas.

O segundo punto de inflexión foi a deflación económica debido á escaseza de moeda. Isto debíase a que España fabricaba moedas con maior cantidade de prata. Desta maneira, o goberno central tiraba máis rendemento coa exportación de moeda que coa súa posta en circulación no territorio nacional,  o que da como resultado a falta de moedas para as transaccións comerciais. Os industriais non podían cobrar e os compradores endebedáronse. Isto, xunto ó aumento das tenerías, trouxo consigo un aumento do stock e a caída dos prezos.

Por outra banda, o atraso na agricultura e na súa modernización en Galicia, impediron un aumento na demanda de coiro e a mellora da súa produción e competencia con produtos doutros lugares.

Fábrica de Guadalupe

A fabricación do coiro galego tiña un lastre moi importante: a falta de interese na innovación por parte dos mesmos empresarios. Entre os motivos estaría o destino do produto elaborado en Galicia, artesáns sen necesidade de produto moi elaborado, pero esta liña de produción puido manterse a curto prazo. Tamén tivo importancia o baixo aprezo que se lle tiña socialmente á esta actividade  debido ós olores e ás malas condicións de salubridade. E por último, e non menos importante as liñas de crédito para as empresas,  agora viñan da banca que só apostaba polo empresariado máis seguro.

Todos este factores levan a que no século XX, aínda que cun pequeno repunte entre os anos 1914 e 1936, vaian pechando as factorias.  No 1936, o estourido do conflito civil español deixou a produción peleteira dividida. As tenerías galegas quedaron no bando sublevado mentres que as catalanas, máis modernas, ficaron no terreo republicano. O consumo de coiro por parte do bando franquista trouxo un repunte ás decaídas fábricas galegas, pero todo acabou co conflito.  En 1941 o número de factorías era de oito e no ano 1955 pasaron a seis. O illamento internacional contra o réxime franquista obrigou a adoptar unha política autárquica no que respecta aos bens de consumo. Desta maneira houbo unha caste de estabilidade no sector. Pero desde esas datas, 1955-1961, comeza a caída definitiva, pechando a última fábrica de Santiago na década dos sesenta.