O primeiro ferrocarril

Inauguración

O 15 de setembro de 1873, entra en servizo a primeira liña férrea que se construíu e operou en Galicia, cunha lonxitude de 42 quilómetros, 25 anos despois da posta en funcionamento da primeira liña da península Ibérica. Unía a estación de Cornes, no termo municipal de Conxo (hoxe integrado no concello de Santiago de Compostela), e a estación de Carril, no termo municipal de Santiago de Carril (hoxe concello de Vilagarcía de Arousa).

Estación de Cornes 1909

Era un feito histórico moi importante, porque conectaba Santiago coa costa, e ademais supoñía a fin das antigas carruaxes como medio de transporte, que tardaban cinco horas en facer ese mesmo traxecto. O Diario de Santiago publicaba: “la monumental ciudad de Compostela, la Roma de Occidente verá con júbilo lucir el ansiado día en que la locomotora le acerque uno de los mejores puertos de este Antiguo Reino”.

O ansiado día da inauguración, o 15 de setembro de 1873, todas as estación do percorrido estaban ateigadas de xente e engalanadas con estandartes, gallardetes, bandeiriñas e outros enfeites en edificios e instalacións. Ás doce menos cuarto na estación de Cornes, o penitenciario da catedral o Sr. Palacios, bendice as catro locomotoras fabricadas en Inglaterra, mentres no aire resoan gran cantidade de foguetes. Á mesma hora en Carril sóltase un globo aerostático cuns panos de seda artisticamente bordados con grafías alusivas ao acto colgando da súa barca, ao queimarse os fíos que os sustentan caen e son recollidos polos asistentes. Un destes panos consérvase na Fundación Camilo José Cela. Como colofón destes actos, as autoridades, xornalistas e invitados soben ao tren e realizan o primeiro percorrido da liña férrea, parando en todas as estacións.E así, con fasto decimonónico queda inaugurado o primeiro ferrocarril de Galicia.

Antecedentes

Estación de Cornes 1909

A construción desta liña con capital privado, remóntase a trece anos antes da inauguración. O proxecto inicial só contemplaba a chegada a Cesures, porque se pretendía usar a desembocadura do Ulla como porto de Compostela, pero como esta idea non era viable, modificouse o traxecto e decidiuse que o destino fose Carril. Isto provocou un incremento notable do orzamento.

Esta obra contará co apoio do Concello Constitucional de Carril e da Sociedade de Amigos do Pais de Santiago que fora a que madurara o proxecto. A concesión foi outorgada no 1861 a unha compañía da que era socio, entre outros o gran xeógrafo Domingo Fontán, e transferida á compañía que a explotaría no 1863, cando se autoriza por real decreto, a creación da Real Sociedad del Ferrocarril Compostelano de la Infanta Doña Isabel de Santiago ao Porto de Carril, aínda que a liña Cornes- Carril era coñecida popularmente como “El Compostelano”.

Esta sociedade estaba participada por emigrantes galegos en Cuba, veciños de Carril e de Compostela. O enxeñeiro inglés John Stephenson Mould, e o seu socio italiano Camilo Bertorini, encárganse da construción.

Despois de moitos problemas económicos, inestabilidade política (sexenio revolucionario) e inclemencias meteorolóxicas, inaugúrase oficialmente o primeiro ferrocarril galego, o 15 de setembro de 1873, cando era presidente da Xunta Ferroviaria Eugenio Montero Ríos.

A posteriori...

Os veciños de Compostela aproveitaban os primeiros trens especiais para ir á praia ou ata o santuario da Escravitude.

En 1882 a xerencia da compañía pasa a mans de John Trullock, avó de Camilo José Cela. Trullock dirixiu durante anos a compañía, e para dinamizar a súa explotación formulou refundir a sociedade El Compostelano noutra nova e ampliar a liña a Pontevedra, o que conseguiría no ano 1889.

Muiños de Pombo e pontes de ferro en Conxo (ano 1935)

A locomotora que acadou maior fama entre Compostela e Carril denominábase “Sar” en honor do noso río e foi popularmente rebautizada como “A Sarita”. Era a locomotora do xerente Trullock, e na actualidade é unha das iconas desta liña xa desaparecida. Fixo a última viaxe en 1968 no traxecto Vigo-Vilagarcía.

Ramón María del Valle-Inclán foi outra das figuras literarias vinculadas ao ferrocarril, pois seu pai, o escritor Ramón Valle Bermúdez foi accionista e secretario do consello de administración do ferrocarril compostelán.

En 1886 a compañía cambia o seu nome polo de “The West Galicia Railway Company Limited”, posteriormente reducida a “The West Galicia”, e popularmente coñecida como a “Te-Bes”. Ademais, a compañía trasladou o seu domicilio social a Londres, así como o Consello de Administración, aínda que a Xerencia estivo sempre en Vilagarcía.

En 1928 a compañía galega é absorbida pola MZOV, e esta posteriormente, pola Compañía Nacional de Los Ferrocarriles del Oeste de España, que se integrará na recentemente constituída RENFE en 1941.

No ano 1992 pechan definitivamente os talleres ferroviarios creados en Vilagarcía de Arousa en 1880, e finalmente en 2007, coa entrada en servizo do novo trazado da liña do “Eixo Atlántico”, péchase o vello apeadoiro e antiga estación de Casal.