A praia de Conxo

Intentando recuperar a memoria do río, pescudamos para atopar zonas de baño antigas e só atopamos referencias dunha: a praia de Conxo, que parece ser estaba no grande meandro que forma o Sar na finca do psiquiátrico. Con ese nome está claro que non é unha zona de baño calquera, porque esta era a praia onde ía bañarse a burguesía da cidade, o que se cadra explica que Carmiña, a protagonista de La Casa de la Troya, paseara ata Pontepedriña nunha pasaxe do libro escrito por Alejandro Pérez Lugín en 1915 e ambientado no Santiago estudantil de principios do século pasado. Tamén lembran persoas maiores da zona, que os señoritos subían a ler sobre unhas rochas do outro lado do río, na zona do Restollal. A praia foi noticia nos anos vinte do século pasado, porque un interno do psiquiátrico apareceu espido entre as numerosas persoas que a abarrotaban, “causando una gran consternación y escándalo”.

Podemos subir a esas rochas e imaxinar o río anos atrás. Aos nosos pés o Sar, máis alá campos e detrás deles a estación de Cornes, e máis campos e leiras á nosa dereita, nos terreos que hoxe ocupa o Ensanche. Á esquerda a gran carballeira en que se celebrou o famoso Banquete, e ao seu lado sobresaíndo maxestoso o mosteiro e as casiñas que século a século foron medrando ó seu redor e facendo o barrio. Se estiveramos no mes de setembro, oiríamos e veríamos os foguetes, a música e os murmurios da moita xente que asistía as famosas e concorridas festas da Mercé ou de San Serapio.