Pontes do Sarela

Resulta evidente que unha parte relevante dos pasos que hoxe existen sobre o Sarela son de orixe recente e, no mellor dos casos, veñen substituír vaos practicables no verán ou pontes de madeira (asentadas sobre estribos de pedra ou non). Algunhas pontes actuais están demasiado próximas e poderían ser, simplemente, que o que hoxe é unha ponte antes fora unha plataforma para dar acceso a unha zona de muíños, unha pontella ou un pasal. Con todo, é ben certo que este fenómeno de pontes próximas tamén podemos atribuílo a reconstrucións de pasos antigos feitas pensando en darlles máis solidez ou mellor protección fronte ás enchentes (cun novo ángulo, nun mellor treito do paso…). A documentación deixa ver claramente que temos que pensar nas ribeiras do Sarela como un espazo en constante evolución. Desde os tempos medievais medra constantemente o número de muíños, o que da lugar a novas necesidades.

Ponte de Romaño
Ponte de Romaño

Cruza a actual estrada de Santa Comba onde comeza o val do Sarela.

Ponte de Avío

Ponte pola que pasa una pista asfaltada que baixa do Avío. A particularidade máis salientable é que conta cunha fonte á que se accede por unha basta escada de pedra que está xusto pegada ao lado norte da ponte.

Ponte dos Tres Ollos
ou
Pontepedriña de Arriba

Ponte de cantería e dobre pendente sen varanda. Presenta tres ocos en arco de medio punto. No lugar onde se atopa esta ponte, existe un conxunto patrimonial formado polas ruínas do curtidoiro, un vello muíño, a ponte de acceso á fábrica e unha fonte con lavadoiro. O vello camiño de Bergantiñas, que salvaba o Sarela nesta ponte, chega ata ela desde a estrada de Carballo flanqueado por plátanos de bo porte configurando, todo o conxunto, un bonito contorno.

Ponte de Lermo

Ponte para o paso de circulación rodada, provista de varandas de ferro, cunha lonxitude total de 20 metros. Os noiros atópanse cubertos de vexetación e entre eles aparece un tupo que devolve as augas do muíño de Ponte Lermo ao río.

A pontella da Burata
Ponte da Burata

Ponte da Burata

Rústica pontella dunha soa peza de granito apoiada sobre outras pedras formando un bo exemplo de solución de cruce para camiños locais.

Ponte de Asén ou de Santa Isabel

Ponte dun só ollo, de perpiaño de granito. Ignórase a época de construción aínda que polas súas características pode ser coetánea do curtidoiro de Asén, de finais do século XVIII e principios do XIX.  Dá acceso ao barrio das Casas Novas, á Granxa do Xesto e a Monte Pío, seguindo o trazado do via crucis que sobe pola aba do Pedroso.

Ponte de Asén

Ponte do Carme de Abaixo

Tamén chamada ponte do Arcebispo en documentos antigos. Foi construída por Ventura Valado segundo proxecto do enxeñeiro José Santos Calderón e rematada no ano 1760, contando cun orzamento de 8000 reais. É unha ponte de dobre pendente do camiño ata Figueiras.

 

Ponte do Carme de Abaixo

 En el Libro de Consistorios que se guarda en el Archivo Histórico de la Universidad de Santiago encontramos:

 "(…) Bentura Balado, maestro de obras, vezino de la parroquia de Santa Susana…, estando presente con él Lucas Ferro Caaveiro también maestro de obras y ambos se obligan de mancomún con sus personas y vienes de que fabricarán el citado puente con toda seguridad, arreglado al plan firmado por el Ingeniero Don Joseph Santos (…)"

Malia isto, outro documento do mesmo arquivo parece indicar que será Ventura Valado o único responsable.

Ponte de Sarela

Aparece citada en documentos de 1485 e por ela podería pasar a que sería unha das saídas e entradas máis importantes da cidade ata finais do século XIX. Perde importancia ao construírense as estradas actuais que a deixan na marxe. Na actualidade, está no itinerario do Camiño de Fisterra.

Ponte Sarela
Panorámica da pontella do Sarela
Pasadoiro Sarela

Ponte de San Domingos

En textos antigos aparece co nome de ponte de Santos. Situada xa á entrada de Vidán, á beira da actual estrada de Noia, só conserva un arco case invisible baixo a espesa vexetación que cobre as marxes do río. Polo que queda da súa estrutura, podemos supoñer que esta ponte é anterior  á de Sarela, e tamén que posiblemente foi afectada gravemente por unha enchente do río e nunca chegou a ser reparada, quedando abandonada. Posiblemente era a ponte de acceso a Compostela que podía seguir dúas variantes, unha que continuaría recto cara á actual Alameda, e outra que viría polo barrio de San Lourenzo. Unha vez destruída, as pontes de Sarela e de Laraño, serían os lugares elixidos para chegar a Santiago.

Ponte de Vidán

Ponte dun só ollo. Cruza o río unindo  a cidade cos camiños e pistas que chegan ao lugar de Sarela de Abaixo e á aba do Monte Pedroso. Actualmente está cuberta de asfalto malia o que se poden ver na parte baixa as antigas pedras.