A igrexa do Carme de Abaixo, coñecida así para diferenciala da igrexa do Carme de Arriba, veciña do convento de Santa Clara, foi construída ao bordo do río Sarela e á beira da ponte do Carme de Abaixo. A súa construción, promovida pola Confraría da nosa Señora do Carme, coincide nun momento especial en que confluirán os postulados do luxoso Barroco, que se nega a desaparecer, e a nova arte que trata de impoñer austeridade, o Neoclasicismo. Manifestándose neste momento a tensión entre recargamento e sinxeleza, e entre licenza e rigor á norma. Esta capela reflicte esas tensións, pero antes de falar dela paga a pena dar algunha información sobre a confraría que a manda construír.

A Confraría da nosa Señora do Carmen nace o 1 de xaneiro de 1749. A maioría das confrarías de Santiago afloran con maior forza nos séculos XVII e XVIII, e teñen maioritariamente orixe gremial. Pero a Confraría do Carmen nace por causas estritamente relixiosas. Estas causas son debidas, no espiritual, á posibilidade de gañar indulxencias e beneficiarse dos sufraxios ofrecidos permanentemente polos irmáns defuntos e, no material, polo auxilio que se presta á familia do confrade defunto aguilloada pola necesidade, sen esquecer o dereito que os confrades tiñan de gozar dunha xornada festiva de confraternidade. Estas festas, sobre todo na segunda metade do século XVIII, eran especialmente vixiadas polas autoridades relixiosas debido ao excesivo gasto en que ás veces incorrían.
Entre outros labores, a confraría acompañaba os confrades na súa agonía, velaba o cadáver, facilitaba a mortalla, asistía ao enterro, celebraba sufraxios individuais por cada confrade defunto e xerais por todos os da irmandade, tal e como se recolle no libro As confrarías galegas no Antigo Réxime de Roberto J. López López. Nos séculos XVII e XVIII o traslado do defunto desde a casa á igrexa era ocasión de lucimento para a familia e para os que pertencían a unha confraría, este lucimento tíñano asegurado coa presenza de tres ou catro sacerdotes na comitiva.
A antiga capela.
Antes da construción da igrexa actual existía unha pequena capela coñecida como da Nosa Señora da Ponte do Arcebispo, como o indica un gravado de 1752 conservado no arquivo parroquial. Sabemos que esta capela era de pequenas dimensións por un documento da confraría: “..a devandita capela é moi reducida, en que non cave mais de dúas ducias de persoas.. nos días festivos oien misa fóra”. Abunda na necesidade dun templo maior outro documento do fondo da confraría que di: “.. a petición do vezindario pola necesidade de oir misa en tempos rigorosos do inbierno e sentirse faltos do consolo espiritual pola longa distancia que hai desde o lugar.. onde está a devandita capela e a parrochia” referíndose a San Frutuoso. Esta ermida manterase en pé moi pouco tempo porque na Xunta de Cabidos do 9 de marzo de 1760 acordarase facer unha nova, polas evidentes razóns que expoñen os documentos que se gardan na parroquia e na confraría.
