O banquete de Conxo

Entre 1852 e 1855 Galicia estivo afectada por graves crises económicas. A comarca compostelana viuse especialmente prexudicada en 1853 dando lugar ao que se coñece como “ano da fame”. Nese ano, as inclemencias metereolóxicas provocan a perda da maior parte das colleitas e unha gran carestía do gran, así como o peche de importantes casas comerciais. Por este motivo prodúcense graves alborotos, altercados e motíns que levan ás autoridades a declarar o estado de sitio.

Estando moi recentes os sucesos desta crise, movementos liberais da cidade convocan o Banquete de Conxo. Trátase dunha reunión histórica de confraternidade entre diversas clases sociais da época (estudantes, artesáns, obreiros…), que baixo a lenda “Orden y fraternidad” tivo lugar o 2 de marzo de 1856, coincidindo co décimo aniversario dos Mártires de Carral (a sublevación de militares galegos contra o ditador Narváez que acabou co fusilamento de todos eles). O anuncio do Banquete causou arrepío entre as clases máis poderosas da cidade de Compostelá.

Aínda que hai dúbidas sobre a situación exacta, suponse, segundo o criterio de varios autores, e algúns descendentes de persoas que estiveron alí, que se celebrou na zona coñecida como Belvedere, en Conxo, a carón do río Sar, nunha carballeira situada detrás do mosteiro de Santa María de Conxo.

Belvedere de Conxo

Xorde por iniciativa de Aurelio Aguirre, e é considerado un dos acontecementos fundacionais do galeguismo. Asistiron ao acto un patrón e dous obreiros de cada oficio, convidados polos estudantes da Universidade de Santiago. Vestidos de frac, os estudantes, que eran considerados como clase alta, servíronlle o banquete aos obreiros. Este xesto foi tomado como unha provocación polas autoridades, e rematou coa toma da carballeira de Conxo polo exército, para se celebrar o xantar rodeados de soldados pois temíase unha insurrección.

Entre os convidados máis destacados que asistiron á xuntanza estarían Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Luís Rodríguez Seoane, pero ademais pénsase, aínda que non se sabe con certeza, que tamén acudiron a esta reunión, entre outros, Manuel Murguía, Paz Novoa, e mesmo a propia Rosalía de Castro. Neste xantar, Eduardo Pondal saúda os asistentes co seguinte poema (extracto):

“BRINDIS”

Brindo por quien, señores, la victoria.

Muerto mas no vencido dió al tirano;

Al ilustre varón de alta memoria,

El célebre Catón republicano:

de nuestra idea á la futura gloria,

y brindo por el pueblo soberano…

y á quien acate libre como el viento

el vuelo del humano pensamiento…

(Versión publicada no nº 7 da revista Galaica en 1874, o manuscrito achado polo profesor Félix Neira presenta algunhas variantes e varios versos inéditos no prelo).

Mural do Banquete de Conxo

Por este e outros brindes pronunciados nesta xuntanza, tanto Aurelio Aguirre, como Eduardo Pondal foron procesados pola Audiencia da Coruña que pretendía deportalos ás illas Marianas no océano Pacífico, aínda que finalmente, e grazas aos informes do fiscal de Santiago, non foron deportados. A Igrexa tamén mostrou o seu enfado, pois consideraban estes discursos faltos de moralidade e relixiosidade, e Aurelio Aguirre foi acusado de ateo, unha grave acusación para a época. O acto transcendeu á prensa da época, como “La Oliva” de Vigo, o que amosa que tivo unha gran repercusión en toda Galicia.