
Entre os anos 1790 e 1830 o coiro compostelán experimenta un aumento de produción e de exportación que fixeron de Santiago un referente no sector. O subministro da materia prima proviña en principio dos matadoiros locais, todos monopolizados polo consistorio ou a Igrexa. Logo, a apertura en 1765 do porto da Coruña para o comercio con América en réxime de monopolio, permite que os coiros cheguen tamén desde as colonias españolas no Río de la Plata; sábese que ao porto da Coruña chegaba unha media de 24.000 coiros ao ano. Para este comercio americano eran necesarios contactos. No caso compostelán tres familias tiñan estes contactos: José de Andrés García, Manuel de la Riva e Ramón Pérez Santamarina.
Ao gran momento do coiro compostelán, tamén axudou a existencia dunha boa cantidade de casca ou tona de carballo e castiñeiro nos arredores de Santiago, aínda que ao aumentar o número de factorías o consumo e explotación da casca tivo que ampliarse fóra da cidade, e os carros con casca viñan practicamente de toda Galicia.
Durante a ocupación francesa o coiro sofre a caída nos prezos, o peche dalgunhas tenerías e o roubo ou incautación de xénero por parte das tropas ocupantes. Pero xa case ao final da saída francesa da Península, Julián Suárez Freire destacaba no ano 1813 que Santiago era: “El pueblo más industrioso de Galicia (…) pues tiene doce fábricas de curtidos, la mayor parte de gran consideración” (Suárez Freire, 1813, en A Compostela Industrial, Historia e pegada das fábricas de coiros no concello de Santiago, Carmona Badía, Xoán; Fernández Vázquez, María Teresa; Consorcio de Santiago 2003)
O volume de materia prima consumida polos peleteiros aumenta nesta época. Case cincuenta mil peles vacunas para facer sola e máis de trintamil para outros produtos. O destino das peles curtidas eran principalmente fábricas en Andalucía e Castela.

No ano 1841 as curtidurías compostelás eran catorce e dábanlle emprego a 104 traballadores en total. A propiedade era familiar nos máis dos casos, sendo frecuentes os matrimonios entre as diferentes familias do sector. A herdanza pasaba de pais a fillos ou de sogros a xenros.
Outra vía de acceso a esta industria, era o investimento de capital. Este procedemento pasaba primeiro polo arrendamento dunha tenería ou de muíños de casca. Logo podíase entrar nos organigramas das empresas a medida que os investimentos aumentaban.
A achega de capital monetario viña de persoas cunha capacidade adquisitiva alta para o tempo no que viviron. Toda caste de funcionariado, xentes da Igrexa, fidalguía ou pequena nobreza e persoas adicadas ao empréstito. Entre os mesmos industriais movían os seus cartos nun fluxo interno de retroalimentación.