O río

O Santa Lucía é un afluente do Ulla que se une a este un pouco máis abaixo de Pontevea. Nace en terras de Santiago, concretamente en Bando, preto do campo de tiro do exército hoxe en ruínas; de aí baixa por terras de Aríns, onde recibe as augas do seu primeiro afluente, o rego de Fonte Estrapuza, que nace arriba das minas de Fornás. Estas minas eran o principal xacemento de pirita de España, explotadas xa polos romanos, foron aproveitadas ata hai poucos anos pola empresa Riotinto S.A; a pirita é un mineral pouco frecuente que tamén está presente nos meteoritos.

O río Santa Lucía continúa o seu percorrido por terras do Eixo, atravesa por un túnel a vella vía do ferrocarril, un lugar cun encanto especial, e pouco máis adiante pasa por baixo do viaduto do tren de alta velocidade (construído no ano 2007, cunha altura de 85 metros no punto central). Nada máis pasar este punto, á esquerda do camiño, topamos cun recuncho con encanto especial, formado por unha pontella de pedra ben conservada que atravesa a canle dun precioso muíño que vemos ao fondo dun prado e que aínda se usa para a moenda.

Túnel do Ferrocarril
Muiño ao pé do Castro de Vixoi

O río continúa cara ás proximidades do castro do Coto de Vixoi, onde veremos máis pontellas e muíños en mellor ou peor estado. Máis adiante, bordea a capela de Santa Lucía e xusto aí recibe as augas do rego de Angrois. Este nace no Gaiás e baixa paralelo ao Camiño de Santiago e ao tramo que se conserva do Camiño Real de Piñeiro.

Augas abaixo da capela podemos ver outro muíño cun fermoso pousadoiro (peza de pedra que soe estar ao lado da porta e serve para pousar os sacos de gran). Desde aí, o Santa Lucía está canalizado por baixo da estrada nacional 525 e marcha en dirección ás terras do concello de Teo. Pero antes recibe as augas do seu último afluente en terras do concello de Santiago, o rego dos Ballotes, tamén coñecido como rego de Marrozos xa que atravesa esta parroquia. Os Ballotes nace nunha braña situada arriba de Gamás, bordea o castro do Croto da Susana e desemboca no Santa Lucía preto de Corexo. Antes de saír do concello de Santiago o Santa Lucía recibe as augas doutros dous pequenos afluentes, o rego de Bornais que nace preto do colexio Peleteiro e o de Covas que o fai na urbanización dos Tilos.

O Santa Lucía e os seus afluentes forman un val de suaves pendentes, onde abundan os bosques, prados e cultivos. Está sucado por numerosos camiños de terra que invitan á exploración e o paseo. Ten elementos que o fan singular, como a vella vía do tren que case non se usa (pero pola que aínda pasa algún tren de mercadorías), e toparemos con frecuencia co seu trazado, cos seus estreitos pasos subterráneos e con pontes. Por esta vía chegaban os Reis Magos a Santiago procedentes da estación da Susana, onde se formaba a comitiva. Contan as xentes da zona que a veciñanza aproveitaba o tren real para achegarse a Santiago a ver a cabalgata; un día quixeron impedirllelo e a aguerrida veciñanza do val de Santa Lucía rebelouse conseguindo que nunca máis lles impediran viaxar coas maxestades de oriente.

Panorámica desde Montouto
Muiño de Baluxa

 

Tanto o río como os seus afluentes contaban con numerosos muíños, o que indica que o cultivo de cereal nesta comarca era importante. Calculamos que habería entre 40 e 50 muíños. Hoxe, como dixemos, quedan dous en uso e algún máis en bo estado de conservación. Outros están tan abandonados que se funden co bosque de galería de tal forma que parece que nos invitan a xogar ao agocho.