Os Castros

Camiño ó Castro

 

 

Entre o patrimonio prehistórico do val de Santa Lucía cabe destacar os tres castros da Idade do Ferro: o castro de Angrois, o castro de Vixoi e o castro da Susana. A palabra castro provén do latín castrum que significa poboado fortificado. Os tres castros mencionados están situados de tal forma que manteñen unha unidade visual, de xeito que fan pensar que poderían permitir un sistema de envío de sinais entre eles para formar unha rede defensiva ante posibles invasións.

O castro de Angrois. Está no límite entre o lugar do mesmo nome e a parroquia do Eixo. Situado nun pequeno outeiro de 260 metros sobre o nivel do mar, mide 76 metros de norte a sur e 65 de leste a oeste; posúe dobre recinto con murallas de pedra e terra. A entrada crese que estaba situada ao norte pero quedou afectada polas obras da AP9. Está próximo ao rego de Angrois e non é facilmente accesible por estar cuberto de toxo.

O castro de Vixoi. Situado nun outeiro a case 200 metros de altitude, levántase na marxe esquerda do río Santa Lucía, que o protexería por ese lado presentando ademais fortes pendentes. Aínda poden observarse nel restos dos muros e foxos que o defendían polo sueste, a parte máis vulnerable. A estrutura central ten uns 80 metros de diámetro e o conxunto, contando os aneis defensivos exteriores, é duns 185 metros. Ao castro de Vixoi chégase facilmente desde a capela de Santa Lucía, por un camiño de terra que vai paralelo remontando o río. Tamén é sinxelo andar por el xa que está cuberto de castiñeiros e carballos que producen un sotobosque polo que é doado camiñar. A que resulta bastante inaccesible é a croa que está invadida de eucaliptos de crecemento espontáneo que están acompañados de toxos e silveiras moi mestas.

Castro do Croto da Susana. Por último, o castro da Susana está a 240 metros de altitude e rodeado polo rego de Marrozos ou dos Ballotes, onde presenta as maiores pendentes. Polos lados máis vulnerables ten defensas formadas por muros e foxos. O centro da estrutura presenta un recinto oval de 129 metros de diámetro noroeste-sueste e 105 metros suroeste-norte, rodeado por terrapléns de ata 12 metros. Posiblemente existiu outro castro en Ardagán, xa que se conserva preto da igrexa un lugar coñecido como o castriño, pero é o único vestixio que queda.

Saida A Susana
Camiño despois de Piñeiro

O Camiño de Santiago e o Camiño Real de Piñeiro. Neste apartado queda por falar de dous importantes elementos históricos do val: o Camiño de Santiago, tamén coñecido como Camiño do Sueste-Vía da Prata e o Camiño Real de Piñeiro, que forma parte do seu trazado. Non imos estendernos no seu comentario xa que están explicados noutra entrada desta web á que remitimos.

Marrozos nos séculos XVII e XVIII. Para rematar imos recoller algunha fonte histórica que nos permite facernos unha idea de como era este val hai uns séculos. Segundo o libro Memorias del Arzobispado de Santiago, escrito polo cóengo don Jerónimo del Hoyo en 1607, que realizou visitas a todas as parroquias da diocese por encargo do arcebispo don Maximiliano de Austria, neto do emperador Maximiliano I e primo do rei Felipe II, a propósito de Marrozos escribe: ten esta freguesía 60 fregueses… E no estudo de poboación que mandou facer o marqués de Ensenada, ministro de Carlos III, no século XVIII, Marrozos contaba cunha poboación de 73 lumes ou casas.