Patrimonio do Sar

Capela de San Brais.

Á entrada do recinto amurallado que rodea a Colexiata hai unha fonte e unha pequena capela dedicada a San Brais. O 3 de febreiro celébrase unha concorrida romaría na honra deste santo avogoso para os males da gorxa.

Ponte de Sar

A ponte de Sar, situada a carón da Colexiata, foi construída salvando o último obstáculo fluvial xa no final da vía da Prata, ou antiga ruta que conectaba a cidade con Ourense e Castela. Está vía penetraba na cidade pola porta de Mazarelos ou pola porta da Mámoa. Unha vez pasada a ponte iniciábase o último tramo de subida polas actuais rúas de Sar e do Castrón Douro.

A ponte é de estilo románico do século XII. Componse de tres ollos -o que dá idea de que o caudal do río era naqueles tempos máis abundante- construídos con forte e ben escuadrada cantería granítica, con tallamares de sección triangular e peitorís de perpiaño con furados de desaugue na súa bases. Constitúe un bo exemplo da funcionalidade deste tipo de construción.

Ten unha lonxitude de 22 metros de longo por 3,50 de ancho e unha altura aproximada de 5 metros no punto máis alto.

Capela de Santas Mariñas

Capela construída na ladeira do monte do mesmo nome. A súa planta é dunha sinxeleza extrema, dunha soa nave con cuberta a dúas augas, e de pequenas dimensións. Ten na súa fachada principal unha pequena espadana rematándoa e unha porta rectangular por toda decoración. Moi preto, o conxunto complétase cunha fonte de pedra de estilo rústico onde antigamente se celebraba o 18 de xullo a festividade da santa, unha concorrida romaría típica do rural galego na que as solteiras sacaban a Virxe en procesión ao redor do templo.

Actualmente, é nesta data o único día no que se abre a capela para a festa e a procesión. A asociación dunha fonte e unha capela é unha constante neste tipo de santuarios, dos que este é unha boa mostra pola sinxeleza e funcionalidade coa que está executado.

Veciños da zona contan que hai moitos anos a fonte contaba con lavadoiros.

Calzada de Sar

Fontes citadas por López Alsina (1988:135) documentan a chegada do viño por esta vía xa no século XII. Na Idade Media, os camiños de acceso á cidade de Santiago podían ser lugares perigosos para o tránsito, sobre todo en inverno debido ás chuvias e ás enchentes que formaban lameiras que dificultaban o paso ás persoas e ás bestas. Diversas testemuñas falan nun informe de mediados do século XVI de ver como os carros quedaban empantanados e as bestas metíanse “hasta la barriga”, téndose que descargar con gran perigo. Este informe pon de relevo os grandes danos que a situación dos camiños producía á cidade, moradores, peregrinos e xentes que acudían aos mercados. Entre os camiños que se citan como perigosos está o que pasaba cerca de Sar. Para atallar o problema, o informe citado aconsella canalizar as augas e facer calzadas de pedra.

A Calzada de Sar xunto co Camiño Real de Piñéiro son elementos singulares do patrimonio histórico de Santiago. A Calzada de Sar resulta ser un tramo ben conservado do Camiño Real de Castela. Cunhas medidas de 350 metros de lonxitude por uns 4 metros de ancho, conserva o pavimento e deseño do século XVIII. Estas datas coinciden coa época na que se promulga o Real Decreto do 10 de xuño de 1781, asinado por Carlos III, que supón o primeiro plan xeral de camiños ben pavimentados de España. Entre Piñeiro (na parroquia do Eixo) e a ermida de Santa Lucía consérvase outro pequeno treito do Camiño Real de Castela.

Cruceiro de Sar

Mide uns 4 m sumando a base, o fuste e a cruz. O fuste, de forma octogonal, ten un perímetro de 0,87 m. Conta cunha notable grada, base cúbica e capitel con volutas, así como con tallas da Virxe e de Cristo, este totalmente pegado á cruz. Está situado no cruce dos camiños que van a Aríns e a Angrois nun terreo de lixeira pendente, e asentado sobre unha base escalonada con cinco chanzos cara ao o poñente e tres cara o nacente. A base do fuste ten unha inscrición que a circunda practicamente ilexible.

O material no que está feito é granito e posúe restos de grandes grampas de ferro de unión entre os chanzos e entre a base e o fuste. Os cruceiros, como este que nos ocupa, forman parte dunha longa tradición viaria de destacada importancia, polo menos desde a época medieval. Hai que relacionar a orixe do topónimo do lugar, Cruceiro de Sar, con este elemento vinculado á Calzada Real próxima.