Patrimonio histórico
San Lazaro

Cruceiro de Amio

Cruceiro do tipo de crucifixo, bastante estilizado. De fuste cilíndrico, apoiado nun pedestal único, irregular e con filete circular. Cruz cilíndrica con talla da Virxe e do Cristo No pé ten grabada a seguinte inscripción: “El Exmo. Sr. D. Rafael de Muzquiz, arzobispo de Santiago concedió 80 días de indulgencia á los fieles que rezaren devotamente un Credo delante de este Santo Cristo, y los mismos por una Salve, rogando a Dios por las ventajas de la Iglesia y del Estado. Se hizo y pintó en 1806 á devoción de D. Antonio Lodeiro y Varela." Segundo a obra Cruceiros na provincia da Coruña, de Luis Martín Ruíz (Deputación da Coruña, 1999), número 79.24.1, Vol. IV, pág. 2181.

Antigo Hospital de San Lázaro

O conxunto de San Lázaro estaba formado polo hospital, cemiterio e unha capela románica ligada a este. O hospital de leprosos fundouse no ano 1149 nuns terreos cedidos por Alfonso Anaya e a súa esposa Adosinda Menéndez, para atender aos cóengos afectados de lepra, que xa con anterioridade se refuxiaban alí construíndo cabanas onde levaban unha vida independente. A leprosería estaba baixo a administración do prior da Colexiata de Santa María de Sar. Era un hospital só para homes, xa que as mulleres eran atendidas noutro que estaba en Santa Marta. Estivo en funcionamento ata 1886. Chegaban alí os enfermos de lepra e de peste de toda Galicia e Asturias entre os séculos XII e XIV. Cando as persoas mostraban algún síntoma, eran expulsados das casas e camiñaban pedindo esmola até chegar ao hospital, onde pasaban corenta días illados. Se os síntomas persistían, os enfermos quedaban a vivir en San Lázaro.

A vella leprosería de Compostela, estivo perdida durante séculos. Foi en 1999 nunhas remodelacións dun edificio da Xunta, cando se descubriu no solar os restos arquitectónicos do conxunto e outros obxectos arqueolóxicos, como fragmentos de cerámica gris medieval. A igrexa foi demolida en 1924, substituída pola actual Capela de San Lázaro (enfronte). As escavacións revelaron que a capela románica tiña planta rectangular e unha sancristía anexa. Tanto o interior da nave como o seu exterior está ocupado por tumbas pertencentes á necrópole. Hai os restos dun edificio de planta cuadrangular que no seu interior tiña un estanque construído con lousas de xisto, xa que o tratamento contra a lepra supoñía unha mellora na alimentación e coidados tales como o baño en mananciais de fontes salutíferas.

No xardín da actual Dirección Xeral de Montes da Xunta de Galicia aínda podemos atopar un cruceiro do tipo de crucifixo, con dúas pequenas gradas, pedestal cúbico, cruz plana e tallas de Cristo e da Virxe.

A lepra era unha das enfermidades máis temidas na antigüidade, xunto ca peste, polas terribles deformidades que ocasionaba nos afectados. A súa atención era un acto fundamental de caridade cristiá, polo que as ordes relixiosas, xunto cos bispos, abades nobres e reis fundaban estes lugares e axudaban ou seu mantemento. Esta enfermidade está catalogada entre os males curables por mediación do apóstolo Santiago. De aí que a maioría das edificacións queden enclavadas no Camiño de Santiago. Coma neste caso que está a carón do Camiño Francés.

As primeiras referencias da existencia da lepra atópanse na cultura exipcia, milenios III e II a.C. Para os crentes, San Lázaro foi o primeiro leproso, de aí que os lugares de reclusión destes enfermos se coñezan como “hospitais de San Lázaro” ou “ Lazaretos, tendo en conta que a palabra latina lazarus significa leproso. Este mal típico da Idade Media, crese que durante o século XII matou a 25.000 europeos. A partir do século XVI empezou a declinar esta enfermidade.

Pero para que vexamos a importancia que aínda ten, destacar que en 1987 lle deron o premio “Príncipe de Asturias” ao investigador venezolano Jacinto Convit polos estudios relativos a esta patoloxía. Na actualidade o tratamento é a base de antibióticos.

O nome do barrio de San Lázaro está vinculado coa enfermidade da lepra ou pelabra. Antes do século XII, víñase chamando barrio das cabanas, en razón a que se daba albergue aos leprosos que alí vivían en cabanas a dous quilómetros da cidade e despois pasou a San Lázaro en referencia ao hospital.

Capela de San Lázaro

Fundada en 1149, non conservando máis que a cruz antefixa que coroa o testeiro do campanario. Está situado xunto o camiño francés. O edificio actual, foi promovido por Enrique Campos, párroco da Colexiata de Santa María a Real de Sar, e executado por Fernando Ragel e Jesús López de Rego en 1924. A igrexa foi consagrada en 1927 ten planta rectangular con ábsida, e porta alintelada con vidreira sobre o que segue a liña dunha oxiva. A espadana é de carácter rexionalista, con dous arcos de medio punto e un óculo intermedio coroado pola cruz antefixa da antiga igrexa. Por enriba da liña apuntada da porta moldéase un notable semicírculo de arco cego de medio punto. En conxunto pódese definir como unha interpretación neogótica dun edificio relixioso, como o reflicten as grandes fiestras apuntadas que esguizan cada un dos tramos da nave e a forma, tamén apuntada da súa portada.

Capela de San Lázaro