Os muíños son das construcións máis típicas dentro do patrimonio arquitectónico rural galego. No concello de Santiago eran moi abundantes en todos os ríos e regos. É difícil cuantificalos pero non é arriscado falar de máis de douscentos.
Moitos desapareceron ou están actualmente nun estado ruinoso, perdidos entre a vexetación da ribeira coa maioría da súa maquinaria desaparecida. Outros conservan a estrutura, muros e tellado, ou só os muros. Non poucos foron reconvertidos en vivenda, como pasou con moitos do Sarela na rúa da Ribeira de San Lourenzo ou na Corredoira dos Muíños, e poucos rastros conservan do seu pasado muiñeiro. Son mínimos os casos de muíños en funcionamento, que saibamos un nas Brañas de Sar e dous no río Santa Lucía…, só tres duns enxeños que funcionaban todo o ano vinte e catro horas ao día e que deron lugar a un rico e picante folclore que permite imaxinar o que alí se “moía”. Foron relegados polos pequenos muíños eléctricos que ben valen para moer o gran que se dá aos animais pero non para cocer pan ou repostería. Un último apuntamento, o número de ocos de saída, tamén coñecidos como “buratos do inferno” indican o número de moas ou maquinarias independentes que tiñan no seu interior.
Aquí ofrecemos unha lista cos nomes de 14 destes muíños que aproveitaron no seu día as correntes do Sarela desde o nacemento ata a súa desembocadura. Camiñando, pois, polas ribeiras deste río atoparémonos co:
Muíño da Casa. Hoxe restaurado coma aloxamento turístico. Coordenadas: 42º 54´ 23.73” N 8º 32´ 39.21” W
Muíño do Romaño (muíño das Catalinas). Protexido no Plan especial como elemento de interese cultural. É unha edificación rectangular e cuberta a dúas augas, con muros de cachotería e cheminea. Coordenadas: 42°54’19.7″N 8°32’38.5″W
Muíño da Burata. O muíño da Burata, de pequeno formato, está abandonado. Trátase dun muíño en desuso pero que aínda conserva o tellado e a moa. Coordenadas: 42°54’09.7″N 8°32’52.8″W
Muíño da Pontepedriña (muíño da Barcia). Mantén muros de cachotería e cantería en linteis e presenta dous ocos. Está no paso á fábrica da Pontepedriña. Coordenadas: 42°54’00.0″N 8°32’58.6″W
Muíño da Tendeira. A construción referida está restaurado como vivenda e é de propiedade privada. Ten dous ollos de saída. Está bastante separado do río, preto do antigo curtidoiro da Pontepedriña. Coordenadas: 42°54’00.0″N 8°32’58.6″W
Muíño do Avío. A construción é un conxunto de vivenda, muíño, hórreo, con tres bocas para desaugue e dúas entradas en L rectangulares. Era unha vivenda feita en cachotería que foi abandonada recentemente. Coordenadas: 42°53’46.2″N 8°32’58.8″W
Corredoira dos Muíños. A Corredoira dos Muíños é un lugar que abrangue unha corredoira ou camiño, onde existe un número destacable de enxeños dedicados á moenda. A día de hoxe, moitos deles están restaurados e ocupados como vivendas particulares, polo tanto pódese tirar a conclusión de que están ben conservados. Coordenadas: 42°53’00.8″N 8°33’20.5″W
Muíño da Perilla. Na actualidade está en ruínas. Consérvanse os muros en cachotería e parte dos píos rectangulares para a curtume. Coordenadas: 42°52’53.1″N 8°33’30.1″W
Muíño dos Cabaleiros. Como se apuntou no parágrafo anterior, este muíño, xunto cos demais desta zona, están restaurados como vivendas familiares. Coordenadas: 42°53’00.4″N 8°33’17.7″W
Muíño das Patrancas. Na mesma situación que o anterior. Restaurado pero para vivenda familiar con acceso á rúa da Corredoira dos Muíños mediante pontella e pista asfaltada. Como a construción anterior, está recebada con cemento e pegado ao leito do río. Coordenadas: 42°52’59.3″N 8°33’26.8″W
Muíño da Ribeira. Casa particular que conta con tres ollos de saída para a auga represada. A represa é interior, é dicir, está dentro do mesmo recinto da vivenda. Coordenadas: 42°52’58.5″N 8°33’28.6″W
Muíño de Carcañeiras (Ponte Sarela). Unha construción ben conservada na que se realizaron traballos de restauración. Consérvase a pontella e a represa que hoxe en día está aterrada. Como muíño está en desuso, funcionando como vivenda particular. Situada na marxe dereita do Sarela. Coordenadas: 42°52’47.4″N 8°33’34.9″W
Muíño do Ciclista. Tamén no paseo do Sarela, na marxe esquerda. Hoxe en día é unha vivenda privada. Coordenadas: 42°52’55.1″N 8°33’30.6″W
Muíño de San Domingos (tamén chamado muíño da Capela). Preto da ponte nova de San Domingos está o muíño da Capela, un muíño-vivenda grande de dous andares que ten bóveda de medio canón na zona onde estaban instaladas as moas (contaba con tres). Este muíño estivo habitado e en funcionamento ata hai uns anos, logo foi expropiado para o Xardín Botánico da Universidade e quedou abandonado. Recentemente sufriu un incendio que destruíu todas as cubertas excepto a bóveda pétrea. Nunca tivo ou foi unha capela. O conxunto conta cun hórreo de madeira pintado de branco e con listóns pintados en negro. Coordenadas: 42°52’26.9″N 8°33’52.8″W
Muíño do Patín. Situado a continuación do de San Domingos, na rúa do Bidueiro, forma hoxe un recinto pechado dedicado a vivenda privada. Ata hai pouco tempo tamén era un lugar dedicado á hostalería. Dentro da mesma construción pódese ver unha represa interior e dúas saídas de auga e pontellas propias de acceso que levan á rúa dos Caraveis e á avenida da Mestra Victoria Míguez. Coordenadas: 42°52’14.5″N 8°34’03.9″W