Fábricas do Sarela

A continuación unha relación das fábricas que estaban nas beiras do Sarela:

Fábrica de Pontepedriña de Arriba

Está situada entre Vista Alegre e a ponte do Romaño, ao lado da Pontepedriña de Arriba e polo tanto no antigo camiño de Bergantiños. Esta fábrica formou parte dun dos grupos empresariais mais sobranceiros en Galicia no século XIX. Era tamén a segunda das máis antigas da cidade. Pecha en 1947.

Fábrica do Rego de Cubeiro (Rúa do Cubeiro)

Os seus inicios están a finais do século XVIII, coa compra de terreos e edificios por parte do industrial Jaime Rius. Comezou a fabricar coiros a partir de 1810, cando estableceron os primeiros píos. As últimas noticias da súa actividade son de finais do século XIX. O seu estado de conservación é malo.

Fábrica das Casas do Rego

Fábrica do Campo do Espiño (Asén)

Situada xunto ao parque de Galeras. Comezou a súa actividade no ano 1808. Os labores de curtume continuaron durante o século XIX e parte do XX, época na que tamén funcionou como fábrica de gasosas e almacén de bebidas ata o seu peche definitivo a finais dos 80. A súa conservación é boa a día de hoxe.

Fábrica das Casas do Rego

Abre no ano 1791, no que hoxe é a pista que vai cara ao Pedroso, preto do Carme de Abaixo, sendo unha das últimas en abandoar o curtido en Compostela. Aínda se conserva a vivenda dos antigos propietarios. Un impoñente muro de pedra arrodea a maior parte das instalacións, aínda que as súas cubertas están comezando a caer.

Fábrica de Santaló

Esta fábrica tamén é coñecida como a de Ribeira de San Lourenzo ou de Ponte Sarela. Data de finais do século XVIII e pechou a finais de 1950. A construción está ó pe do camiño de Fisterra e permanece en ruínas, aínda que unha parte dela foi restaurada en tempos recentes para destinala a vivenda. O seu tamaño indica a importancia que tivo na industria do coiro en Compostela e as súas ruínas conservan píos, instalacións do muíño de casca e canalizacións.

Fábrica Pontepedriña de Arriba

Fábrica do Hospicio Vello

Aparece por primeira vez na contribución do ano 1904, pero xa levaba algún tempo funcionando. Manteríase nunhas dimensións modestas e sen introducir elementos modernos en ningún dos labores. Pecharía contra o ano 1956 e ficou en pé ata o comezo das obras do Hospital Xeral na estrada de Noia xa nos anos 1990.

Fábrica de Guadalupe

Inaugurada en 1806 foi unha das máis grandes de Compostela. Aproveitaba as augas dun afluente do Sarela, o río Corgo. Tamén foi unha das últimas en pechar, xa que non o fixo ata 1971. Sobre os seus cascotes foi construído o barrio de Vite.

Fábrica de San Ignacio do Monte

É unha fábrica pequena que se establece contra 1815 e ás veces aparece chamada como fábrica de Lermo. A finais dos anos 50 interrompe a súa produción. Dela pouco queda, o que conserva en moi bo estado é a condución de auga, de pedra, que procedente do pedroso conducía a auga á tenería.

Fábrica da Zanca

Está na mesma zona que a de Cubeiro ou os Vilares, ao norte da cidade aproveitando regos que corren no tramo máis alto do Sarela, antes do Romaño. A da Zanca é unha tenería moi modesta que dataría de 1834. Os seus restos non presentan maior interese.

Fábrica Pontepedrinha Pios Tapados

A Fabrica do Carme-Entrerríos

No Rueiro de Figueiriñas concentrábanse 5 fábricas de curtidos, esta do Carme-Entrerríos e as catro que veñen a continuación. A fábrica nace a finais do século XVIII e era unha das que se localizaban no tramo urbano do Sarela. Era a que estaba na cabeza das fábricas compostelás. No ano 1889 a fábrica e definitivamente parada, embargada e vendida. Hoxe en día está convertida nunha urbanización de vivendas.

Fábrica do Carme de Garra-Harguindey

Construída a finais do século XVIII. Durante os anos finais do século XIX e a primeira década do XX, a fábrica do Carme traballou xunto coas de Guadalupe e Lavacolla nunha mesma sociedade. Pecha a comezos do século XX. A día de hoxe está destinada a vivenda.

Fábrica de Oyarzábal en Figueiriñas

Nace no ano 1810. No 1833 o balance da fábrica non pasaba dos 96.000 reais. Nese ano cédese a tenería ao matrimonio formado pola súa filla e o seu xenro Juan Iribarnegarey que a vai manter dentro dunhas dimensións reducidas. No 1858 víronse obrigados a ceder unha parte da finca a María Garra para satisfacer varias débedas. Foi convertida en vivenda nos anos da Guerra Civil.

Fábrica da Ponte do Rueiro de Figueiriñas

Era un negocio de curtido que comezou a súa actividade no ano 1797 no barrio de Figueiriñas (parroquia de Santa Susana). A fábrica deuse de baixa no pago da contribución contra o 1856 e estivo xa practicamente sen actividade nos anos seguintes. Pechou a comezos do século XX.

Fábrica de Juanatey do Rueiro de Figueiriñas

Comeza a actividade contra o 1922 cando os mellores tempos do sector xa acabaran. A iniciativa era atípica, pois había xa noventa anos que non se instalaba ningunha nova empresa de curtidos. Recollía un conxunto de pequenos edificios que comprendían unha boa extensión. Non escapa da decadencia do sector de finais dos anos cincuenta e pecha as súas portas no 1961.