Curtidorios

O coiro foi unha das industrias máis estendidas en Galicia. Esta actividade chamada de curtidurías, tenerías e pelamios, deixou unha pegada importante en aspectos sociais, laborais, toponímicos e arquitectónicos e, aínda que o río Sarela aglutinou a maior parte deste tecido industrial, no río Sar  atopamos tamén a pegada desta industria en Compostela.

Fábrica de Amio

Esta fábrica tamén é coñecida como A Casa da Braña. Está situada en Amio, preto da actual vía do ferrocarril Santiago-A Coruña. Os seus inicios datan de principios do século XIX, cando o mestre curtidor vasco-francés Bernardo Arriaga, coa adquisición de foros de distintos agros, consegue os terreos para emprender na industria do coiro. En 1805 xa fabricaba pero non dispoñía de moitos recursos, polo que tivo que ir solicitando créditos para o financiamento de materias primas. Coa morte de Arriaga as débedas eran abundantes e quedou como titular da fábrica o seu fillo Pascual Arriaga, tamén mestre curtidor na Ponte Vella de Vidán, que segue traballando como empregado nesta fábrica e non continúa co curtidoiro do seu pai. Como consecuencia, nos anos corenta este modesto curtidoiro xa estaba fechado. O estado de conservación actual é malo, apenas se recoñece algún resto dos muros da fábrica e algunha canalización.

Fábrica do Viso

Foi construída en 1821 por Pedro de Andrés Ibañez, xenro de Rodríguez Abella, e propietario do curtidoiro da Lavacolla. Este axudoulle facilitándolle algúns créditos para poñela en funcionamento, xa que se trataba dun dos maiores prestamistas da cidade. Tratábase dunha fábrica de dimensión mediana que, á súa morte, en 1854 pasou aos seus fillos, chegando a ser neste momento a terceira da cidade nos pagos de contribución industrial. A finais dos anos sesenta, o interese polo fábrica mingua e os socios nesa altura retiran 161.000 reais para situalos en diversas partidas de débeda pública, que no ano 1881 perderon unha parte importante do seu valor. Esta desvalorización lévaa ao peche definitivo antes da fin do século. O seu tamaño indícanos a importancia deste tipo de industria en Compostela. O estado de conservación na actualidade é desigual; o edificio da vivenda e parte dos sequeiros mantéñense en pé e tamén podemos atopar algún pío en dirección ao río Sar.

Vista do almacén da fábrica de curtidos do Viso
Fábrica do Viso

Fábrica de Picaños

A fábrica de curtumes de Picaños foi unha das últimas en construírse en Santiago pero a primeira das que tiveron de seu os membros da familia Harguindey, que, andando o tempo, chegarían a se constituír como o principal grupo empresarial de curtidos en Galicia, en boa medida debido aos bos resultados deste curtidoiro. Juan Arguindey Garra levaba 10 anos en Santiago, onde comezou traballando como oficial na fábrica do Carme, do seu tío Beltrán Garra. En 1823 mercou varios terreos e unha casa que estaban baixo o dominio do Real Hospital, na ribeira do río Sar. Levoulle dous anos construír neles a fábrica de curtidos que estaba formada por unha casa con almacén, varias dependencias para pías, leiteiras e tamén oito ferrados de campo sementado. No 1829 asociárase co seu irmán Santiago e tres anos máis tarde, en 1832, despois de adquirir o curtidoiro de San Nicolás de Sar, deciden separarse de tal forma que Santiago queda con esta última e Juan coa de Picaños. A fábrica de Picaños foi pioneira ao introducir unha máquina de vapor para mover un muíño de casca.

Chegou a ser un dos principais curtidoiros de Galicia até a Primeira Guerra Mundial. Seguiu funcionando até finais dos anos sesenta, cando pecha definitivamente. Hoxe en día non quedan restos da fábrica, que foi derrubada para construír vivendas.