Cabeceira do Sar

O nacemento

O nacemento dun río é o lugar onde se inicia a corrente. No caso do Sar, o seu andar comeza en San Marcos nun lugar coñecido  como fonte dos Cachos da parroquia de Bando (preto da residencia de anciáns e da asociación ASPAS). Nace dun manancial. Os mananciais orixínanse pola filtración da auga da chuvia ou da neve, que penetra nunha área e emerxe noutra de menor altitude. Xeralmente os mananciais van ligados á presenza de niveis impermeables no subsolo que impiden que a auga se siga filtrando e a obrigan a saír á superficie por desborde. A partir de aí a auga, por efecto da gravidade, buscará saída, sempre descendendo ata desembocar no mar ou noutro curso fluvial e formando a canle que, xunto coa xeoloxía do terreo, irá transformando a paisaxe e dará lugar a vales, gargantas, fervenzas, remansos ou brañas…

Senda do Sar

Percorrido do Sar de norte a sur

Da fonte dos Cachos, o Sar descende cara ao Polígono da Costa Vella. No seu primeiro tramo, tanto o leito como as marxes están moi alteradas polas numerosas infraestruturas que se foron construíndo dende os anos setenta do século pasado, a autoestrada AP9, o periférico, a autovía Santiago-Lugo e a vía de alta velocidade do ferrocarril, que cortan o curso do río en numerosos lugares obrigándoo a pasar por túneles, canalizacións e aliviadoiros. Aínda así, a cabeceira do Sar presenta lugares de grande encanto onde o camiño discorre entre bosques de salgueiros, ameneiros ou carballos. Dende San Lázaro, o Sar avanza encaixado entre o periférico e a aba do monte Viso para, unha vez que atravesamos o río polo túnel da vía do ferrocarril, entrar nunha paisaxe agraria ben conservada, de prados húmidos e terras de labor, nos lugares do Viso e Cotaredo.

A partir de aquí entramos nas Brañas de Sar que se prolongan ata a rotonda de Pontepedriña. Estas brañas atesouran un rico patrimonio de arquitectura da auga, exemplo do sistema agrario tradicional, que utilizaba a auga como fonte de enerxía renovable.  Pola súa importancia, abundancia e calidade, estes elementos tradicionais merecerían unha protección e mantemento mellores.

Unha vez pasamos a rotonda de Pontepedriña entramos no parque Eugenio Granell, o segundo máis extenso de Santiago despois do Campus Sur, inaugurado en 2003. É un fermoso parque urbano no que medran trinta especies diferentes de árbores e onde destaca o bosque de galería do río Sar. Este, contén varias especies de freixos: o freixo común (Fraxinus excelsior), o freixo de folla estreita (fraxinus angustifolia) e o freixo vermello (Fraxinus pennsylvanica), que só medra aquí e na Alameda. Tamén medran amieiros (Alnus glutinosa), salgueiros comúns (Salix atrocinera) e a Carballeira do Restollal, que posiblemente estivo unida á carballeira de Conxo antes das talas masivas que sufriu esta contorna.

Pasando outro túnel no percorrido polo Sar entramos xa no barrio de Conxo. Aquí o río atravesa o Bosque do Banquete de Conxo na antiga finca do mosteiro mercedario e que a partir de 1885 pasou a ser o xardín e a zona de paseo do Manicomio de Conxo, no seu tempo o máis moderno de España. Por este motivo, este bosque mestura carballos da antiga carballeira de Conxo, especies propias de bosques de ribeira xunto con especies ornamentais plantadas cando o centro psiquiátrico era unha das mellores casas de descanso de toda Europa.

Desde o nacemento do Sar ata o lugar da Fervenza, estamos ante case 13 km de senda que transita por un variado e interesante itinerario fluvial que bordea o leste da cidade de norte a sur, flanqueado na marxe dereita pola fachada urbana e polos montes Viso, Gaiás, Santas Mariñás, Seixo e Cruxeiras na marxe esquerda.

Pasarela no Berce do Sar

Afluentes do Sar

No curso do Sar polo entorno do Polígono da Costa Vellla, o Sar recibe as augas dun pequeno regato, o Berce do Sar. Máis adiante atopamos o segundo afluente, o rego de Amio, que nace na parroquia de San Caetano na zona da rúa dos Forniños; de aí discorre entre Mallou de Arriba e Mallou de Abaixo, dirixíndose ao lugar de Amio, desembocando no Sar preto da nacional 634. No seu percorrido polo Concello de Santiago, o Sar recibe as augas doutros catro afluentes de certa entidade, todos pola súa marxe dereita. O principal é o Sarela, que desemboca no Sar en Vidán. Xa na Barcia desaugan os regos Fontecova e Porto Marelo. E por fin, na parroquia de Villestro o río Roxos desemboca nun Sar xa crecido ao pé da antiga fábrica do Pego, nunha contorna natural onde se conservan preciosas carballeiras ademais de restos prehistóricos e históricos, como o Petróglifo do Souto, cruces de termo e as antigas pesqueiras medievais que se cre pertencían ao mosteiro de Conxo. 

Elementos patrimoniais da cabeceira do Sar

No tramo desde o nacemento ata O Viso podemos atopar pontellas, como a Ponte Grande de Mallou, no rego de Amio, ou as de Paredes, no Sar. No rego de Amio quedan restos dun muíño: o de Mallou, que conta cunha canle moi interesante. Xa no Sar atopamos os muíños dos Cuarteis, da Carballa, dos Teixos, da Ponte, de Paredes e da Mañoca. Río abaixo,  no Vieiro chegou a haber tres, dun non queda nada, doutro quedan algúns elementos como o pé e a moa espallados nun prado, e o terceiro mantense en pé pero sen cuberta, conservando tamén unha interesante canle. En canto a fontes, no rego de Amio, tamén coñecido na zona como da Ponte do Medio, atopamos dúas, a Fonte Grande de Mallou e a fonte dos Leprosos, e no Sar destacan a fonte da Carballa, en Amio, e a fonte de Paredes, esta moi ben conservada.

Tamén se conservan restos da actividade fabril do século XIX. Trátase dos restos de dous curtidoiros que, con maior ou menor fortuna, funcionaron nas ribeiras norte do Sar. O máis importante foi o do Viso, do que quedan en pé algunhas construcións e os sequeiros. Augas arriba, moi próximo á actual vía do ferrocarril Santiago-A Coruña, está o modesto curtidoiro de Amio, tamén coñecido como Casa das Brañas, que conserva só algunha canalización e os restos dun par de muros da fábrica. No libro A Compostela industrial. Historia e pegada das fábricas de coiros no concello de Santiago, fala dunha terceira fábrica, a de San Marcos que sería unha instalación de carácter moi modesto da que non queda ningún vestixio.