Os primeiros datos de poboación datan da Idade de Ferro e atópanse en Volta do Castro, falamos do xacemento prehistórico do Castriño de Conxo, composto por un castro prerromano e un dos petróglifos máis famosos de Galicia con gravados de diferentes armas da época como espadas, escudos, alabardas…
Na interesante historia de Conxo podemos destacar entre outros os seguintes feitos. En 1129 (data que se conserva nunha inscrición do claustro románico), unha comunidade beneditina feminina recupera e refunda a pequena igrexa que dá orixe ao barrio, construíndo así o mosteiro de Conxo.
Sobre o ano 1240 constrúese o castelo da Rocha Forte, tamén coñecido como castelo dos Churruchaos. Símbolo do poder señorial e da opresión aos habitantes por parte do arcebispo de Santiago. Destruído na Gran Guerra Irmandiña, posiblemente a maior revolta europea do século XV, entre os anos 1467 e 1469, non volverá ser levantado. Hoxe consérvanse a planta e muros de defensa, sotos e gran número dos proxectís de pedra lanzados con catapultas durante o seu asedio.
A historia deste barrio está moi ligada á Universidade compostelá a través do seu mosteiro. Este foi colexio maior universitario a partir de 1700 e algúns dos seus freires profesores da Universidade. O mercedario Martín de Acevedo consegue traer para Santiago as cátedras de Medicina e Dereito en 1649.
En 1827 nace en Cornes Rosalía de Castro a maior poeta de Galicia e autora, entre outras obras, de En la orillas del Sar, publicado en 1884 e un dos seus poemarios máis famosos.
Concello independente
Din que o nome deste barrio de Santiago deriva de Almerico Canogio, nome do desafortunado amor de Rusuinda asasinado no Camiño de Santiago e que, segundo a lenda fora enterrado na contorna do mosteiro.
Conxo ten tamén o seu protagonismo na constitución histórica dos concellos, historia que arrinca en 1812 cando as Cortes de Cádiz promulgan a primeira Constitución Española. Esta pretende dotar ao Estado Español dun mellor sistema administrativo, sendo os concellos un dos seus puntos máis importantes, pois se pretendía sacalos do caos e a decadencia na que estaban sumidos baixo o absolutismo monárquico do Antigo Réxime. A reacción absolutista frustrará por dúas veces, 1814 e 1823, estes intentos de reforma.
Morto Fernando VII e baixo o reinado de María Cristina, inspirados polas reformas que procuraban as Cortes de Cádiz, o 23 de xullo de 1835 redactarase o real decreto que regulará os novos concellos, baixo o que se constituirá o de Conxo. Este comprendía as parroquias de San Martiño de Laraño, Santa María de Villestro, Santa María de Figueiras, San Cristobo do Eixo, San Martiño de Aríns, Santa Baia de Bando e Santa María de Marrozos, chegando a ter ao redor de 15.000 habitantes.
A ditadura de Primo de Rivera promulgará en 1924 o Estatuto Municipal, nova norma reguladora dos concellos de España. Con esta norma Primo de Rivera pretendía rexenerar a vida municipal e combater o caciquismo, pero isto non ocorreu porque ao non celebrarse as prometidas eleccións, os alcaldes foron elixidos a dedo polos caciques de sempre.
Aínda que o Estatuto Municipal de 1924 non conseguirá acabar co caciquismo, acabará co reinado de Conxo como Concello Independendiente, xa que a partir de 1925 pasará a formar parte de Santiago.
A actual parroquia de Conxo repártese nos seguintes lugares: Conxo de Arriba, Conxo de Abaixo, Cornes, A Curuxeira, A Fervenza, Monte do Seixo, A Nogueira, Pai da Cana, Ponte da Rocha, Ponte Pereda, O Porto, Poza Real, Rial, Rocha Vella, Torrente e Volta do Castro.
Barrio festeiro
O de Conxo é un dos barrios con máis peso da cidade, destacando pola súa gran participación nos entroidos onde adoitan ser gañadores dos premios á mellor comparsa. Visita obrigada merece o tradicional Belén que a familia Otero Moreira de Torrente organiza desde o ano 1946 cunhas 700 figuras, onde non faltan casas, cabanas, estanques, fontes luminosas, lavadoiros e fervenzas …
Moita sona teñen as súas festas: a Mercé e San Serapio, que se festexan as fins de semana da segunda e terceira semana de setembro respectivamente, e que están intimamente ligadas ao mosteiro e á orde mercedaria. Nas festas da Mercé sae o rosario en procesión desde as mercedarias ata Conxo e no San Serapio a procesión arranca das Praterías camiño do barrio.
Como supoñemos que poucas persoas saberán quen era o famoso San Serapio, imos facer unha breve recensión. Segundo a tradición mercedaria, envolta en lendas, San Serapio é un santo de orixe irlandés que nace no 1179 e que estivo enrolado como soldado nos exércitos de Ricardo Corazón de León e de Alfonso VIII. Convertido en mercedario en 1222, é nomeado redentor realizando varias redencións de cativos en territorios musulmáns, ata que el mesmo cae cativo en torno a 1240 e sofre martirio no norte de África. Na portada do mosteiro figura San Serapio, xunto a outros tres santos mártires mercedarios do século XIII.