Afluentes e zonas de baño

Rego Corgo. O río Corgo, tamén coñecido como río Corvo, é o afluente máis destacado do Sarela. Nace en Meixonfrío, á beira da rúa do Corgo, ao norte da cidade, e xúntase co Sarela á altura do Monte Pío no parque de Galeras. Os seus pouco máis de 5 Km de percorrido están repletos de etapas que alternan tramos en superficie con outros en que vai canalizado baixo terra, alí onde a súa canle atravesa rúas do casco urbano.

O Corgo, no seu percorrido atravesa seis parques ou zonas verdes da cidade. Pouco despois do seu nacemento en Meixonfrío, escóndese e reaparece no parque de Salgueiriños. Desde o parque de Salgueiriños é canalizado artificialmente, discorrendo subterráneo ata reaparecer de novo no parque da Ponte Mantible, en San Caetano, pasa por debaixo do acueduto do mesmo nome que data da Idade Media e que formaba parte da rede que abastecía de auga as fontes do Centro Histórico compostelán e a propia catedral. Desde aí atravesa o parque de Pablo Iglesias en Vite para de novo ser canalizado baixo terra e reaparecer na valgada de Vite; segue camiño do parque da Música, onde forma o lago do Auditorio de Galicia, bordea o parque de Vista Alegre (Finca Simeón) por unha canle artificial de pedra moi rústica e fermosa e atravesa o parque de Galeras unindo, por fin, as súas augas ás do río Sarela. O Corgo fornecía de auga o curtidoiro de Guadalupe, situado no barrio do mesmo nome e cuxos restos desapareceron cando se construíu o barrio de Vite. Tamén posuía no seu curso baixo varios lavadoiros, como o situado en Pelamios, fronte á igrexa de San Xoán, que hoxe está reconvertido en mesa de tenis.

Rio Corgo, Parque da Música

Rego de Bar. Este pequeno afluente do Sarela nace no monte Pedroso, un pouco máis arriba das minas de auga da Granxa do Sexto, bordea este parque e baixa paralelo á rúa das Casas Novas para continuar por leiras privadas entre Monte Pío e San Paio en dirección ás Casas do Rego, grupo de casas que reciben o nome do propio río. Pasa por debaixo da estrada que conduce a Figueiras e penetra no predio do curtidoiro das Casas do Rego, hoxe abandonado pero que estivo en funcionamento desde 1791 ata mediados dos anos 70 e foi un dos máis importantes da cidade. Xusto ao pasar a fábrica, as augas do rego de Bar únense ao río Sarela máis abaixo do barrio do Carme.

Antigas zonas de baño. Hai máis de 40 anos que a xente deixou de usar o río para acudir no seu lugar ás numerosas praias das rías de Noia-Muros e Arousa, principais destinos de bañistas e veraneantes da cidade. Pero antes eran os ríos próximos, o Sar, o Sarela e Chaián, no Tambre, os que servían para refrescarse e pasar os calorosos días ou tardes do verán.

Río Sarela

O Sarela contaba polo menos con catro destas zonas. Seguindo o curso do río desde a súa cabeceira, a primeira que atopamos é a Ola, na zona do Romaño, que, segundo nos informan, aínda é utilizada. Un pouco máis abaixo, pola altura do Avío, está a praia máis famosa do Sarela, o Cadrado, onde podían chegar a se xuntar máis de trescentas persoas nun día bo de verán. Entre Lermo e Santa Isabel, o lugar de baño era a Cachoupa e, xa na zona de San Lourenzo, a Perilla. De seguro había máis, pero estas son as que localizamos falando coa veciñanza da zona.

 

Tamén eran zonas de baño as presas dos muíños, tanto as que se facían no leito do río para desviar a auga por canles para mover o rodicio, como as represas situadas a carón das bocas dos muíños que almacenaban a auga para os tempos de escaseza.