A malla

En Galicia a malla era máis que un traballo. Chegou ser un dos encontros máis esperados do ano, xa que non só traballaban os donos da leira, senón que se xuntaban veciños e veciñas e familiares. O traballo remataba cunha comida comunal e festiva.

Nas parroquias que bañan o río Santa Lucía e os seus afluentes aínda lembran con nostalxia as mallas que, desde hai séculos, se viñeron celebrando ata os anos 60-70 do século pasado.

Facíase a finais de xullo ou primeiros de agosto, cando máis quentaba o sol, e había as mellores condicións para cortar o cereal e secar a palla.

A sega do cereal (trigo, centeo etc.) facíase co fouciño deixando as mancheas na canle (rego) da leira unhas horas para que secasen ao sol. Logo collíanse as mellores mancheas, sacándolles as herbas e igualándoas ben, e atábanse con palla para facer a manchea ou monllo. Cando tiñas varios monllos, collías o vencello (artiluxio de madeira que asemellaba un corno ) e atábalos de pé en grupos formando medas na leira. As medas subíanse ao carro para seren transportadas á eira, onde se levantaban os medeiros (tamén lles chaman medas).

malla- medas a secar

No medeiro ou meda ían colocándose grupos grandes de monllos; os mollos amoréanse de pé en círculo arredor dun pau. Ao final, o medeiro cubríase con palla para evitar que se mollara o gran. A exposición ao sol dos mollos nos medeiros facilitaba que o gran se soltara mellor na malla.

Malla- As medas 1959


O día da malla collían os mollos da meda, desatábanos e colocábanos en círculo coas espigas cara ao centro para mallalos. Logo separábase a palla e o cereal medíase e limpábase con cribos diversos que eliminaban os restos de palla, po e areas que puidesen quedar. “Limpo de po e palla” é unha frase relacionada coa malla que data do medievo, cando os señores esixían que o gran se lles entregara limpo de todo. Unha vez que o gran está limpo gárdase en huchas, tullas ou arcas, segundo a zona, á espera de levalo moer ao muíño a medida que se vaia precisando para facer pan, empanadas e doces.

A malla foi desaparecendo aló polos anos 60 do pasado século.

Antes da malla, se había monllos danados poñíanse en balas, o que consiste en endereitalos poñendo uns enriba doutros porque para mallar ben o trigo era conveniente que estivese dereitiño.

A trilla ou malla é a operación de bater nun cereal (trigo, centeo, avea) cun mallo ou manle coa finalidade de separar o gran da palla. Faise sobre un solo preparado para a malla, chamado eira ou aira segundo as zonas. Días antes da malla, preparábase ao aire libre un terreo aplanado e limpo, no que botaban o manlli, unha mestura de bosta de vaca con auga creando unha pasta que se deixaba secar ata que se endurecía a modo dunha especie de cemento, para recoller o gran e que non se mesturase coas pedras e area do chan. A eira debía estar nun lugar da casa, se era individual, ou da aldea, se era comunitaria, ben solleiro e aireado, para que secaran ben as medas e poder limpar o gran na operación de aireado.

Rematada a malla todas as persoas que participaran eran agasalladas cun xantar que remataba con cantos e bailes.

Esfollado das mazorcas. A finais do verán facíase o esfollado. Esfollar era a operación de limpar as mazarocas de millo das follas que as envolven. Con estas follas secas, tempo atrás, confeccionábanse os colchóns para durmir, que se renovaban todos os anos.

A xente que os usou fala con agarimo deles: “Claro está, facía moito ruído cada vez que te movías, pero metíaste na cama, empezabas a moverte para facer un niño, de xeito que acababas rodeada polo colchón ben quentiña”. Naquel rural nada se desperdiciaba.