UN CRUCEIRO MALDITO
En Conxo houbo un cruceiro maldito a causa dun malentendido
En Conxo houbo un cruceiro maldito a causa dun malentendido
As orixes desta cruz de pedra están nos comezos do século XVIII. Manuel Joseph Ramírez de Arellano y Sotomayor era fillo dunha familia fidalga. Segundo se recolle na tradición e nalgúns documentos da época, Ramírez de Arellano achegouse ás leiras que conformaban daquela, as terras de Conxo e alí segundo unhas fontes bateuse en duelo e morreu no enfrontamento e noutras foi atacado por uns homes emboscados na noite que o mataron.
A súa nai, Isabel de Sotomayor, pagou a creación dun cruceiro e a súa colocación no mesmo lugar da morte do fillo. Naquela época os canteiros gravaban as inscricións como cadraba e no que encargou dona Isabel, esta práctica deu lugar a un feito cando menos curioso. O pedestal levaba unha inscrición que dicía “AQUI FINO D. MANVEL JOSEPH RAMIREZ DE ARELLANO RVEGUEN A DIOS POR EL AÑO DE 1718”, pero os canteiros separaron a última sílaba de Arellano que pasou á outra liña xunto con rueguen a Dios por el, resultando que a inscrición viña dicir “AQUI FINO D. MANVEL JOSEPH RAMIREZ DE ARELLA NO RVEGUEN A DIOS POR EL AÑO DE 1718”.
Esta confusión fixo que durante moito tempo se considerase este cruceiro como “maldito”, ata que o aclarou o historiador Perez Constanti ao revelar que o apelido do finado era Ramírez de Arellano.
A partir de aí comezan as vicisitudes deste monumento relixioso.
No século XIX este cruceiro estaba situado na rúa de Matacáns, que ademais se indicaba como o lugar do infortunio que lle custou a vida a Ramírez. Despois foi movido á praza de Fonseca. O motivo foron as obras do Ensanche compostelán. De Fonseca pasou a San Fiz de Solovio na zona do Mercado de Abastos, onde continúa. A inscrición está moi gastada e xa non se le. E no lugar onde orixinalmente fora colocado, permanece a memoria do finado en tan tráxicas circunstancias no nome das 212 vivendas sociais construídas no ano 1960 coñecidas como Casas de Ramírez no centro do Ensanche compostelán.
Unha curiosidade máis. Cando iniciamos este traballo sobre os cruceiros de Conxo tivemos moitas dificultades para identificar cada un deles e seguir a súa historia. O motivo é que todos son denominados o Cruceiro de Conxo, o que fai moi difícil determinar a cal se refire o que atopas ou estás lendo nos documentos. O feito, é que no actual barrio de Conxo só se conserva un cruceiro en bo estado enfronte da igrexa do Mosteiro, doutros dous quedan pezas soltas, con elas fixéronse reconstrucións que podemos ver no cruzamento de Sánchez Freire con García Prieto e no Hospital Provincial. O cuarto cruceiro de Conxo é o de Ramírez de Arellano que mira ao seu antigo barrio desde San Fiz como dicindo: “non deberían cambiar os cruceiros de sitio”.