
Nas beiras do Sarela atopámonos co Pazo de San Lourenzo de Trasouto. Aínda que situado a pouco máis dun quilómetro da Cidade Histórica, parece suspendido noutra dimensión.
Temos que remontarnos aos primeiros anos do século XIII (a primeira referencia ten data do ano 1216 nunha carta de confirmación do rei Afonso IX de León) para obter datos da súa fundación como unha colexiata que alberga unha pequena comunidade de cóengos. A súa orixe atribúese ao bispo de Zamora Martín Arias, de orixe compostelá, que buscaba un lugar apartado na súa cidade para pasar os seus últimos anos de vida.
A finais do século XIV, o Cabido de Santiago cede a colexiata aos franciscanos. Nesta cesión ten un protagonismo fundamental frei Gonzalo Mariño que, vinculado familiarmente con Lope Sánchez de Ulloa e Moscoso, o primeiro dos condes de Altamira, recibirá deste moitas terras con bosque e hortas para o convento.

Será na época moderna cando os franciscanos protagonicen a historia de San Lourenzo. Neste momento configúrase a arquitectura actual do palacio e boa parte da contorna natural e da leira que hoxe coñecemos, grazas ao padroado da Casa de Altamira. As cesións da Casa de Altamira non incluíron a carballeira inmediata, nunca cercada, que foi doada por Lope Osorio de Moscoso á cidade de Santiago en 1546, e que deu lugar a reclamacións legais ata finais do século XIX en que definitivamente é confirmada a propiedade municipal.
Coa desamortización de Mendizábal (1835-1837), o edificio é requisado polo Estado, tendo os franciscanos que abandonalo. O conde de Altamira oponse á decisión administrativa e defende que o mosteiro fora doado á igrexa para que habitasen nel os franciscanos polo que, se non tiña ese uso, a propiedade tería que volver aos seus lexítimos donos e non ao Estado. Comeza daquela unha pugna de varios anos pola súa propiedade tras a cal a Xustiza dá a razón ao conde de Altamira. Tras a morte do marqués de Astorga, é a súa filla a herdeira do mosteiro, quen o ofrece de novo aos franciscanos. Os monxes non aceptan o ofrecemento ao teren xa un mosteiro onde residir, polo cal a duquesa de Medina de las Torres decide restauralo e adaptalo á estética dun pazo galego, habitándoo como residencia e enriquecéndoo con valiosas obras de arte procedentes do seu patrimonio de Sevilla.
O pazo de San Lourenzo foi declarado monumento nacional en 1979. “Pola súa localización periférica, a súa contorna rústica e o seu tupido rostro arquitectónico, carece da magnificencia que gozan os grandes conventos e mosteiros composteláns. Pero o seu valor non reside na súa visibilidade; así a todo, reside na xentileza con que se reprega para protexer os seus singulares tesouros” como moi ben sinala e resume Juan David Díaz López no seu libro O Pazo de San Lourenzo de Trasouto.
Actualmente o pazo é explotado como complexo hostaleiro e é posible visitalo os martes e xoves de 11.00 a 13.00 e de 16.00 a 18.00. A visita permite o acceso á igrexa, a sancristía, ao claustro, a algún dos salóns nobres e ao xardín que contén exemplares sobresalientes de diversas especies como camelias, tuias xigantes, rododendros e faias entre macizos de buxo, escaleiras, ceadores, bancos e terrazas de estilo decimonónico.