Valores Artísticos e Arquitectónicos
O convento construído no século XII seguía as técnicas e deseños propios do Románico. Desa época o edificio só conserva dous arcos de medio punto e parte do claustro.
O convento construído no século XII seguía as técnicas e deseños propios do Románico. Desa época o edificio só conserva dous arcos de medio punto e parte do claustro.
Segundo a escasa documentación da época, sábese que daquela, o mosteiro tiña tres naves. En todas elas podían verse figuras labradas en pedra, representación do Antigo e Novo Testamento.
O mantemento deste mosteiro fornecíase de doazóns, rendas e outras achegas das xentes do lugar. Pero no século XV tanto as monxas como o mesmo convento, pasaban por unha mala época, documentándose o estado ruinoso do edificio.
Nese momento o arcebispo compostelán Fonseca recibe da superiora da orde, a renuncia ao convento e posesións. Fonseca entrega o patrimonio aos monxes mercedarios a perpetuidade. Comeza nese momento a primeira grande reforma arquitectónica do primitivo edificio pero deses anos non hai moita documentación.
Podemos dicir que aínda quedando restos da época medieval, e das obras feitas no século XV, a partir do século XVII é cando se datan as maiores obras de remodelación. As esixencias eran construílo todo en perpiaño, pero se non for posible, podería facerse en cachotería sempre que non se vise a primeira vista, e para as obras de remodelación desta época foron reciclados materiais do primitivo convento medieval.
De 1608 temos constancia do inicio de obras por parte do mestre González de Araújo, quen terá a encarga de restaurar, cando non derrubar e reedificar, partes enteiras que ameazaban caeren. Entre 1693 e 1710 traballa frei Gabriel de Casas na nova igrexa.
A acción máis significativa foi a fachada principal do mosteiro, obra de Simón Rodríguez, coa portería de Clemente Fernández Sarela (século XVIII).
Simón Rodríguez, arquitecto santiagués é un dos máximos expoñentes do barroco de placas, traballa na remodelación do mosteiro entre 1729 e 1737, proxecta a fachada actual, o claustro, os retablos da igrexa e a capela do Santo Cristo. Nesta capela está o Cristo Crucificado obra de 1628 do escultor monfortino Gregorio Fernández, un dos paradigmas do barroco español quen nos presenta unha magnífica talla de grande realismo. Simón Rodríguez non só se ocupou da capela, senón que tamén deseñou para esta uns sepulcros de tipoloxía moi novidosa.
Na igrexa aínda compre mencionar dúas obras importantes da imaxinería de Compostela, un San Xosé e un Santo Andréque Ramón Otero Túnez atribúe a Mateo de Prado, escultor galego discípulo de Gregorio Fernández. Mateo de Prado é autor, entre outras obras en Santiago, da cantaría do coro de San Martiñó Pinario. Estas tallas podemos velas na nave lateral esquerda, onde tamén se atopa unha figura de Santiago peregrino, unha representación do Apóstolo moi pouco frecuente que ademais indícanos a vinculación deste mosteiro co Camiño Portugués que pasa ao seu carón.