No ano 1891 asínanse acordos para que as catro deputacións galegas e a de León poidan enviar a Conxo persoas pobres con problemas psiquiátricos ao seu cargo. Previamente a ingresar no manicomio, as persoas acollidas de beneficencia, tiñan que acreditar a súa condición de dementes e de pobres.
As condicións de estancia non eran iguais para todos os ingresados. Ata 1972, os enfermos e enfermas estiveron divididos en clases, e a calidade da atención dependía das súas achegas. Así por exemplo, en 1ª clase, achegando 12 pesetas diarias (do ano 1920), tiñan dereito a “habitación independente na 2ª planta, espaciosa, ventilada, soleada e servizo propio”, e unha alimentación que consistía en “ao xantar: té, café ou chocolate, con ou sen leite; a comida: sopa, cocido, tres pratos e postres”. En 5ª clase, pagando 2 pesetas, estaban en dormitorios comúns, cunha alimentación consistente en sopa e cocido para xantar e un prato á cea, amén do almorzo e as sobremesas. Por abaixo destes estaban aínda os acollidos e acollidas, que dependían da beneficencia das institucións, que achegaban 1,75 pesetas diarias por persoa.
O manicomio publicitábase por Europa, a principios do s. XX mediante postais, como un centro de luxo para o relax, cunhas magnificas instalacións de pago. En 1910, unha delegación inglesa de prensa, visítao, e un dos xornalistas, que era “visitador oficial de manicomios” no seu país, di que “as instalacións de pago non eran igualadas polas de ningún establecemento inglés da súa clase”, e así consta nas crónicas xornalísticas da época.
As clases con diñeiro, usaron o manicomio como lugar de descanso, e tamén como refuxio, en situacións socialmente comprometidas (mulleres solteiras embarazadas, alcohólicos ou toxicómanos, mocidade contestataria…). Ingresaban en 1ª clase, sen mesturarse co resto de internos e internas, e en moitos casos, con serventes propios e atención médica especial.

A masificación, as pobres condicións hixiénicas e a escasa manutención dos enfermos de beneficencia, son factores que provocaron que en determinados momentos, a mortaldade das persoas ingresadas fose elevada, especialmente nos anos da guerra e a posguerra.
Ata 1953 foi a única institución deste tipo en toda Galicia. No 1969 o merca a Deputación da Coruña e emprende lixeiras reformas. Esta nova etapa supón un cambio, xa que se incrementa o persoal, muda a política de atención ao introducirse novas tendencias na atención psiquiátrica etc. En 1993, o Hospital Psiquiátrico de Conxo é transferido ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS).