Galicia, na Idade Media e nos séculos posteriores, presenta unha rede viaria tan pobre e deteriorada que transitar por ela supón unha auténtica aventura.
Importante era a construción e, sobre todo, o mantemento de pontes fortes e seguras que servisen para cruzar os moitos e caudalosos ríos que bañan as terras galegas. Por documentos históricos sabemos que xa a finais do século XI, polo estado de abandono e inseguridade das rutas, se producen enfrontamentos entre os comerciantes e a nobreza de Santiago.
No século XVI, Juan de Villuga, no seu repertorio de camiños de 1546, e Alfonso de Meneses, en 1576, rexistran tres ou catro rutas básicas de herdanza medieval na Galicia dese momento: o camiño de Santiago á Coruña, de 10 leguas, o da Coruña a Fisterra, de 12 leguas, o de Santiago a Fisterra, de 16 leguas, e o de Santiago a San Xoán de Pé de Porto, de 152 leguas e que coincide co máis tradicional Camiño de Santiago. A estas vías principais sumaríase unha extensa rede de corredoiras que comunicaban aldeas e parroquias contiguas, moitas difíciles de transitar en época de choivas.





Aínda no século XVIII a maioría son camiños de ferradura (transitables só a pé ou para reatas de mulas e cabalos) e poucos son obxecto das suficientes reformas para transformalos en camiños de roda (aptos para o paso de carruaxes ou carretas). A fins do Antigo Réxime, a rede viaria de Galicia é dunha gran precariedade, tanta que ata a finalización en 1772 do camiño real de Madrid á A Coruña, Galicia era inaccesible ao tráfico rodado desde o exterior. O coidado dos camiños e pontes cara ao século XVIII é responsabilidade de cada parroquia e poucas cumprían coa súa obriga.
Sabemos pola obra de Labrada, El comercio de Galicia y con Galicia en la economía mundial del siglo XVIII. Para un estado de la cuestión, da dificultade de percorrer os camiños nos que, entre outros accidentes da complicada orografía galega, os ríos constitúen grandes obstáculos difíciles de salvar. Di Labrada: caminos estrechos y costaneros, de puentes arruinados, de puentes de madera muy peligrosos o de falsos puentes formados de troncos de pino cubiertos de tierra y tojos, ninguno de los cuales podía cruzarse a caballo ni “transitarse sin grave riesgo”, habiendo de cruzarse por vados o barcas, o apeándose para cruzar a pie por puentes de madera ríos como el Miño o el Lea. En las jurisdicciones de montaña la mayoría de los puentes eran de madera y los llevaban frecuentemente las corrientes. Los vecinos no podían cruzarlos con sus carros ni para el servicio de sus labranzas en invierno o cuando los ríos no estaban vadeables. Algunos puentes romanos o medievales, como los de Gatín y de San Martín de la Ribera sobre el río Navia necesitaban ser reconstruidos, igual que el de Belesar en Chantada sobre el Miño.
Á parte da inseguridade debida ao estado dos camiños, outras circunstancias fanos aínda máis difíciles de transitar ao longo dos séculos. Grazas a escritos de Bernardo Barreiro de 1883, sabemos do medo dos transeúntes na zona de San Lourenzo, principalmente a horas escuras, onde se dicía que aparecían almas en pena vestidas de túnicas brancas acendendo e apagando cirios, acompañando o cadaleito do pecador impenitente. Tamén abundaban bandoleiros que se apoderaban das pertenzas dos comerciantes e dos peregrinos.