O sistema agrario tradicional

Polo que sabemos, a conformación da paisaxe tradicional da Galicia rural está basicamente rematada arredor do século XII e  permanecerá, sen case cambios, até os anos 70 do pasado século. Dicimos sen case cambios aínda que os houbo xa que a paisaxe non é unha realidade estática, así imaxinemos os que supuxeron a introdución de cultivos americanos como o millo e a pataca a partir do século XVI. Porén as diversidades, podemos identificar uns elementos básicos que caracterizan a paisaxe tradicional de Galicia:

Espantallo no millo
  • Complementariedade entre aproveitamento intensivo do agro e aproveitamento extensivo do monte.

  • Emprego dunha tecnoloxía complexa que utiliza o arado con tracción animal na labra con sucos para drenar o solo e o uso de estrume como fertilizante para conseguir varias colleitas ao ano no mesmo terreo. O estrume obtense da mestura entre o toxo e os refugallos do gando. Por cada unidade de terreo de cultivo intensivo, fan falla entre dúas e catro unidades iguais de toxo, o que nos pode indicar a importancia, que até os anos 50 do pasado século, tiña esta planta que hoxe cobre algúns dos nosos montes sen que ninguén se preocupe de collelo, pero non hai tantos anos, era incluso obxecto de roubo e non poucas disputas. Os lugares dedicados á plantación de toxo coñecíanse como chousas ou curros. 
  • Suavizado das pendentes do terreo mediante a construción de terrazas ou socalcos que facilitan o cultivo e evitan a erosión acelerada do chan. Canto maior é a pendente máis estreitos son os socalcos.

  • Sucesión característica dos pisos ecolóxicos: terreo inculto nas cristas, áreas de monte nas terras altas, bosque na transición entre estas e as terras baixas, aldeas a media ladeira, cortiñas e agras próximas ás vivendas, a continuación fragas nos tramos inferiores das vertentes, pastos húmidos na base do val e bosque húmido nas ribeiras do río.

O noso campo está máis ou menos organizado da seguinte forma. As aldeas adoitan estar asentadas a media ladeira e o terrádego está formado por un conxunto de terreos de diferentes calidades e usos. No terreo inmediato ás casas están os eidos ou hortos, leiras pequenas de mellor calidade, que reciben os maiores coidados con esterco e rego abundantes e nas que se plantan legumes, hortalizas, patacas, froiteiras etc.

De maior extensión que os eidos son as cortiñas, terras tamén de boa calidade que reciben rego e esterco, utilizadas para cultivos hortícolas en ocasións, pero destinadas principalmente a cereais (trigo e millo), plantas forraxeiras como nabos e froiteiras nos lindes. 

Campo de navizas

Preto das casas, pero a un nivel máis baixo, están as agras ou agros (se son máis pequenos). Son un conxunto de pequenas leiras cercadas cun peche único para evitar a entrada do gando que pacía libre, e explotadas por varios propietarios que tiñan unha serie de obrigas colectivas para organizar este terrádego, como o establecemento dun calendario agrícola ou a rotación conxunta. Permitían unha explotación de grande intensidade: cereais no inverno (trigo, avea e centeo) e no verán patacas, millo, nabos e legumes. Son coñecidas con varios nomes como veiga, por exemplo.

Os prados que alimentan o gando situábanse no fondo das ladeiras de maior pendente e as máis húmidas, polo que se distinguían prados de secaño e prados de regadío, chamados lameiros.

Por riba das casas sitúase o monte, terras que poden parecer incultas e que porén son o soporte fundamental do sistema agrario tradicional. O monte proporciona madeira e leña, serve de pasto para o gando, amplía o terreo cerealeiro co sistema de roza e fornece de materia prima para o esterco que constituía o fertilizante orgánico esencial para manter o rendemento das terras de traballo intensivo e que requiría unha gran cantidade de toxo.