A nova capela do Carme de Abaixo

A igrexa do Carme de Abaixo, coñecida así para diferenciala da igrexa do Carme de Arriba, veciña esta última do convento de Santa Clara, foi construída ao bordo do río Sarela e á beira da ponte do Carme de Abaixo. A súa construción, promovida pola Confraría da nosa Señora do Carme, coincide nun momento especial en que confluirán os postulados do luxoso Barroco, que se nega a desaparecer, e a nova arte que trata de impoñer austeridade, o Neoclasicismo, manifestándose neste momento a tensión entre recargamento e sinxeleza, e entre licenza e rigor á norma. Esta capela reflicte esas tensións, pero antes de falar dela paga a pena dar algunha información sobre a confraría que a manda construír.

carme de abaixo igrexa

A Confraría da nosa Señora do Carmen nace o 1 de xaneiro de 1749. A maioría das confrarías de Santiago afloran con maior forza nos séculos XVII e XVIII, e teñen maioritariamente orixe gremial. Pero a Confraría do Carmen nace por causas estritamente relixiosas:  no espiritual, pola posibilidade de gañar indulxencias e beneficiarse dos sufraxios ofrecidos permanentemente polos irmáns defuntos e, no material, polo auxilio que se presta á familia do confrade defunto aguilloada pola necesidade, sen esquecer o dereito que os confrades tiñan de gozar dunha xornada festiva de confraternidade. Estas festas, sobre todo na segunda metade do século XVIII, eran especialmente vixiadas polas autoridades relixiosas debido ao excesivo gasto en que ás veces incorrían.

Entre outros labores, a confraría acompañaba os confrades na súa agonía, velaba o cadáver, facilitaba a mortalla, asistía ao enterro, celebraba sufraxios individuais por cada confrade defunto e xerais por todos os da irmandade, tal e como se recolle no libro As confrarías galegas no Antigo Réxime de Roberto J. López López. Nos séculos XVII e XVIII o traslado do defunto desde a casa á igrexa era ocasión de lucimento para a familia e para os que pertencían a unha confraría, este lucimento tíñano asegurado coa presenza de tres ou catro sacerdotes na comitiva.​

A NOVA IGREXA

A actual igrexa do Carme de Abaixo foi encargada pola Confraría do Carme e a súa construción desenvolveuse en dúas fases. A primeira entre 1750 e 1773 e a segunda no século seguinte, a partir de 1867.

Na construción do século XVIII, as obras prolónganse extraordinariamente debido á crítica situación económica de Galicia en toda a década de 1760, causada polas malas colleitas, a crise agraria e a carestía extrema. A situación é tal que a Xunta do Reino de 1769 dirá que Galicia “está para dar o último suspiro”.

carme de abaixo igrexa

 

Interveu na construción do século XVIII o arquitecto Clemente Sarela e é probable que tamén Lucas Ferro Caaveiro. É un templo de estilo barroco clasicista durante cuxa construción se perde o sinal do barroco compostelán dando como resultado unha obra de carácter moi rural. Consta dunha planta moi sinxela, dunha soa nave rectangular, cuberta a dúas augas cunha lanterna circular no centro.

No século seguinte, reformarase para darlle un maior ancho. Estas obras
non só rompen a proporcionalidade da capela construída no século XVIII
senón que tamén reducen a luz ao eliminar unha xanela lateral do muro
sur que será substituída por un pseudo e pouco afortunado cruceiro.

A fachada distribúese entre pilastras que enmarcan a porta sobre a que se sitúa unha furna coa imaxe da Virxe do Carme que a preside, representada cunha tipoloxía nada frecuente que, de feito, é a primeira e única vez que se empregará en Santiago. Un pouco máis arriba vese o escudo carmelitano. Coroa a fachada unha torre campanario de tipo moi común e similar ao doutras igrexas da cidade, que se sitúa encima do frontón curvo de remate. No muro lateral norte atópase un relevo que representa os santos fundacionais da confraría: a Virxe do Carme e San Eleuterio, que posiblemente foi colocado cara ao ano 1900.

A traza do retablo maior de 1767 pódese atribuír a Miguel Ferro Caaveiro segundo un recibo que consta no arquivo parroquial. Presenta mestura de elementos rococós xunto a outros de estilo neoclásico. Presídeo a Virxe do Carme rodeada de San Brais, San Emixidio, San Ramón, Santa Quiteria e San Gabriel, unha cohorte que insiste na salvación dos perigos tanto materiais como espirituais. De todas as figuras, a máis valiosa é sen dúbida a de Santa Quiteria, obra de José Ferreiro e que mostra as características estilísticas dos talleres composteláns do terceiro cuarto do século XVIII.

No exterior, convidamos o visitante a descubrir un taboleiro de xogos gravado na pedra similar aos que se poden ver en San Lourenzo e en moitos lugares da cidade.

carme de abaixo igrexa retablo

A ANTIGA CAPELA

capela carmen de abaixo

Antes da construción da igrexa actual existía unha pequena capela coñecida como da Nosa Señora da Ponte do Arcebispo, como indica un gravado de 1752 conservado no arquivo parroquial. Sabemos que esta capela era de pequenas dimensións por un documento da confraría:

“..a devandita capela é moi reducida, en que non cave mais de dúas ducias de persoas.. nos días festivos oien misa fóra”.

Abunda na necesidade dun templo maior outro documento do fondo da confraría que di:

“.. a petición do vezindario pola necesidade de oir misa en tempos rigorosos do inbierno e sentirse faltos do consolo espiritual pola longa distancia  que hai desde o lugar.. onde está a devandita capela e a parrochia” referíndose a San Frutuoso.

Esta ermida manterase en pé moi pouco tempo porque na Xunta de Cabidos do 9 de marzo de 1760 acordarase facer unha nova, polas evidentes razóns que expoñen os documentos que se gardan na parroquia e na confraría.