Lavandeiras e o
oficio de lavar
Nos séculos XVIII e XIX e na primeira metade do XX os traballos das mulleres e a man de obra infantil, eran un complemento indispensable para equilibrar o presuposto familiar. As mulleres exercían unha ampla variedade de oficios, aínda que predominaban tres ramas: o servizo doméstico, a confección e reparación de vestidos e enxoval doméstico que ocupaba a modistas e costureiras e a industria téxtil.
Antecedentes
Partindo dos niveis inferiores de preparación necesaria para o desempeño dun traballo e indo cara os superiores, observamos que na base atópanse xornaleiras, muiñeiras, fiandeiras e tecedoras, taberneiras, así como o denominado servizo doméstico externo composto por mandadeiras, augadoras, lavandeiras e planchadoras. No nivel intermedio sitúanse as vendedoras e tendeiras xunto con certas empregadas domésticas, costureiras e artesás como panadeiras ou confiteiras. O grao máis alto serían as modistas, comerciantes, amas de chaves, institutrices e doncelas.
De todos estes traballos, son de especial penuria os de augadoras e lavandeiras, considerados polas demais criadas como denigrantes, por iso ninguén os quería facer. Parece ser que eran desenvolvidos maiormente por mulleres solteiras o que fai pensar no carácter transitorio deste traballo, transitoriedade derivada da súa propia dureza e da nula estima social da que gozaban.
As ribeiras do Sarela e tamén os seus afluentes, albergaban moitas construcións do vello oficio de lavar. Hoxe quedan poucos restos no propio río, pero antigamente, os lavadoiros, ateigaban as ribeiras próximas dos barrios da cidade onde vivían as lavandeiras.
Os vellos lavadoiros consistían en toscas pedras planas inclinadas ou non colocadas á beira da auga onde as mulleres lavaban de xeonllos na propia corrente do río, utilizando os prados próximos para clarear e as matogueiras para secar a roupa. Algunhas utilizaban caixas de madeira para axeonllarse e evitar así estar en contacto directo coa auga das salpicaduras da bogada. Unha variante desta caixa levaba unha peza de madeira que permitía substituír a pedra de lavar.
No século XIX a construción de lavadoiros e fontes foi unha prioridade dos concellos, sobre todo das alcaldías republicanas, e supuxo unha mellora considerable nas condicións de traballo das lavandeiras e augadoras. Os lavadoiros adoitaban ser públicos e de uso colectivo. A maioría constan dun único pío que pode adoitar diferentes formas: cadrado, rectangular e incluso octogonal, tamén adoitaban estar cubertos o que permitía utilizalos en días de choiva.
O pío está cheo de auga corrente e rodeado de pedras inclinadas contra as que fregar a roupa e que permitía ás lavandeiras lavar de pé e non de xeonllos como nos antigos lavadoiros do río.
Arredor dos lavadoiros e das mesmas lavandeiras foise creando un folclore, ou forma propia de falar das traballadoras e grazas ao estudio deste oficio, podemos ter unha visión do contexto social e histórico da muller no seu momento. Aparte, está tamén a pegada que fica na memoria toponímica do país tanto nos ríos como nos lugares onde se construíron lavadoiros, como por exemplo o barrio das Lavandeiras na Coruña, a rúa do Lavadoiro en Meixonfrío ou os Muíños dos Lavadoiros nas Brañas de Sar.
Habería que engadir o coñecemento que moitas destas mulleres tiñan sobre diferentes herbas, tanto para uso medicinal como aromático ou culinario.
O oficio
Descoñécese cal foi o número máximo de lavandeiras na capital galega, mais arredor do ano 1750, segundo o libro Historia de la ciudad de Santiago de Compostela (2003), o total de mulleres que se dedicaban a esta profesión era de 33, número que non chegaba ao 2% do total de mulleres censadas con oficio remunerado naquel momento dentro da cidade, o que as deixaba na novena
ocupación retribuída exercida por man de obra feminina.
O oficio de lavandeira respondía, en primeiro lugar, á división sexista do traballo e tamén á necesaria limpeza da roupa doméstica, un dos traballos máis duros da rutina doméstica polas condicións nas que antigamente se realizaba. Esta actividade era requirida, sobre todo, nas vilas e grandes cidades, onde mulleres na procura dun salario para o sostemento doméstico, ofrecían os seus servizos a casas, pensións e hospitais, que podían pagar por eles.
O salario medio anual recibido era duns 102 reais. A isto débeselle sumar tamén que as autoridades locais buscaban limitar os movementos das mulleres no tocante ao mundo laboral, obedecendo esta actitude á visión patriarcal e misóxina da sociedade do momento.
A lavandeira estaba comprometida ou apalabrada cunha ou máis casas. Alí recollía a roupa para lavar, normalmente os luns. A partir de aí, a operación era rutineira, sempre os mesmos pasos. O primeiro un lavado con xabón, logo torcer a roupa, batela contra unha pedra e poñela a clarear estendida sobre unha superficie. Así posta, as lavandeiras augaban esta roupa todo o día para branqueala. Para o outro día poñían a roupa nun cesto e a cubrían cunha tea vella que facía de filtro. Por riba botábaselle auga fervida con cinsa. A cinsa e os lixos quedaban filtrados pola tela mentres que a auga quente pasaba por ela. Despois disto, repetíase o lavado e o clareo se fai falta. Logo a roupa xa seca era dobrada e repartida polas casas, pensións ou hospitais que pagaban polo servizo.
O prezo era fixado segundo dúas variables: ou ben por cestos ou por prendas. O tamaño das pezas lavadas tamén facía variar o prezo do traballo. Por outra banda, a fidelidade ou a servidume a unha casa durante moito tempo, podía ter unha compensación monetaria ou en especie, cousa que podía acontecer tamén en datas sinaladas como o Nadal. As señoras, amas, clientas das lavandeiras eran mulleres de clase media alta e alta da cidade. Isto deixábase ver na calidade das pezas de roupa entregadas ás lavandeiras e tamén nos “descontos” que aplicaban á desaparición dunha peza, dependendo do tamaño, uso ou valor económico da mesma.
Por outra parte, as propietarias da roupa non eran moi partidarias do uso de diversas substancias químicas no lavado. En definitiva había un “tira-puxa” na negociación do prezo, un arduo regateo. Así as lavandeiras foron collendo fama de negociadoras, debido maiormente, á pouca retribución que de primeiras querían pagarlles as propietarias da roupa.
Lavandeiras e augadoras levaban roupa e auga limpas as casas e recollían delas as “lavaduras”, restos do xantar cos que alimentaban aos seus animais de curral. Todo se reciclaba.
Lavadorios e fontes do Sarela
Se vemos fotos antigas dos lavadoiros, en seguida chama a atención a cantidade de xente que se reunía en torno a eles, o animados que estaban, e o mesmo ocorría coas fontes onde acudían as augadoras. Eran, polo tanto, lugar de reunión onde se comentaban acontecementos do momento… e outras cousas. Daquelas conversacións habidas mentres se lavaba a roupa, veñen expresións ben coñecidas como “lavar os trapos suxos” en relación a falar das intimidades alleas, ou “hai roupa tendida” para avisar de que non se pode falar diante dalgunha persoa ou que hai pequenos que non deberían escoitar certas cousas.
Lavadoiros
Lavadoiros rústicos do río. En moitos tramos do Sarela había antiaguamente simples pedras planas (de 0,50×0.50cm aproximadamente) que constituían os lavadoiros máis tradicionais. Hoxe están desaparecidos pero sabemos, por fotos antigas e testemuñas de xente da zona, que eran numerosos en Galeras, no Carme de Abaixo, no rueiro de Figueiriñas e noutros lugares do río e dos seus afluentes.
Seguindo o curso do Sarela desde o seu nacemento ata a desembocadura, podemos atopar os seguintes lavadoiros:
Lavadoiro en Sarela de Arriba (A Peregrina). Situado na parroquia de nacemento do Sarela, non se coñece a data exacta de construcción. Aproveita o nacemento de auga que é canalizada ata a pía. O chan de arredor está empedrado con laxas de pedra. A obra está cuberta e sostida con columnas de pedra. Coordenadas: 42°55’11.8″N 8°33’06.5″W
Lavadoiro e Fonte na Rúa da Ponte Romaño. O conxunto consta dunha fonte e un lavadoiro construido ao pé dunha casa e está por debaixo do nivel da estrada da Ponte Romaño. Non se coñece a data exacta da súa construción. Realizado en pedra e restaurado en parte con cemento. Coordenadas: 42°54’07.6″N 8°32’46.4″W
Lavadoiro de Ponte Pedriña de Arriba. Restaurado na actualidade, posiblemente date do século XIX e que se construíse ao mesmo tempo que a fábrica de curtume. Hai que baixar unhas escaleiras de pedra para acceder a el. Ten unha fonte ao pé de factura moi elaborada. Coordenadas: 42°54’00.2″N 8°32’59.7″W
Lavadoiro e fonte de San Xoán. Situados a carón da capela de San Xoán no barrio de Vista Alegre, concretamente no límite do Parque do Auditorio coa rúa Pelamios, o lavadoiro aproveitaba a auga do rego do Corgo. Hoxe só se conserva a cuberta a catro augas. Coordenadas: 42º88’76.8’’N 8º54’54.49’’W
Lavadoiros de Tras Santa Isabel. Os lavadoiros forman unha fileira de seis espazos para o lavado xusto na beira do río, aproveitando así a corrente do Sarela coa configuración prototípica do lavadoiro: pedra de lavar inclinada e pousadoiros arredor delas e na banda esquerda tamén. As pezas foron restauradas no seu día dentro dun plano municipal que buscaba rescatar estas construccións. Coordenadas: 42°53’12.9″N 8°32’56.8″W
Lavadoiro de Casas Novas. Situado na rúa de Casas Novas que vai á Granxa do Xesto, na aba no monte Pedroso. É un lavadoiro de recente factura, anos 50 do século XX. Vén alimentado por canalización desde a Granxa do Xesto. Está cuberto a catro augas xunto a casas veciñais. Coordenadas: 42°53’21.2″N 8°33’14.8″W
Lavadoiros de Galeras. Non podemos rematar este percorrido polos lavadoiros sen facer alusión aos lavadoiros de Galeras, hoxe en día desaparecidos. Galeras reunía gran actividade das lavandeiras que colocaran nas marxes do Sarela e o Corgo un gran número de pedras para lavar. A zona era idónea para esta actividade, pois estaba próxima á cidade, era soleada e contaba con amplos prados para o clareo. Para facilitar o secado da roupa, sobre todo en inverno, construíuse unha estrutura de madeira que ao tempo facía de tellado para as pedras de lavar da beira do río, e que estaba situada preto da finca do Espiño.
Fontes
Fonte do Avío. É unha fonte antiga que está na ponte do Avío, pegada a esta e ao río e á que se accede por unha rústica escaleira.
Fonte de Ponte Pedriña de Arriba. Trátase dunha fonte con lavadoiro situada detrás do curtidoiro con acceso por unhas escaleiras de pedra.
Fonte do Ouro. Construída en pedra con forma triangular cortada na cima. Con escaleiras para descender aos canos de metal e encher de auga unha pía. Pousadoiros a esquerda e dereita. Toda ela está en pedra dentro dunha zona restaurada da cidade no pé de Monte Pío, xunto á Finca do Espiño. Coordenadas: 42°53’01.2″N 8°33’02.7″W
Fontes de Bar. No lugar de Bar de Abaixo descubriuse en 1839 un manancial de augas ferruxinosas. Analizadas polo Doutor Antonio Casares en 1840 as augas acadaron sona na cidade e incluso se barallou a idea de facer un pequeno espazo termal que non chegou materializarse, pero si sabemos que xentes de Compostela e arredores ían tomar as augas neste lugar. Co tempo o manancial quedou abandonado e esquecido pero segundo nos informaron estaría no entorno da fábrica de Santaló subindo hacia a aba do Pedroso.
Fonte da Cantaleta (Parroquia de Vidán). Situada nun espazo arrodeado pola rúa da Cantaleta, é un manancial ou mina de auga. A súa ubicación está a uns centos de metros da confluencia dos ríos Sar e Sarela. Constitúese dunha construción en van (oco, espazo aberto) e un arco superior. Coordenadas: 42°52’03.6″N 8°34’05.8″W
Fontes dos lavadoiros. Ademais das fontes mencionadas, en cada lavadoiro adoita haber a súa fonte anexa.