Nacemento de iniciativas privadas

O coiro foi unha das industrias máis estendidas en Galicia. Esta actividade chamada de curtidurías, tenerías e pelamios, deixou unha pegada importante en aspectos sociais, laborais, toponímicos e arquitectónicos e, o río Sarela aglutinou a maior parte deste tecido industrial en Compostela.

A cidade de Santiago de Compostela, xunto con Allariz e Noia, foi un dos principais puntos de preparación da pel animal para as industrias do calzado, vestido e outros usos do coiro. O total de factorías da cidade chegou a ser de vinte e cinco. Todas elas datan de finais do século XVIII e comezos do XIX. Cada unha delas coa súa historia de compras, vendas, traspasos e decadencia. Nas marxes dos ríos como o Sar e, sobre todo do Sarela, naceron, consolidáronse e colapsaron factorías que mantiveron as arcas composteláns, xunto coa catedral e a Universidade.

Un grande empurrón á curtiduría en Compostela supúxo a aparición no ano 1779 do chamado “decreto de extranjería”. Uns impostos ás importacións manufacturadas  procedentes das provincias vascas cara Castela. A consecuencia foi que moitos industriais vascos escolleron instalarse en Santiago. Xunto a isto, a política da Ilustración en España, implementou medidas económicas para o desenvolvemento das manufacturas como a Real Cédula de 1781, que concedía diferentes privilexios a todas as curtidurías do reino.

A curtume en Compostela apunta xa ao século XVI, cando os gremios de zapateiros-curtidores traballaban fóra dos límites da cidade polo mal cheiro desta actividade. As ordenanzas consistoriais obrigaron a localizar as instalacións nas marxes do río Sarela maiormente.

 

 

Intramuros de Compostela no século XVI existían varios píos para a casca moída de árbores utilizada para tinguir as peles. E no século XVII menciónanse dúas, “a tahona da Oliveira” e o “Picho da Cerca” no Matadoiro.

Fonte das Triperias ou do Matadoiro
Picho da Cerca

A segunda metade do século XVIII trouxo as tenerías privadas ao xeito capitalista, o que suporía o paso dun sistema produtivo descentralizado de carácter artesanal e gremial, a un cada vez máis centrado, con un empresario propietario dunha ou varias fábricas que emprega a asalariados libres. A da rúa das Trompas foi a primeira curtiduría industrial de Santiago que empeza a operar en 1783. É propiedade dos Servida, músicos de orixe italiana que traballan como trompas na Catedral e que contratarán a un mestre vasco para a dirección da fábrica. A segunda tenería foi a de Ponte Pedriña de Arriba, propiedade de Ignacio Calvo, empresario ferrolán. E no ano 1790 Juan Espino abre outra na Ribeira de San Lourenzo.

Un dato ben curioso é a chegada a Compostela a partir do 1780 de mestres artesáns procedentes do País Vasco, tanto da parte española como francesa, fenómeno que se irá ampliando grazas ao chamado de parentes xa instalados en Galicia.