Camiños a Noia e Bergantiños
O camiño de Noia era maiormente utilizado como tránsito de mercadorías para abastecer a cidade de produtos do mar e tamén das mercadorías chegadas principalmente de Inglaterra e doutras rexións. Coa aparición do sepulcro do Apóstolo, esta ruta vai gañando fieis a través dos séculos. Tamén será utilizada por peregrinos galegos a Terra Santa, que deixaban antes de partir testamentos dos que se conservan algúns orixinais no mosteiro de Toxosoutos (Lousame, Noia).
Noia é fundada en 1168 polo arcebispo Gundesteiz que, con autorización do rei Fernando II, constrúe un burgo e un porto. O monarca di que o fai co fin de restaurar o porto do Apóstolo, do que se deduce que o existente se atopaba abandonado e en moi mal estado.
Outro camiño que conflúe nas beiras do Sarela é camiño histórico que conducía á comarca de Bergantiños, o que saíndo pola porta da muralla coñecida como Subfratribus ou de San Francisco, vadeaba o río Corgo ou Corvo, afluente do Sarela, ao pé da ermida da Virxe da Fonte (hoxe de San Xoan) en Pelamios e discorría polo que hoxe é o barrio de Vista Alegre, ata chegar ao Avío descendendo cara ao Sarela. Cruzaba o río pola Pontepedriña de Arriba, tamén coñecida como ponte dos Tres Ollos, e desde aí continuaba pola marxe esquerda do río. Subindo á Peregrina (de advocación xacobea) o camiño vadeaba o curso alto inicial do Sarela no Romaño. Este camiño está moi deteriorado e en moitos tramos xa desaparecido. É de destacar o seu paso pola Pontepedriña de Arriba, onde discorre á beira dun dos máis grandes, e o segundo máis antigo, curtidoiros de Santiago no século XIX, activo ata 1947.
Atravesar o río Sarela era obrigado para quen se dirixía á ría de Noia, á Costa da Morte e a Carballo ou a outras vilas de Bergantiños.
Partindo da falta de mar en Compostela e tendo en conta que quen non viaxaba por terra o facía por mar, na Idade Media a vila de Noia considerábase o porto de Santiago e, aínda que dependente das mareas, mantiña unha importante actividade comercial.