Camiño de Fisterra
Na actualidade estase a facer moi popular o Camiño de Fisterra, tamén coñecido como prolongación xacobea e epílogo do Camiño, que continúa a peregrinación desde Santiago ao cabo do mesmo nome e, en menor medida, a Muxía, na Costa da Morte. É un camiño con entidade propia, que outorga a quen o culmina a súa propia credencial, a Finisterrana.
Moitas e moitos peregrinos deciden continuar o seu itinerario unha vez chegados a Compostela, atraídos por rematar a súa travesía no antigo Finis Terrae e contemplar a bravura do océano desde o cabo mentres queiman algunha peza usada na súa peregrinación como símbolo de renovación.
Este camiño ten raíces históricas, para algúns é o máis antigo que se coñece e foi percorrido por exipcios, gregos e romanos.
Actualmente, este camiño de curto percorrido, pouco máis de 88 Km, divídese en 4 etapas sinalizadas igual que o resto dos camiños xacobeos. Estas etapas son:
ETAPA 1
(20,6 Km)
Santiago de Compostela - Negreira
ETAPA 2
(32,6 Km)
Negreira - Oliveiroa
ETAPA 3
(21,6 Km)
Oliveiroa - Corcubión
ETAPA 4
(13,4 Km)
Corcubión - Cabo de Fisterra
O Camiño de Fisterra en terras de Santiago. A primeira etapa transcorre durante uns 8 Km polo concello de Santiago. Comeza na praza do Obradoiro, de onde baixa entre o palacio de Raxoi e o Hostal dos Reis Católicos cara á fermosa rúa das Hortas. De aquí continúa polo Pombal e Poza de Bar ata a carballeira de San Lourenzo, onde se atopa o primeiro indicador oficial da ruta. Desta carballeira téñense noticias desde tempos remotos, como testemuñan os vellos carballos que a compoñen, entre os cales podemos ver o muro que rodea o convento de San Lourenzo de Trasouto, convertido en palacio desde o século XIX.
De aquí, o camiño baixa cara ao río, atravesándoo por Ponte Sarela; continúa cara á esquerda entre os restos do antigo curtidoiro de Santaló (que estivo en actividade de 1790 a 1959) e intérnase xa no rural compostelán. Pasa polas Moas de Abaixo, na parroquia de Figueiras, e de aquí entra na de Villestro. En Villestro, o camiño atravesa a ponte da Brea sobre o río Roxos, que é afluente do Sar, e discorre bordeando a máis importante área rupestre de Compostela e comarca pola abundancia e tipoloxía dos seus gravados, cunha antigüidade estimada de máis de 4.000 anos. Chegados ao Alto do Vento, Santiago quedou atrás e xa pisamos terras do veciño concello de Ames.
Outros camiños xacobeos. Moi importantes son tamén os camiños vinculados á peregrinación xacobea. A partir do século XIII os tribunais europeos impoñen como penitencia a algúns reos viaxar a lugares santos para redimir a súa condena e Santiago convértese en meca de peregrinación. Este apoxeo xacobeo esténdese ata mediados do século XVI, momento no que comeza o seu declive.
Os camiños que entraban polo Sarela traían peregrinos procedentes de toda Europa que chegaban en barco aos portos da ría de Muros-Noia. Xa no século XII hai constancia do uso desta vía polos cruzados de Dartmouth. En 1147, despois dunha gran tormenta, fondean na ría de Noia 200 naves dunha escuadra inglesa, alemá e borgoñona de cruzados que se dirixían a Terra Santa. Mentres as súas naves son reparadas, os soldados aproveitan a escasa distancia á cidade do Apóstolo, que xa empezaba a ser moi coñecida, e peregrinan para dar grazas ante o sepulcro, volvendo de novo a porto para seguir camiño a oriente.
De ida e volta. Antes de existiren avión e tren, un elevado número de persoas que peregrinaban a Compostela camiñando, procuraban, se tiñan medios, volver aos seus lugares de orixe en barco, máis cómodo e rápido que arriscarse a usar de novo os longos e inseguros camiños. Para isto, dirixíanse aos portos de Padrón, Noia e a Coruña peregrinos que chegaban a Santiago por todas as rutas (Camiño Francés, Camiño do Sueste ou da Prata, Camiño Portugués etc.)