Un cruceiro maldito

En Conxo había un cruceiro maldito a causa dun malentendido. As orixes desta cruz de pedra están nos comezos do século XVIII. Manuel Joseph Ramírez de Arellano y Sotomayor era fillo dunha familia fidalga. Segundo se recolle na tradición e nalgúns documentos da época, Ramírez de Arellano achegouse ás leiras que conformaban daquela, as terras de Conxo e alí segundo unhas fontes bateuse en duelo e morreu no enfrontamento e noutras foi atacado por uns homes emboscados na noite que o mataron.

A súa nai, Isabel de Sotomayor, pagou a creación dun cruceiro e a súa colocación no mesmo lugar da morte do fillo. Naquela época os canteiros gravaban as inscricións como cadraba e no que encargou dona Isabel, esta práctica deu lugar a un feito cando menos curioso. O fuste levaba unha inscrición que dicía “AQUI FINO D. MANVEL JOSEPH RAMIREZ DE ARELLANO RVEGUEN A DIOS POR EL. AÑO DE 1718”, pero os canteiros separaron a última sílaba de Arellano que pasou á outra liña xunto con rueguen a Dios por el, resultando que a inscrición viña dicir “AQUI FINO D. MANVEL JOSEPH RAMIREZ DE ARELLA NO RVEGUEN A DIOS POR EL. AÑO DE 1718”.

Esta confusión fixo que durante moito tempo se considerase este cruceiro como “maldito”, ata que o aclarou o historiador Perez Constanti ao revelar que o apelido do finado era Ramírez de Arellano.

A partir de aí comezan as vicisitudes deste monumento relixioso.

Cruceiro maldito
Cruceiro San Fiz

No século XIX este cruceiro estaba situado na rúa de Matacáns, que ademais se indicaba como o lugar do infortunio que lle custou a vida a Ramírez. Despois foi movido á praza de Fonseca. O motivo foron as obras do ensanche compostelán. De Fonseca pasou a San Fiz de Solovio na zona do mercado de abastos, onde continúa. A inscrición aínda se pode ler coa luz adecuada. E no lugar onde orixinalmente fora colocado, permanece a memoria do finado en tan tráxicas circunstancias no nome das 212 vivendas sociais construídas no ano 1960 coñecidas como Casas de Ramírez, no centro do Ensanche compostelán.

Unha curiosidade máis. Cando iniciamos este traballo sobre os cruceiros de Conxo tivemos moitas dificultades para identificar cada un deles e seguir a súa historia. O motivo é que todos son denominados o Cruceiro de Conxo, o que fai moi difícil determinar a cal se refire o que atopas ou estás lendo nos documentos. O feito, é que no actual barrio de Conxo só se conserva un cruceiro en bo estado enfronte da igrexa do Mosteiro, doutros dous quedan pezas soltas. Con elas fixéronse reconstrucións que podemos ver no cruzamento de Sánchez Freire con García Prieto e no Hospital Provincial. O cuarto cruceiro de Conxo é o de Ramírez de Arellano.

Os cruceiros de Galicia

Adoitan ter unha ou máis imaxes ou representacións antropomórficas e doutro carácter, co obxectivo de representar escenas da Crucifixión de Xesucristo. Son un elemento moi abondoso na nosa xeografía que se soen situar nas encrucilladas de camiños, e serven como sinalización e tamén como protección, porque segundo as crenzas populares, os cruces de camiños son lugares perigosos. Adoitan estar orientados este-oeste, coa Virxe mirando ao leste, ao nacemento do sol, e a crucifixión ao oeste, mirando ao solpor.

Ao parecer, a orixe dos cruceiros habería que remontala a elementos como os menhires prehistóricos ou os pedróns romanos. Coa chegada da cristianización na alta idade media, colocáronse cruces sobre estes elementos. Posteriormente foron colocándose gradas para orar con máis comodidade, e o fuste foise elevando o que obrigaba a mirar ao ceo mentres os fieis oraban. Segundo os estudos, os máis antigos de Galicia atópanse no Camiño Francés e o máis antigo de todos os cruceiros tal e como os vemos hoxe, está en Melide onde a capela de San Roque.

A maioría dos autores destas pezas son persoas descoñecidas. Outros, uns poucos, rexistraron os seus nomes en documentos que testemuñan a súa autoría.

O cruceiro maldito
Cruceiro de Conxo

Estas representacións colocábanse en lugares como cruces de camiño, onde acontecera unha morte tráxica, por devoción a unha determinada figura relixiosa, en memoria dalgún familiar ou persoa achegada ou para espiar algunha mala obra. De feito, tras a desamortización que expropiou os bens da igrexa, moitas persoas fixeron grandes fortunas mercando esas propiedades e para expiar a  súa culpa mandaron facer gran cantidade de cruceiros. Arredor destas representacións naceron lendas, cantigas, poemas e outro tipo de composicións, que alimentaron a tradición oral en Galicia.