O mosteiro de Conxo

Historia

No barrio de Conxo , na parte sur da cidade, atopámonos co mosteiro de Conxo.

Vista da fachada do hospital Psiquiátrico de Conxo
Fachada Exterior Mosteiro de Conxo

Segundo os datos históricos que se conservan, o arcebispo Xelmírez manda construír no ano 1106 un mosteiro para albergar a primeira comunidade de monxas en Galicia, e para iso elixe facelo sobre unha pequena e destartalada igrexa pre-románica anterior ao século X dedicada á virxe da Concha. Inaugúrase no ano 1129 tal e como podemos observar nunha inscrición no interior do claustro.

Calustro do monaterio de Conxo
Claustro Mosteiro de Conxo

O arcebispo mandou poboar a zona con árbores froiteiras e viveiros de peixes para o abastecemento das relixiosas. Cóntase, por tanto, coa que pode ser unha das primeiras piscifactorías da historia, a cuxo recordo se erixe en 1953 un monolito no núcleo de Torrente, cuxa inscrición di:

“A Don Diego Xelmirez, que mandou construír no ano 1129 un criadeiro de peixes para que as augas do río tiveran para o común unha riqueza tan importante para a vida das clases humildes como é a piscícola”.

Servizo Nacional de Pesca Fluvial. Ministerio de Agricultura.

As monxas  habitaron o mosteiro ata finais do século XV  momento en que  se trasladaron a San Paio de Antealtares  debido á reforma monacal realizada en tempos dos Reis Católicos .

Placa
Monolito Castellano

O mosteiro queda abandonado uns anos pasando a ser habitado por uns monxes da orde dos mercedarios, recibindo o nome da Mercé de Conxo. Co paso dos anos chegou ser un dos conventos mercedarios máis ricos de España. Os monxes alongaron  a súa estancia no mosteiro ata o século XIX, momento da desamortización en España, cando se mudaron a Poio (Pontevedra).

A partir de aquí barállanse varios proxectos para o mosteiro entre eles o seu derrubamento. Entre 1883 e 1885 o cardeal Payá manda construír un hospital para enfermos mentais inaugurado o 1 de Xullo de 1885. O recinto pronto quedará pequeno polo que se necesitará ampliar. En 1902 é inaugurado o novo edificio, anexado á parte antiga.

Valores artísticos e arquitectónicos

Segundo a escasa documentación da época, sábese que daquela, o primeiro mosteiro feminino tiña tres naves. En todas elas podían verse figuras labradas en pedra, representación do Antigo e Novo Testamento.

O mantemento deste mosteiro fornecíase de doazóns, rendas e outras achegas das xentes do lugar. Pero no século XV tanto as monxas como o mesmo convento, pasaban por unha mala época, documentándose o estado ruinoso do edificio.

Nese momento o arcebispo compostelán Fonseca recibe da superiora da orde, a renuncia ao convento e posesións. Fonseca entrega o patrimonio aos monxes mercedarios a perpetuidade. Comeza nese momento a primeira grande reforma arquitectónica do primitivo edificio, pero deses anos non hai moita documentación.

Interior da cúpula da Igrexa do monasterio de Conxo
Cúpula Capela de Cristo
Imaxe Cristo Crucificado
Cristo na Cruz

Podemos dicir que aínda quedando restos da época medieval, e das obras feitas no século XV, a partir do século XVII é cando se datan as maiores obras de remodelación. As esixencias eran construílo todo con arcos perpiaños, pero se non for posible, podería facerse en cachotería sempre que non se vise a primeira vista, e para as obras de remodelación desta época foron reciclados materiais do primitivo convento medieval.

De 1608 temos constancia do inicio de obras por parte do mestre González de Araújo, quen terá a encarga de restaurar, cando non derrubar e reedificar, partes enteiras que ameazaban caeren. Entre 1693 e 1710 traballa frei Gabriel de Casas na nova igrexa.

A acción máis significativa foi a fachada principal do mosteiro, obra de Simón Rodríguez, coa portería de Clemente Fernández Sarela (século XVIII).

Simón Rodríguez, arquitecto santiagués e un dos máximos expoñentes do barroco de placas, traballa na remodelación do mosteiro entre 1729 e 1737. Proxecta a fachada actual, o claustro, os retablos da igrexa e a capela do Santo Cristo. Nesta capela está o Cristo Crucificado, obra de 1628 do escultor monfortino Gregorio Fernández, un dos paradigmas do barroco español quen nos presenta unha magnífica talla de grande realismo. Simón Rodríguez non só se ocupou da capela, senón que tamén deseñou para esta uns sepulcros de tipoloxía moi novidosa.

Na igrexa aínda compre mencionar dúas obras importantes da imaxinería de Compostela. Un San Xosé e un Santo André que Ramón Otero Túnez atribúe a Mateo de Prado, escultor galego discípulo de Gregorio Fernández. Mateo de Prado é autor, entre outras obras en Santiago, da cantería do coro de San Martiñó Pinario. Estas tallas podemos velas na nave lateral esquerda, onde tamén se atopa unha figura de Santiago peregrino, unha  representación do Apóstolo moi pouco frecuente que ademais indícanos a vinculación deste mosteiro co Camiño Portugués que pasa ao seu carón.

Capela do Cristo
Capela do Cristo

Lendas

 

Segundo as lendas, a primeira comunidade de relixiosas foi promovida por Rusuida, unha bela dama namorada do galante Canogio. Cando os namorados deciden casar o pai de Canogio cae enfermo e este como bo fillo decide peregrinar a Compostela para pedir pola súa saúde. O conde de Guarino, encaprichado de Rusuida decátase da viaxe e aproveita o mesmo para asasinar a Canogio e así ter vía libre para conquistar a dama. A moza pescuda os plans do Conde e corre tras Canogio para avisalo, pero xa é tarde, atopa o corpo inerte do seu amando asasinado polo conde. Rusuida decide continuar o camiño a Compostela co corpo do seu amado.

Foto antiga da Gruta da Fonte da Virxe do sanatorio de Conxo
Fonte da Virxe no Sanatorio de Conxo

Unha vez en Compostela e tras visitar a Catedral decide buscar un lugar para darlle sepultura. Diríxese ao río Sar e alí sobre un ribazo ve unha bandada de pombas, e elixe este sitio para dar descanso eterno ao seu amado e construír un pequeno convento no que retirarse. O nome do barrio, Conxo, derivaría de Canogio o nome do infortunado amante e peregrino.

Outra lenda relacionada con este barrio data do século XIV e é ben coñecida polas xentes de Santiago nalgunha das súas variantes. O 30 de xuño de 1366, por orde do rei Pedro I de Castela, son asasinados o prelado Suero Gómez de Toledo e o deán da catedral Pedro Álvarez. Estas mortes están relacionadas coas disputas sucesorias entre Pedro I e Henrique de Trastámara, xa que o arcebispo apoiaba este último. Con motivo destes asasinatos, péchanse os templos composteláns, e a xente ten que acudir ao afastado mosteiro de Conxo para os ritos relixiosos. E así nace unha das frases máis utilizadas polos composteláns: “vaiche na misa en Conxo”, utilizada ata o día de hoxe cando se quere expresar con mofa o atraso ou ausencia inxustificada dalgunha persoa. Unha variante desta lenda máis coñecida se cabe, refire que o arcebispo foi asasinado durante a procesión do Corpus por manter amores adúlteros e que por esta causa a rúa onde ocorreron os feitos foi tapiada: a rúa en cuestión estaría entre a rúa Nova e a do Vilar, na zona vella compostelá, aínda que parece ser que nunca existiu tal rúa.

Visitas ó claustro e á igrexa​

A portería e o claustro románico do mosteiro pódense visitar pedindo permiso na portería. Non está permitido facer fotos dentro do recinto monástico, hoxe hospital psiquiátrico.

En canto á igrexa, pódese visitar antes ou despois das misas que teñen o seguinte horario:

  • Primavera-verán (do 1 de abril ao 30 de setembro): laborables: 9.30 h e 20.00 h. Vísperas de festivos: 20.00 h. Domingos e festivos: 9.00 h, 12.00 h e 19.00 h.
  • Outono-inverno (do 1 de outubro ao 31 de marzo): laborables: 9.30 h e 19.00 h. Vísperas de festivos: 19:00 h. Domingos e festivos: 9.00 h, 12.00 h e 18:00 h.
A capela do Santo Cristo soe estar pechada durante estes oficios pero o párroco, don Manuel, amablemente prestarase a ensinala. Ademais, aquelas persoas interesadas en visitar o templo fóra deste horario, poden solicitala na casa parroquial situada enfronte da igrexa, ou chamando ao teléfono 981 521 741.
Retablo en el monasterio de Conxo
Retablo