O manicomio de Conxo
Historia do manicomio
No ano 1404, frei Juan Gilberto Jofré funda o primeiro manicomio en España, o Hospital de los Santos Inocentes en Valencia. Galicia non contará con ningunha instalación deste tipo ata case cinco séculos despois e hai que sinalar que en 1880 existían xa 26 manicomios en España. Así que con moita demora, o 1 de xullo de 1885, inaugúrase o de Conxo e ata 1953 será a única institución deste tipo na nosa Comunidade.
Ata entón, os enfermos mentais andaban libremente pola rúa, ou ben eran encerrados no cárcere. Pero hai que deixar constancia de que a cultura galega sempre foi moi tolerante con este tipo de enfermos.
O manicomio foi construído na parte conventual do mosteiro que estaba deshabitada, polo entón arcebispo na sede compostelá o cardeal Payá. Os mercedarios, que eran os propietarios do inmoble, foron compensados cunha indemnización e a reforma e o acondicionamento do mosteiro de Poio.
Unha institución de luxo e clase
Pouco tempo despois da súa inauguración, a importante demanda de prazas leva os propietarios do hospital a pensar, xa en 1889, na constitución dun padroado que dese entrada a accionistas cos que afrontar unha ampliación do centro.
Así, vendo os beneficios que xera a institución, Timoteo Sánchez Freire, director médico do establecemento, o banqueiro santiagués Olimpio Pérez Fernández, José García Mouriño, un emigrado retornado cliente de Olimpio Pérez, e Juana Blanco Navarrete, viúva de Simeón García de la Riva, en representación do Banco Viuda de Simeón e Hijos, pasarán a formar parte do Padroado e, polo tanto da Xunta de Goberno do Hospital. A igrexa seguirá mantendo unha participación maioritaria.
No ano 1891 asínanse acordos para que as catro deputacións galegas e a de León poidan enviar a Conxo persoas pobres con problemas psiquiátricos ao seu cargo. Previamente a ingresar no manicomio, as persoas acollidas de beneficencia tiñan que acreditar a súa condición de dementes e de pobres.
As condicións de estancia non eran iguais para todos os ingresados. Ata 1972, os enfermos e enfermas estiveron divididos en clases, e a calidade da atención dependía das súas achegas. Así por exemplo, en 1ª clase, achegando 12 pesetas diarias (do ano 1920), tiñan dereito a “habitación independente na 2ª planta, espaciosa, ventilada, soleada e con servizo propio”, e unha alimentación que consistía en “no almorzo: té, café ou chocolate, con ou sen leite; á comida: sopa, cocido, tres pratos e postres”. En 5ª clase, pagando 2 pesetas, estaban en dormitorios comúns cunha alimentación consistente en sopa e cocido para xantar e un prato á cea, amén do almorzo e as sobremesas. Por abaixo destes estaban aínda os acollidos e acollidas, que dependían da beneficencia das institucións, que achegaban 1,75 pesetas diarias por persoa.
O manicomio publicitábase por Europa a principios do s. XX mediante postais, como un centro de luxo para o relax, cunhas magnificas instalacións de pago. En 1910, unha delegación inglesa de prensa, visítao, e un dos xornalistas, que era “visitador oficial de manicomios” no seu país, di que “as instalacións de pago non eran igualadas polas de ningún establecemento inglés da súa clase”, e así consta nas crónicas xornalísticas da época.
As clases con diñeiro usaron o manicomio como lugar de descanso, e tamén como refuxio, en situacións socialmente comprometidas (mulleres solteiras embarazadas, alcohólicos ou toxicómanos, mocidade contestataria…). Ingresaban en 1ª clase sen mesturarse co resto de internos e internas, e en moitos casos, con serventes propios e atención médica especial.
A masificación, as pobres condicións hixiénicas e a escasa manutención dos enfermos de beneficencia, son factores que provocaron que en determinados momentos, a mortaldade das persoas ingresadas fose elevada, especialmente nos anos da guerra e a posguerra.
No 1969 o merca a Deputación da Coruña e emprende lixeiras reformas. Esta nova etapa supón un cambio, xa que se incrementa o persoal e muda a súa política ao introducirse novas tendencias na atención psiquiátrica. En 1993, o Hospital Psiquiátrico de Conxo é transferido ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
Valores arquitectónios e paisaxísticos
En 1902 amplíanse as instalacións do manicomio coa construción dun novo edificio no que se construirá unha monumental escaleira de mármore, cun gran lucernario, símbolo da opulencia que se lle quixo dar no seu momento á institución. Destaca tamén unha lápida de bronce colocada na parede, feita por Benlliure no ano 1925, e dedicada ao cardeal Martín de Herrera.
O psiquiátrico conta tamén cunha galería de retratos dos seus benfeitores entre eles, os dos irmáns Sánchez Freire, e os dos cardeais Payá, Martín de Herrera e Quiroga.
Detrás do antigo mosteiro e arredor dos novos pavillóns inaugurados en 1902, o complexo conta cunha finca de 2 km cadrados rodeada en boa parte polo río Sar. Neste terreo podemos atopar os xardíns deseñados polo mesmo autor da Alameda de Santiago, e tamén diferentes instalacións como a antiga lavandería do manicomio, carballeiras, camiños encantadores que en outono están alfombrados de follas de todas as cores e pontellas como a que utilizaban as persoas que ingresaban procedentes do camiño de Padrón, e que segundo nos contan estaba rodeada de garitas da Garda Civil, xa que por aquela zona practicábase o estraperlo durante a posguerra.
Outro lugar moi interesante son os restos do antigo cemiterio do centro, que foi recuperado pola Asociación Itínera que presta servizos a persoas con enfermidade mental. O cemiterio conserva unha casiña onde aínda podemos ver a mesa de autopsias e numerosas sepulturas, unhas son simples cruces metálicas e outras lápidas elaboradas como a do espía alemán en que pode lerse: «Hier ruhet Friedrich Wilhelm Mette. Kapitan. O.S. Santa Ursula. 1875-1917» (Aquí descansa Friedrich Wilhelm Mette. Capitán. Buque Santa Úrsula).
O espía Alemán
Cando se inicia a Primeira Guerra Mundial, en agosto de 1914, o Santa Úrsula refúxiase no porto de Lisboa xunto con outros trinta buques alemáns ata 1916, ano en que o goberno luso incauta os barcos alemáns e austríacos refuxiados nos seus portos, debido a que comezan as hostilidades entre Portugal e Alemaña.
Friedrich Wilhelm Mette, baixo o nome de Guillermo Mette, instálase ese ano en Vilagarcía, pero, supostamente afectado dunha doenza mental é trasladado a Conxo de onde xa non sairía. O seu ingreso rexistrouse o 4 de outubro de 1916 e alí morrería o 10 de outubro de 1917.
A lápida que se atopa no cemiterio do manicomio, ademais da inscrición en alemán contaba cunha enorme áncora de metal roubada hai uns anos. O seu barco, o Santa Úrsula, foi afundido por un submarino alemán na Segunda Guerra Mundial.
Non hai constancia de quen mandou construír unha das tumbas máis luxosas do cemiterio, crese que foi o consulado alemán en Vigo pero non hai datos oficiais.