O Sar nas Brañas

O Sar é o río que configura o territorio das Brañas de Sar ao seu paso polo leste da cidade. Río poético cantado por Rosalía de Castro, é un afluente do Ulla pola súa marxe dereita. Nace a 310 metros de altitude no concello de Santiago de Compostela, concretamente na parroquia de Bando, para logo regar as de Sar, Conxo e Laraño. A continuación atravesa no concello de Ames as parroquias de Bugallido e Ortoño e a de Bastavales no de Brión, para logo entrar no concello padronés por Iria Flavia, onde discorre pola chamada ruta Rosaliana, cruza parte do concello de Rois e finalmente desemboca no Ulla facendo fronteira entre os concellos de Padrón e Dodro despois de percorrer 42 quilómetros e drenar unha conca de 265,5 quilómetros cadrados.

O río animado

Sar

Antes dos anos sesenta, o río e as Brañas eran un espazo vivo, cheo de xente da zona e dos arredores. Era un río animado por persoas que ían lavar, bañarse en lugares como O Redondo, O Pozo ou Os Dous Olmos; outras que traballaban aquelas terras e levaban os seus produtos a vender a Santiago; as que ían moer millo e cereais aos muíños hidráulicos; parellas que buscaban intimidade, leiteiras que subían ao pobo co leite nas sellas, familias que ían pasear e merendar os domingos de verán, obreiros dos curtidoiros… Un río moi vivo e coidado por toda a xente que o aproveitaba e gozaba del.

O Sar era a “praia” da Compostela da zona leste. Familias, mocidade e crianzas ían bañarse ao río, especialmente en tres lugares concretos con profundidade suficiente para nadar. O que quedaba máis ao norte das Brañas era O Redondo, unha gran piscina natural duns dous metros de profundidade nalgunha zona, cuberto de árbores de ribeira no que se congregaba gran cantidade de xente, sobre todo moza. Moi preto del estaba a Vella Juana, que era o lugar no que as familias se reunían para xantar ou merendar os días calorosos de verán á sombra das árbores. Tanto O Redondo como a Bella ou Vella Juana desapareceron coa construción no ano 1974 do antigo pavillón do Obradoiro, que sería substituido polo actual Multiusos do Sar. Pasada a ponte das Brañas de Sar, tamén coñecida como ponte da Mourulla, a medio camiño entre esta e a ponte de Sar estaba O Pozo, unha zona de baño pequena en comparación co Redondo, que tiña a vantaxe de ser moi solleira nun pequeno tramo do río sen arborado de ribeira, e con prados en toda a contorna.

O Pozo tiña unha auga moi transparente coa cor do fondo de rocha nai; é o único lugar de baño que se conserva máis ou menos inalterado pero xa non é tan solleiro. Xa preto da Pontepedriña había a terceira e última zona de baño de que temos noticia nas Brañas, coñecida como Os Dous Olmos porque na súa proximidade había dous enormes olmos. Xa entre o Restollal e  o convento mercedario, atopábase a praia de Conxo, lugar moi concorrido da que falamos devagar noutra entrada.

A maioría destas zonas de baño estaban asociadas a presas construídas para levar a auga ás canles dos muíños, das que actualmente só se conserva a nora das Brañas de Sar nas proximidades da Pontepedriña.