Curtidoiros do Sar
O coiro foi unha das industrias máis estendidas en Galicia. Esta actividade, chamada de curtidoiros, tenerías e pelamios, deixou unha pegada importante en aspectos sociais, laborais, toponímicos e arquitectónicos e, aínda que o río Sarela aglutinaba a maior parte deste tecido industrial, no río Sar atopamos tamén a pegada desta industria en Compostela.
Fábrica de Amio
Esta fábrica tamén é coñecida como A Casa da Braña. Está situada en Amio, preto da actual vía do ferrocarril Santiago-A Coruña. Os seus inicios datan de principios do século XIX, cando o mestre curtidor vasco-francés Bernardo Arriaga, coa adquisición de foros de distintos agros, consegue os terreos para emprender na industria do coiro. En 1805 xa fabricaba pero non dispoñía de moitos recursos, polo que tivo que ir solicitando créditos para o financiamento de materias primas. Coa morte de Arriaga as débedas eran abundantes e quedou como titular da fábrica o seu fillo Pascual Arriaga, tamén mestre curtidor na Ponte Vella de Vidán, que segue traballando como empregado nesta fábrica e non continúa co curtidoiro do seu pai. Como consecuencia, nos anos corenta, este modesto curtidoiro xa estaba fechado. O estado de conservación actual é malo, apenas se recoñece algún resto dos muros da fábrica e algunha canalización.
Fábrica del Viso
Foi construído en 1821 por Pedro de Andrés Ibáñez, xenro de Rodríguez Abella, e propietario da curtiduría de Lavacolla. Este o axudou, brindándolle algúns créditos para poñela en marcha, xa que el era un dos prestamistas máis grandes da cidade. Tratábase dunha fábrica de tamaño medio que, á súa morte en 1854, pasou a mans dos seus fillos, chegando a ocupar, nese momento, o terceiro posto da cidade en canto a pago de achegas industriais. A fins da década de 1960, o interese pola fábrica decae e os socios nese momento retirasen 161.000 reais para colocalos en diversas partidas de débeda pública, que en 1881 perden unha parte importante do seu valor. Esta desvalorización conduce ao seu peche definitivo antes de que finalice o século. O seu tamaño indica a importancia deste tipo de industria en Compostela. O estado actual de conservación é desigual: o edificio da casa e parte dos secadoiros quedan en pé e tamén podemos atopar algún pilón en dirección ao río Sar.
Fábrica de Picaños
A fábrica de curtumes de Picaños foi unha das últimas en construírse en Santiago pero a primeira das que tiveron de seu ós membros da familia Harguindey, que, andando o tempo, chegaríase a constituír como o principal grupo empresarial de curtidos en Galicia, en boa medida debido aos bos resultados deste curtidoiro. Juan Arguindey Garra levaba 10 anos en Santiago, onde comezou traballando como oficial na fábrica do Carme, do seu tío Beltrán Garra. En 1823 mercou varios terreos e unha casa que estaban baixo o dominio do Hospital Real, na ribeira do río Sar. Levoulle dous anos construír neles a fábrica de curtidos que estaba formada por unha casa con almacén, varias dependencias para pías, leiteiras e tamén oito ferrados de campo sementado. No 1829 asociárase co seu irmán Santiago e tres anos máis tarde, en 1832, despois de adquirir o curtidoiro de San Nicolás de Sar, deciden separarse de tal forma que Santiago queda con este último e Juan coa de Picaños. A fábrica de Picaños foi pioneira ao introducir unha máquina de vapor para mover un muíño de casca.
Chegou a ser un dos principais curtidoiros de Galicia até a Primeira Guerra Mundial. Seguiu funcionando até finais dos anos sesenta, cando pecha definitivamente. Hoxe en día non quedan restos da fábrica, que foi derrubada para construír vivendas.