A ruta do Berce
Emprendemos este singular percorrido nun espazo onde asistimos ao nacemento do río Sar.
Trátase dun dos múltiples afloramentos a través de fontes. Comezamos cun humilde leito entre salgueiros, cunha auga cristalina, para aos poucos metros abandonar a zona arbórea. Atravesaremos os túneles da autoestrada para continuar o noso camiño peonil coa compañía do son da auga ata chegar a unha zona de prados en Amio. Aquí pasamos a carón dun antigo curtidoiro que, segundo os datos, estaba en funcionamento no ano 1805. Na actualidade só podemos ver algunha canalización e algún muro da fábrica.
As diversas pasarelas sobre o río permitirannos serpear entre a variedade de camiños, estradas e vías férreas que atoparemos ao noso paso. Xa na carballeira atopamos un enclave onde podemos reducir a nosa marcha para gozar dun par de muíños, o da Carballeira, que aínda mantén o rodicio e unha bonita canle, e o dos Cuarteis, que conserva as pedras de moer. Tamén observarmos unha fonte, á que se lle puxo cemento por enriba no ano 1982, desfigurando a súa antiga fasquía. O seguinte elemento que chamará a nosa atención será o pé dun muíño que atoparemos á nosa esquerda sen tan sequera ver o río nese intre. Máis adiante atoparemos as outras partes do muíño dos Teixos. Isto é debido a que foi trasladado en 1927 pola construción da vía férrea. Coa auga outra vez de compañeira avanzamos desfrutando da natureza e da achega do rego de Amio, ata entrar na zona de Paredes.
Este lugar acubilla abundantes elementos de interese. En primeiro lugar o muíño da Ponte, en bastante bo estado de conservación, e máis adiante unha fonte na que poderemos refrescarnos antes de chegar por unha pontella ao espectacular e recuperado muíño de Paredes. Dende aquí avanzamos ata chegar ao muíño da Mañoca e ao curtidoiro do Viso, que se atopa en desigual estado de conservación pero no que aínda podemos observar parte dos antigos sequeiros e das edificacións produtivas levantadas en 1821.
Descendemos ata pasar polo antigo túnel do ferrocarril para chegar a un espazo de transición entre a realidade urbana e o campo. Nos prados temos a posibilidade de ver aínda algún gando alleo á realidade urbana que o rodea. Nesta área está o muíño do Vieiro e un pouco máis adiante dúas fontes, a da ponte do Viso e a das Casas da Hedra. Xa no Multiúsos comeza un treito cunha espectacular importancia etnográfica relacionada coa arquitectura da auga como testemuñan cinco muíños e un sistema de canles, regas, muros,
lavadoiros, presas, pasais e pontes que podemos desfrutar. Destaca a ponte de Sar e a impresionante Colexiata de Santa María a Real, do século XII e estilo románico, declarada en 1895 monumento nacional. Cruzamos aquí a Vía da Prata para continuar cunha paisaxe de brañas enmarcada entre cultivos e terrazas e podemos refrescarnos na fonte dos Capitáns antes de chegar ao parque Eugenio Granell.
Entrando en Conxo, antes do túnel debaixo a SC-11, atopamos dous muíños, o de Micas e o de Parceiros, e a fonte e lavadoiro de Pontepereda. Continuamos cun pequeno tramo por unha zona asfaltada entre vivendas ata que chegamos ao Bosque do Banquete de Conxo. Neste espazo, os elementos de interese compiten en espectacularidade: o carballo, árbore do ano 2022 en España, os muíños, o mosaico conmemorativo do Banquete de 1856 e as fontes, entre as que destaca a da Virxe da Concha que xa nomeaba no século XVII Tirso de Molina; e todo isto arroupados por unha flora espectacular. Se dispoñemos duns momentos podemos achegarnos ao mosteiro de Conxo, a uns 300 metros, que aínda conserva o impoñente claustro románico do século XII.
Rematamos esta experiencia na zona de Torrente abrazados polo Sar preto da desembocadura do rego de Chaián.