A paisaxe agraria das Brañas do Sar
As brañas son, en Galicia, zonas parcialmente anegadas, situadas ás beiras dun río, que están verdes todo o ano e nas que antigamente pacía o gando das pequenas explotacións agrarias galegas. Trátase dun ecosistema fráxil e cunha función moi importante na regulación da auga porque a reteñen cando chove moito e evitan que vaia de golpe aos ríos producindo inundacións.
As Brañas de Sar son un espazo dunhas 33 Ha, parte da conca do río Sar, que bordea a cidade de Santiago de Compostela polo levante, e que resulta dividido en dous polo rueiro histórico de Sar e a colexiata do mesmo nome. Discorren desde as piscinas e o Multiusos de Sar até a Pontepedriña, enmarcadas polo oriente polos montes Viso, Gaiás e Santas Mariñas e polo poñente pola fachada urbana da cidade, coa vía do ferrocarril, xunto co periférico, marcando o seu límite e freando o avance da cidade.
Referencias arqueolóxicas e históricas
A partir dos resultados dun estudo centrado no monte Gaiás por mor da construción da Cidade da Cultura realizado no ano 2000, aínda que non se atoparon xacementos arqueolóxicos nese espazo, si resulta relevante que poñen de manifesto elementos da antiga paisaxe rural galega a través da pervivencia de dous tipos de construcións esenciais: as terrazas de cultivo intensivo nas vertentes e zonas baixas do monte e os valos de pedra da división no monte para acoutar as parcelas. Resulta rechamante que en sete das dez terrazas sondadas e datadas por procedementos radiocarbónicos, se situase a súa antigüidade nun período que vai do século V ao VII da nosa era. Para os autores do estudo ofrece unha clara lectura en relación cunha actividade agrícola nos momentos posteriores á dominación sueva.
Polo tanto, nas Brañas de Sar foi construído un espazo agrario entre os séculos V e X por unha sociedade campesiña de gran dinamismo que proxecta a arquitectura do medio, desde a selección do espazo ata a súa reestruturación premeditada, e cuxos usos se mantiveron invariables practicamente ata a actualidade.
As Brañas de Sar na actualidade
Na actualidade as Brañas de Sar presentan distintos graos de conservación e podemos distinguir dúas zonas claramente diferenciadas e separadas polo camiño histórico de Sar. Ao norte, entre o Viso e a Ponte de Sar, un tramo que discorre polas abas do monte Gaiás, está a zona máis degradada por mor de construcións recentes (piscina, polideportivo, vivendas particulares, campo de fútbol, pistas asfaltadas etc.) que ocupan terreos claramente detraídos ás brañas que constrinxen o curso do río alterando a vexetación orixinal e as condicións de hidromorfía do terreo e actuando nas cheas como auténticos tapóns..
Nas marxes externas e nas zonas máis altas localízanse as agras dedicadas a cultivo, configurando un sistemas de mosaico de cultivos en tenzas perpendiculares ao eixo do río. Nas contornas das edificacións e muíños existentes atopamos prados de sega e algún indicio de plantación forestal con chopos. Neste tramo das brañas, o bosque de galería non pasa de ser unha ringleira de árbores na que abundan as discontinuidades e a existencia das brañas pasa a ser testemuñal.
No seguinte tramo, o que vai da Ponte do Sar á Pontepedriña, o río discorre máis libre, o que posibilitou a conservación dunha boa cantidade de brañas que se estenden pola súa beira en zonas baixas e chás. Aquí o bosque de ribeira cobra máis entidade e poden distinguirse manchas illadas monoespecíficas de salgueiros ou ameneiros. Nas marxes externas, a miúdo nas marxes interiores dos meandros, aparecen herbeiras, prados de interese gandeiro desenvolvidos sobre solos fertilizados e regados por inundación. Intercalados entre parcelas de cultivos de zonas máis altas, aparecen parcelas abandonadas con vexetación espontánea procedentes de prados actualmente non traballados.
A estrutura parcelaria do conxunto das brañas amósanos un espazo minifundista típico do agro galego distorsionado pola existencia de varias parcelas de grandes dimensións tanto de labradío como de prado. Sen contar estas, a estrutura da propiedade presenta parcelas de matogueira que roldan os 700 m e outras dedicadas a prados de menos de 400 m de media.
Xunto á moi importante presenza no ámbito da Colexiata de Santa María a Real de Sar, a riqueza patrimonial do conxunto das Brañas de Sar está constituída polos seus valores etnográficos e naturais, aos que se engade a Cidade Histórica, que as atravesa pola rúa da Ponte do Sar.
O conxunto etnográfico construído no ámbito ten íntima relación co uso da auga como elemento de vaIor produtivo: un sistema de canles, aceas, muros e represas que conducen a auga coa presión necesaria aos muíños situados ao longo do curso do río. Na área existen cinco muíños de moenda. Xunto ás intervencións nos cursos da auga, o territorio foi construído coa formación de támaras e terrazas de cultivo, camiños, pontes e pontellas na procura do tránsito desde as vivendas aos espazos produtivos.
Xestión responsable e sustentable
As Brañas de Sar posúen destacados valores naturais, etnográficos e paisaxísticos que hai que preservar, coidando todo o sistema: humidais, chairas de inundación, elementos etnográficos tradicionais etc., evitando discontinuidades e posibilitando que manteñan as súas características e dinámicas naturais e o funcionamento como conexións biolóxicas.
A protección deste sistema natural é indispensable para o funcionamento do metabolismo urbano e para contribuír activamente ao mantemento da súa biodiversidade, xa que os ríos, como o Sar, constitúen auténticas canles da natureza na cidade. Estes espazos, que manteñen o seu compoñente natural nun contorno transformado polos cultivos forestais e as concentracións parcelarias, cobran un redobrado valor, tanto como testemuña dun ambiente xa perdido, como por representaren excepcións na comarca. Polo tanto, as actuacións nesta contorna deben ser moi coidadosas, xa que a súa simplificación, ademais de supoñer unha diminución da biodiversidade pola destrución física que implicaría, podería orixinar a perda da súa calidade, a desaparición das tramas recoñecibles (nos camiños, no parcelario, nos peches, nas árbores de bordo, nos usos e hábitats históricos etc.), e tamén a desaparición dos estreitos e íntimos vínculos cuns asentamentos de fonda raizame histórica.
A paisaxe das Brañas de Sar está determinada polas formas de organización e produción agraria. Así, atopamos terras dedicadas ao labradío, as hortas, o monte e os prados, que son os que predominan na actualidade. Tamén teñen especial importancia as terrazas, que é a forma de aproveitamento agrario nas zonas con pendente. Nas Brañas de Sar dábase a agricultura de autoconsumo do núcleo familiar.
Hoxe en día, o hábitat aséntase no fondo do val, centrado ao redor do río Sar. Ao lado das casas, atopamos hortas de pequeno tamaño, plantadas con legumes, hortalizas e árbores froiteiras. Nas zonas de ladeira de monte vemos as terras de labradío (agras). En torno ao río e ás canles e regatos de auga derivados da corrente principal localízanse zonas de bosque de ribeira e prados naturais, favorecidos polas inundacións máis acusadas. En xeral, as terras de cultivos sitúanse nas zonas máis chás e de pendente suave, e os prados ocupan as zonas máis baixas, húmidas e encharcadas, sobre todo na metade suroeste.
Nas terras de labradío, o cultivo do millo e a pataca constitúen, tanto no pasado como hoxe, a base da actividade agraria. Na actualidade, hai unha certa extensión de pequenas leiras cultivadas destinadas ao autoconsumo, traballadas na súa maioría por xente de máis idade, grazas ao cal se conservan moitos dos métodos tradicionais de explotación.
As terrazas
Coa finalidade de conseguir un mellor aproveitamento agrícola, aparecen os espazos aterrazados, tamén coñecidos na zona como roleiros, nos que se contén o terreo mediante un muro para salvar as pendentes ou desniveis e convertelo en apto para o cultivo. Estas estruturas seguen tendo un papel moi importante na paisaxe actual. Nas Brañas de Sar atopamos dúas zonas aterrazadas, situadas nos vértices opostos: unha, a terraza da Revolta de Abaixo-Goiáns de Abaixo, na metade nordés a carón do Multiusos das Fontes do Sar, que na zona leste é de pendente suave, e a segunda, denominada terraza de Picaños, na aba do monte Santas Mariñas.
Estrutura parcelaria
Por outra parte, a estrutura parcelaria ten como característica máis importante a enorme fragmentación do espazo, característica xeral en moitas partes do medio rural galego. A forma de organizar o espazo agrícola ven condicionada pola proximidade de vivendas pero, sobre todo, pola relación co río Sar. A forma das parcelas é variada, con independencia do cultivo ao que se dediquen. As parcelas máis alongadas e cuadrangulares son as máis frecuentes. A disposición perpendicular ao río e ás súas canles permite o abastecemento da auga a cada unha delas, sen quedar ningunha illada. A consecuencia da realización das partillas, cando se divide a efectos hereditarios unha leira labrada, a partición faise en sentido lonxitudinal, por seren máis fáciles as medicións, adquirindo un aspecto de longas cintas tamén denominadas lanières.
Os peches entre parcelas
Os peches entre parcelas teñen un dobre sentido: delimitar a propiedade e impedir o acceso a ela. Para isto constrúense os valados, que son muros de cachotes de pedra de distinta altura e consistencia. Ás veces, hai lindes naturais que serven para delimitar as parcelas, como un camiño ou un regato. Tamén se usan como deslindes de leiras, árbores ou arbustos, por exemplo o vimbio ou vime, arbusto de porte medio, de ramas moi flexibles e cor amarela, habitualmente empregado en cestería.
A medida que os peches se fan máis altos, refórzanse como signo de privacidade. No caso das Brañas de Sar non son moi frecuentes os grandes peches. Preséntanse pechando superficies máis ou menos amplas, como a Colexiata do Sar, onde o muro marca o seu poder simbólico e material como dona en séculos pasados dunha parte importante das propiedades de Brañas de Sar e dos dereitos de uso da auga, ata a desamortización de Mendizábal.
A maior parte dos peches fanse sobre as hortas e na actualidade con muros de formigón e mallas metálicas, a maioría na zona do carreiro de Picaño.
Nas Brañas é posible apreciar a singular integración paisaxística do seu hábitat tradicional, típica paisaxe de agras con ribadas sucesivas nas ribeiras de ríos e regatos na que se produce a transición e correción do desnivel.
Un espazo agrario sostible
Coas Brañas de Sar estamos a falar dun espazo verde produtivo, periférico e semirrural que no pasado xogaba un papel importante no fornecemento dos recursos necesarios para o abastecemento da cidade tradicional. Esta explotación sostible do territorio estaba organizada de tal forma que mantiña a súa capacidade produtiva devolvendo os nutrientes (nitróxeno, fósforo e potasio) ao solo para garantir a súa fertilidade, un sistema combinado de hiperfertilización agraria, ideal para un sistema agrícola como o minifundio galego, consistente no aproveitamento dos nutrientes que achegan as enchentes do río e a auga que baixa do monte, aos que se sumaba o esterco producido pola mestura das feces do gando coas xestas e toxos que servían de cama nas cortess onde se gardaba.
As Brañas de Sar trátase dun espazo inundable no que se sitúan os chamados prados de rega que se xestionan mediante unha tecnoloxía propia na que canles e regos xogan un papel fundamental, configurando un sistema ramificado de reparto de auga adaptado á condición inundable do territorio.
Durante séculos, a paisaxe tradicional das Brañas de Sar mantívose inalterable, servindo ademais de para os usos agrarios, como lugar ao que acudían persoas da contorna: mulleres para lavar e lugar de lecer da rapazada dos barrios próximos (Sar, A Trisca, Pontepedriña, Picaños). Será a finais dos sesenta e principios dos setenta cando se inicie o deterioro e abandono desta contorna, noutrora chea de actividade e persoas.
Aínda así, no ámbito das Brañas de Sar a configuración paisaxística atópase sen grandes distorsións ao manter, en certa medida, o complexo agrario tradicional vixente. Polo tanto, é posible apreciar a singular integración paisaxística do seu hábitat tradicional, típica paisaxe de agras con ribadas sucesivas nas abas de ríos e regueiros na que se produce a transición e corrección do desnivel. A complexa estrutura parcelaria está constituída por un gran número de pequenas teselas que acollen diversos usos, con camiños abeirados por vexetación de bordo que cobre ribazos e cómaros e define a estrutura paisaxística dos eidos. Estamos ante unha paisaxe de gran calidade e elevada fraxilidade, cunha configuración e complexidade que contrasta coa crecente homoxeneidade do agro, que achega naturalidade e diversidade pola súa maior variedade de usos e hábitats, complexidade e diversidade que constitúen as virtudes desta paisaxe microconstruída.