Toponimia e microtoponimia
O estudo da toponimia é moi importante porque achega importantes datos históricos, xeográficos, económicos e etnográficos, pero tamén desde o punto de vista cultural, porque os topónimos son testemuña do patrimonio material e inmaterial que en ocasións permanece esquecido ou oculto e en moitos casos só queda no rexistro da memoria oral
A maior parte da toponimia é reflexo das formas de aproveitamento e organización agraria, referentes á natureza, especies vexetais, ao tamaño das parcelas e á súa localización. A auga e os terreos encharcados, así como a arquitectura asociada a esta, son referencias constantes na toponimia das Brañas de Sar.
A continuación, podemos ver algúns topónimos recollidos na zona das Brañas:
Agra: Extensión de terreo que pode estar cultivada ou é susceptible de estalo.
Agra da Fieira: Herbas moi longas que medran na beira do río.
Agro Grande /Agro de Arriba / Agro do Medio: O agro sería unha agrupación de parcelas, abertas, que só están pechadas en conxunto por un valado exterior e que pertencen a distintos donos. O adxectivo fai referencia ao seu tamaño e á súa situación topográfica no terreo. Outros topónimos como Agro do Loureiro, ou Agro das Cerqueiras, fan referencia á presenza destas árbores na parcela.
Brañas de Sar/ Braña Grande/ Camiño da Braña/ Braña de Fóra/ Brañón: Hidrónimo. Estudosos como Landín Carrasco din que provén da raíz céltica barc ou brac. Refírese a un terreo húmido ou encharcado. Pasto de verán. Terreo baixo e sempre asolagado, no que nace auga. Auga parada. Brañal. Lameiro. Outros estudosos din que vén da verea do Baixo Imperio, e ten unha connotación de camiño público principal, por onde circulaban os cabalos de postas, de cursus publicos, chamados veredi, que derivou na Brea (Ponte da Brea, a Brea).
Campiño: É un espazo extenso de terra cha de labor. Terreo extenso fóra da aldea ou vila, pasteiro, pasto, terra que se deixa de traballar para dedicala a pasto do gando. Outras formas derivadas deste topónimo poden ser Campo, Campiña, Campelo etc.
Fonte dos Capitáns: J. A. Tojo Ramallo recolle de D. Abel Fernández, As fontes de Santiago de Compostela, unha lenda que explicaría o nome da fonte. Segundo di, en 1808, durante a invasión francesa, na Colexiata de Sar tiñan o seu campamento as tropas de Napoleón e, cando saían de correrías ou vixilancia, paraban a beber alí. Mentes os soldados tomaban un descanso e estaban bebendo na fonte, non se deron conta de que lles faltaba o capitán. Por máis que o buscaron, non foron quen de atopalo. O Capitán nunca máis apareceu.
En menos dunha semana, outra compañía de soldados do mesmo campamento, ao mando doutro capitán, tamén parou a beber na fonte, á sombra da carballeira, e non se sabe como, volveu a pasar o mesmo, pois desapareceu o capitán.
Os mandos superiores, ao día seguinte , mandaron outros soldados a beber e descansar na fonte, e sen que estes o soubesen, mandaron outras dúas compañías detrás deles, pois sospeitaban do feito de que desaparecesen só os capitáns cando ia beber a tropa na fonte. Estas dúas compañías seguiron os soldados e descubriron que había un pequeno grupo de homes que levaba un vulto metido nun saco. Déronlles o alto e revisando a mercadoría mentres os portadores fuxían, viron que o que ía envolto era o cadáver do terceiro capitán das tropas francesas.
Dende entón, a aquela fonte, situada na carballeira entre Sar e a actual estrada Santiago-Ourense, chamáronlle a fonte dos Capitáns. (Tojo 1998: 230-231).
Carreiro de Picaños: Carreiro fai referencia ao camiño para o paso das persoas e animais, xeralmente é unha vía estreita. Picaños: deriva de picaña, que é un apeiro de labranza con mango de pau e dúas ou máis pugas nun extremo de forma moi aguda, empregada para arrincar esterco e cavar ou labrar en terras duras.
Corgos/Corgo do Agro/Fonte dos Corgos: Hidrónimo, do latín corrugus que fai referencia a acequia, canle de auga, poza, depresión con auga. Corgo tamén era o nome do pozo onde se curtía o liño. Tamén pode ser camiño entre montes, do latín corrugun.
Os topónimos son testemuñas do patrimonio material e inmaterial que en ocasións permanece esquecido ou oculto e en moitos casos só queda no rexistro da memoria oral.
Cortiña: É moi similar ao concepto de horta, porque se refire a un terreo preto da casa, cercado e dedicado ao cultivo de hortalizas ou legumes. É de superficie pequena, pero sinónimo de terra de calidade.
Catadoiro: Do latín captatoriu, miradoiro, atalaia. Do verbo “captar”, ver, mirar.
Fieiteira de Arriba: sitio poboado de fentos ou fieitas.
O Forte: Pode referirse a un recinto fortificado.
Goiáns de Abaixo: Pénsase que pode proceder dos séculos V e VI e ter orixe xermánica e da lingua tardo latina. Goiáns de Arriba estaría na ladeira do monte Gaiás e, derivado deste, podería ser o topónimo de Goiáns de Abaixo.
Muíño de Vilar, Camiño do Muíño: do lat. molo molere, esmiuzar co peso, triturar, mola, a que moe ou tritura, orixe da nosa moa, que sería a pedra de moer. Molinus, acaba sendo o muíño, que é o conxunto que moe, incluída a vivenda.
Picheleiro: Xerra alta, xeralmente de estaño, que se usaba para quitar o viño dos pipos e servilo. Tamén pode facer referencia ao cano dunha fonte, ao picho, podendo derivar de cichón.
Revolta de Abaixo: Pode ser unha extensión de monte roturado, segunda ou terceira sacha dun cultivo, ou ben facer referencia a curvas pronunciadas cun empedrado máis coidadoso que o resto das calzadas, que non teñen que ser romanas necesariamente.
Sar: Hidrónimo, “auga, río, lugares asolagados”. Segundo Murguía, podería ter orixe prerromana, probablemente indoeuropea. Exemplos con esta raíz serían os ríos Sar e Sarela. Lugares con abundancia de auga.
Senra, Agro da Serra, Camiño do Agro da Senra: Topónimo prerromano, probablemente céltico. Pode ser unha porción de terra de sementeira, un campo comunal cultivado de cereais, unha terra de monte convertida en labradío, roturada e apropiada para centeo, terra de labor e prestación de traballo ao señor.
Talo: Podería ser un cano, ou ben un tipo de asento.
Viso: Do latín visus, altura de ampla visión, un terreo alto dende o que se divisa unha ampla extensión.
Tenencia de Velasco: Tenencia, tenza en galego, implica posesión, propiedade acompañado dun antropónimo “Velasco”.