Arquitectura da auga

Introdución

A sociedade galega foi básicamente rural ata mediados do século XX. O 80% da poboación vivía no campo e nove de cada dez habitantes traballaban na agricultura. Este sistema agrario caracterizábase por un aproveitamento máximo dos recursos naturais, o que creaba unha importante dependencia do medio. A produción agraria víase ligada ao papel fundamental da auga. Entre as actividades nas que a auga era esencial, figuraban a rega das terras de cultivo e prados, ser unha fonte de enerxía accesible e renovable na transformación de produtos agrarios e para actividades industriais a pequena escala. Iste uso da auga como fonte de enerxía é un exemplo de sustentabilidade e de desenvolvemento integrados no medio.

As obras que modificaron o medio a favor do aproveitamento hidráulico son anónimas. Todas elas son froito do traballo comunitario e dunha experiencia e coñecementos acumulados ao longo da historia. Estas peculiaridades manifestan o carácter colectivo do sistema agrario tradicional, sendo un dos seus trazos máis destacados.

Muíño

O sistema tradicional de vida e de produción cambiaron radicalmente na segunda metade do século XX. Este feito traduciuse nunha crise irreversible que deu lugar a unha profunda desagrarización, provocando ademais un paulatino despoboamento de amplas zonas rurais. A forte transformación que sufriu nos últimos tempos o sistema agrario galego, afectou o patrimonio material e inmaterial que se configurou ao redor da agricultura tradicional. Isto provocou que moitas das construcións tradicionais fosen abandonadas.

Plano dun muíño do ano 1600

As Brañas de Sar é un lugar abundante en auga. Isto permitiu a construción de elementos dinámicos como represas, canles de auga, muíños, fontes e lavadoiros. Estas obras foron creadas para a xestión da auga e administrar os recursos hídricos no val do Sar.

Os elementos construídos para o uso da auga e para a actividade agraria nas Brañas de Sar poden ser catalogados en catro áreas:

  • Áreas de actividade: muíños, lavadoiros e fontes.
  • Elementos de xestión da auga: canles, represas e muros de contención.
  • Áreas de espazo agrario: terrazas, marcos e hórreos.
  • Construcións para o tránsito: pontes e camiños.
Río

Áreas de actividade

Enténdese por áreas de actividade aqueles elementos relacionados coa vida económica e cotiá da comunidade como muíños, lavadoiros e fontes que, ademais de para o uso concreto: a moenda, a recollida de auga ou para lavar a roupa cando non existía traída de auga nas casas, eran lugares moi animados de intensa relación social onde confluía a veciñanza de toda a contorna. 

Elementos de áreas de actividade das Brañas de Sar:

Muíño de Sar ou muíño Branco. Este muíño, desaparecido pola construción do Multiusos de Sar era, como todos os que atopamos nas braña, un muíño hidráulico. Aparece na documentación antiga en mapas de 1907. En fotografías aéreas de 1968 aparecen as ruínas do que sería un edificio de planta rectangular. Segundo a entrevista etnográfica cun veciño da zona era coñecido como muíño Branco de Simón. No Arquivo da Catedral de Santiago gárdase un documento de 1590 sobre o arriendo do muíño Branco sito nas Brañas de Sar.

Muíños I dos lavadoiros. A súa construción aparece constatada na cartografía histórica de 1907. Acaroado a unha vivenda e co acceso por esta, mide 23,99 metros cadrados. Ten dúas entradas e dúas saídas de auga e por riba de cada boca do inferno hai unha fiestra. Parece que conserva toda a maquinaria tanto de rotación como de trituración. Está construído con grandes bloques de anfibolita nos esquinais e cachotería no resto da parede. No lintel e nas portas utilizouse granito. O teito é a dúas augas. A auga que sae da boca do inferno deriva parte a outra canle que abastece o muíño dos lavadoiros II e que tamén se aproveita pra regar os prados da contorna. Cómpre mencionar que este conxunto de muíños dos lavadoiros son coñecidos tamén como os da Mourulla, denominación que se aplica á ponte que cruza o río nas proximidades.

Muíño e lavadoiro

Muíño II dos lavadoiros. O mesmo que o muíño dos lavadoiros I, a construción aparece constatada na cartografía histórica de 1907. Ocupa 32,78 metros cadrados e presenta dúas entradas de auga. A zona de entrada da auga ao muíño está cuberta por dúas grandes laxes de granito que permiten o acceso ás terras de labor e ao camiño que comunica coas casas. De planta rectangular, presenta nas esquinas grandes bloques de granito e as paredes están fabricadas con cachotería de anfibolita. No lenzo da parede apréciase que  sufriu unha ampliación en altura. Parece que non conserva a maquinaria de rotación e descoñécese se conserva a maquinaria interior. Pola parte posterior de saída da auga atópase unha gran laxe de granito para permitir o paso por riba da canle de auga que se dirixe paralela ao río para prover os muíños que se atopan preto da ponte de Sar.

Muíño do Morico ou casa do Martelo. Situado moi preto da ponte de Sar, cara a el esténdese unha canle que penetra a través de dúas entradas e conta con tres bocas do inferno, unha das cales mide 1,43 m, do que se deduce que no seu día tivo tres pedras de moer. Actualmente está en ruínas e no seu interior non se conservan as divisións entre o piso superior e o inferior, aínda que sí pezas diversas dos mecanismos. É de planta rectangular e está acaroado a unha vivenda e a unha fábrica. Parece ser que contaba con tres mecanismos, dúas pezas de moer, unha para millo e outra para cereais e unha terceira que funcionaba como un mazo para as pezas de coiro que se utilizaban na elaboración de calzado nas fábricas de curtidos que había nas proximidades e que tiveron gran relevancia na economía industrial de Compostela. Os carros de bois cargados coa mercancía atravesaban o Sar non pola ponte, senón por un vao natural, situado poucos metros augas arriba. As pezas de moer dos cereais están máis pulidas que as destinadas ao millo que son máis bastas.

Muíño da Nacha. Actualmente é unha vivenda moi reformada e desde o exterior non se aprecia ningunha estrutura que se poida vincular co antigo muíño que deixou de funcionar hai aproximadamente 60 anos. Posiblemente fose un muíño de canle que desembocaría na ponte de Sar.

Muíño de Vilar. É un muíño de cubo de planta rectangular, construído con bloques de anfibolita e pedra de granito nos esquinais e reforzando os vans. Conserva unha bufarda horizontal de ventilación horizontal encima da boca do inferno. No lado S-SW distínguense unha serie de valos con algunha pontella para permitir o paso nesta zona facilmente inundable. A canle que fornece o muíño parece arrincar da zona do río onde se sitúa a pontella 1 das Brañas de Sar. Atópase en moi mal estado.

Muíño de Miguel. Muíño-vivenda situado no tramo final das Brañas de Sar. Nútrese dunha canle de auga que pasa primeiro polo muíño de Vilar. Aínda que coñecido co nome de muíño de Miguel, unha filla da actual propietaria asegura que o nome é incorrecto porque o tal Miguel non era máis que o esposo da propietaria polo que, en realidade, debería ser coñecido como muíño de Eugenia.

Canle dos lavadoiros

Lavadoiro da canle dos lavadoiros. Trátase dun lavadoiro composto por varias laxes de anfibolita dispostas de xeito inclinado e situadas na parte dereita na mesma canle de derivación de auga que alimenta os muíños dos lavadoiros. O lavadoiro está a uns 12 metros do primeiro deles. Este e parte da canle están cubertos por un emparrado.

Lavadoiro de Picaños. Con planta heptagonal e un diámetro duns dous metros, está fabricado con laxes de granito e anfibolita. Ten oito zonas de lavado independentes entre si, así como unha canle que recolle a auga dunha pía situada ao lado das escaleiras de granito que chegan da parte alta. O espazo está delimitado por un muro.

Lavadoiro de Picaños

Fonte dos Capitáns. A Fonte dos Capitáns recibe o seu nome polas actuacións guerrilleiras contra as tropas francesas na Guerra de Independencia desenvolvida entre 1808-1814 contra a invasión do exército napoleónico. A fonte actual está uns metros máis ao norte que o cano orixinal, que se desmantelou cando os terreos foron ocupados pola estación de ferrocarril de Santiago. Antigamente a fonte dos Capitáns estaba arrodeada por un souto e unha fraga, xa que tanto castiñeiros coma carballos eran abundantes nesta zona. Na actualidade a súa auga segue a ser aproveitada pola xente do lugar. Pero, de onde ven o nome de Fonte dos Capitáns? Contan que na Guerra da Independencia, en 1808, estaban acuarteladas na Colexiata de Sar as tropas napoleónicas, que saían facer as súas correrías pola veciñanza. As tropas facían descanso fronte á fonte mentres bebían dela, momento que aproveitaron os guerrilleiros emboscados no souto e na fraga que a rodeaban para secuestrar os capitáns da tropa.

Vista xeral Fonte dos capitáns
Fonte dos capitáns

Elementos de xestión da auga

Estas áreas engloban todos aqueles elementos que servían para aproveitar a auga como recurso enerxético para os muíños e mazos e tamén para o regadío dos prados que fornecían de herba o gando. Subsidiariamente, as presas aproveitábanse para habilitar zonas de baño para a comunidade. 

Elementos de xestión da auga que podemos atopar nas Brañas de Sar:

 

Canle dos lavadoiros. Esta canle vai paralela ao río Sar  e ten unha lonxitude de 464 metros e unha sección media de 1 metro. Parte moi preto do Multiusos de Sar. Na súa orixe tomaba a auga do río na zona norte das brañas dunha presa hoxe desaparecida. A canle vai escavada na terra e reforza os seus laterais na proximidade dos muíños dos lavadoiros, aos que fornece de auga. Ten unha deriva para regar os prados circundantes mediante sucos sachados na terra a intervalos duns 10 metros. A súa auga e a propia canle son aproveitadas para establecer un lavadoiro. Para cruzala conta cunha pontella de madeira situada a carón dos lavadoiros. Todo o conxunto está cuberto por unha gran parra. Pasado o muíño dos lavadoiros II, esta canle continúa paralela ao río para levar auga aos muíños do Morico e da Nacha e desembocar no río ao lado da Ponte de Sar. Para cruzar a canle na proximidade dos muíños dos lavadoiros están dispostas grandes laxes de granito que atopamos entre ambos os muíños e na parte de atrás do segundo. Este último ten a carón unha rústica escaleira de pedras empotradas no muro da canle para acceder a ela pola marxe esquerda.

Muíño do Morico
Ponte nun muíño e lavadoiro

 

Canle do Forte. Mide 0,70 m de ancho na boca por 9,80 de lonxitude. Xunto coa presa formaba parte dun conxunto que serviría para regar as parcelas do Forte. Ten forma de embude, máis ancha na boca para recoller a auga do río e cun progresivo estreitamento a medida que vai entrando na parcela para así regala polo sistema de inundación.

Canle dos muíños de Vilar e de Miguel. Mide 530 metros de longo cunha anchura aproximada dun metro. Arranca do río Sar na zona do cruceiro de Picaños e vai máis ou menos paralela ao río para desembocar nel na contorna da acea das Brañas de Sar. Como no caso da canle dos lavadoiros, está escavada na terra e puntualmente, na proximidade dos muíños, reforzada con laxes de xisto. Ademais de levar auga aos muíños de Vilar e de Miguel, parten dela surcos que proporcionan auga aos prados próximos.

Canle da presa das Brañas de Sar. Parte da presa está construída con pedras a escuadra e cachotería de anfibolita e granito.

 

Represa das Brañas de Sar. Esta presa é a única que se conserva en todo o tramo de río que percorre as Brañas de Sar. Antigamente había polo menos dúas máis, unha no tramo alto do río, no lugar coñecido como Vella Juana, que servía para derivar a auga á canle do muíño dos lavadoiros. A outra presa desaparecida estaría un pouco máis abaixo da ponte de Sar e serviría para derivar auga á canle dos muíños de Vilar e de Miguel. A acea das Brañas de Sar é pois, a única que chegou aos nosos días. Mide 6,40 metros de longo por 8,90 m de ancho e contaba cunha comporta de 0,70 por 0,60. Esta presa está situada moi preto da Pontepedriña e servía para desviar a auga por un canal para a rega dos prados da contorna. Está construída asentando grandes pedras de granito cuadrangulares de forma transversal ao río, deixando unha canle de entrada coas comportas mencionadas máis atrás. Por detrás deste muro de granito vemos un lousado de cachotería de anfibolitas dispostas sen argamasa entre elas, que forma unha rampla para facilitar o tránsito da auga.

Muros de contención. En todo o tránsito do río poden atoparse diferentes muros de contención realizados con cachotería de granito ou anfibolita, que teñen como función evitar a corrosión da ribeira provocada pola corrente do río. Teñen unhas lonxitudes que van desde os 5 metros do máis pequeno ata os 8,80 do máis longo. Actualmente poden observarse 4 muros de contención en diferentes estados de conservación. Un deles, situado a uns 50 metros ao sur da ponte de Sar, conserva no medio unha saída de auga de sección cuadrangular construída con pedras rectangulares e ben careadas.

Áreas de espazo agrario​

Este apartado engloba as entidades que constitúen por si mesmas o espazo agrario, como son as terrazas de cultivo , así como tamén as relacionadas coa actividade nas que encadraríamos os hórreos ou aquelas que serven para delimitar o propio espazo como os marcos das leiras.

Na zona das brañas, ás terrazas chamábanlles “roleiros” e estaban destinadas á contención do terreo mediante un noiro ou muro de contención para salvar as pendentes ou desniveis e convertelos en terreos de cultivo. Probablemente teñen unha considerable antigüidade xa que se construirían ao se xeneralizar o aproveitamento agrícola da zona.

Os marcos son elementos de delimitación de parcelas. Para este fin utilizábanse valados de cachotería, regos de auga ou camiños. Tamén atopamos peches defendidos con loureiros ou bidueiros que servían para o uso doméstico na elaboración de cestos, atumes de emparrados etc. Un elemento menos visible da linde son as pedras chamadas marcos, a linde é a liña recta que vai dun marco a outro. Os muros das terrazas adoitaban tamén separar terras de labradío de prados.

Terraza da RevoltaGoiáns de Abaixo. Está situada na parte norte das brañas ao pé do monte Gaiás e vai en dirección paralela ao río Sar e o seu estado de conservación é bo. O noiro ou avultamento de terra cuberto de vexetación espontánea que separa a terraza mide 230 metros de lonxitude e ten unha altura media de 1,5 metros. Conserva un muro de contención de 6 metros de longo construído a base de cachotería de anfibolita; outros tramos do noiro alternan pedra e terra. As parcelas desta zona dividen o terreo de forma transversal e presentan unha intensa actividade agrícola na que predominan as áreas de prado, cultivos de millo, hortícolas e, na parte sur da terraza, destacan as plantacións forestais. Historicamente esta construción parece que dividía o espazo agrario nunha zona superior para cultivo de cereais e nunha inferior dedicada a pasto, denominada dos lavadoiros e agra da Fieira.

Terraza de Picaños. O noiro mide 110 metros de longo por 2 de alto e posiblemente era máis longo continuando en dirección SE. Presenta un muro de contención feito con pedras de cantería e máis cachotería de anfibolita en todo o percorrido. A parte inferior desta terraza está dedicada a pasto e a superior, que antigamente acollía as terras de labranza, está abandonada, con vexetación de monte baixo e árbores plantadas no noiro. Discorre de forma paralela ao camiño do fondo da braña. O seu estado de conservación é regular.

 

Marco I da Revolta de Abaixo. Trátase dun marco de pedra de granito que fai de linde entre as parcelas da Revolta de Abaixo e Goián de Abaixo. Está en contacto coa estrada que comunica o Multiusos de Sar con Pontes do Sar.

Marco II da Revolta de Abaixo. É un marco realizado en pedra de granito que funciona de linde entre as parcelas da Revolta de Abaixo e do Agro das Cerqueiras, estando situado na marxe NE do predio próximo á estrada que comunica o Multiusos de Sar con Pontes de Sar.

Horta

Hórreo dos Lavadoiros. Mide 4,67 metros de longo por 2,46 metros de ancho e 3 m de altura aproximadamente. É de planta rectangular e construído con materiais contemporáneos a base de ladrillo e cemento. A parte inferior, o celeiro, está pechada e é utilizada como galiñeiro. A porta de acceso á cámara é de aluminio e situase na parede lateral sur. O teito é a dúas augas con tella curva do país. Presenta dous remates decorativos, no lado sur unha cruz de sección cuadrangular e un pináculo tamén de sección cuadrangular no lado norte.

Construcións para o tránsito​

Son elementos que serven para facilitar o tránsito pola zona, así que estamos a falar de camiños, pasais, pontellas e pontes.

  • Ponte das Brañas e Sar. Tamén coñecida como ponte da Mourulla, mide 9,42 m de longo por 2,75 m de ancho e unha altura de 1,48 m; antigamente a plataforma tiña un ancho de 1,20 m que só permitía o paso de persoas e animais. O tránsito dos carros para cruzar o Sar facíase por un vao natural ou porto pegado ao lado norte da ponte. Esta ponte atravesa o río na zona denominada Camiño da Ponte ou da Mourulla. Está construída con pedras de cantería e de cachotería de granito e anfibolitas. Consta de catro alicerces de base rectangular asentados sobre cachotería de anfibolitas para nivelar o terreo do leito do río. Sobre este leito sitúase a base das laxes de planta rectangular, sobre as que se asentan pedras a escuadra de granito que pola forma que adoptan augas arriba, parece que antigamente tiveran tallamares. Sobre esas bases colócase a plataforma formada por grandes laxes de granito pola que transitaban persoas e animais. Hai 40 anos ampliáronse a superficie da ponte e as súas bases. Como curiosidade, no alicerce situado máis ao leste e augas abaixo obsérvase unha pedra de granito cun gravado composto por tres círculos concéntricos, o máis probable é que sexa unha pedra reutilizada.
  • Ponte de Sar. Mide 22 m de longo por 3,50 de ancho e ten unha altura aproximada de 5 metros no punto máis alto. Está realizada enteiramente en cantería de granito. Trátase dun elemento importante de valor construtivo e histórico moi vinculado ao desenvolvemento de Santiago, á calzada de Sar como vía de acceso desde as terras do Ulla, de Ourense e de Castela e tamén ao camiño de peregrinación que subindo por Sar e Castrón Douro cara ao Arco de Mazarelos, daba acceso á cidade pola muralla que a circundaba. A ponte presenta tres arcos de medio punto, o do centro con maior altura, e calzada en ángulo. Ten peitorís a ambos os lados da calzada con buratos de desaugadoiro na súa base. Augas arriba ten dous tallamares de sección triangular. No lado oeste da estrutura e a ambos lados da ponte, hai dúas escalinatas que permiten o acceso ao río. A uns 50 m da ponte augas arriba hai un vao ou porto polo que antigamente pasaban os carros con mercadorías.
  • Ponte do Picaños. Duns 8 metros de longa, é unha ponte de madeira para salvar o curso do río augas abaixo da Ponte de Sar no lugar onde antigamente había unha pontella desaparecida. De nova instalación polo Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil, enlazará o novo camiño da zona de Picaños co Camiño da Fonte dos Capitáns cara a Colexiata de Sar.
  • Ponte da Ceña. Duns 7 metros de longa, é unha ponte de madeira colocada sobre vigas metálicas para salvar o curso do río. Está situada un pouco máis abaixo da Ceña das Brañas de Sar, preto da Pontepedriña, e enlaza cunha pasarela de madeira que remata no muro do aliviadoiro que sae da mencionada Ceña. Foi colocada polo Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil.
  • Pontella I das Brañas de Sar. Situada, o mesmo que a pontellas II e III, augas abaixo da ponte de Sar, mide 4,45 m de longo por 1,60 de ancho, tendida sobre o río. Actualmente está caída no lado leste debido á actividade erosiva do río. A parte superior é de formigón apoiado sobre pezas rectangulares de cantería de granito que, pola súa vez, se asentan sobre unha base de cachotería de anfibolitas.
  • Pontella II das Brañas de Sar. Mide 3,29 de ancho por 7,04 de longo e 0,60 m de altura. O firme é de formigón e foi construída segundo contan os veciños hai uns 30 anos.
  • Pontella III das Brañas de Sar. Mide 7,04 m de longo por 3,29 de ancho, feita con firme de formigón. Na beira oeste, no arranque, presenta unha base de anfibolitas moi ben careadas, no lado leste está apoiada sobre tres postes cilíndricos de madeira.
Ponte nun muíño e lavadoiro
  • Pasal I. Atópase sobre a canle do muíño de Miguel, no último tramo, cando esta desemboca no río Sar próxima á acea das Brañas de Sar preto da Pontepedriña. Mide 1,45 m de longo por 2,80 de ancho. Está formada por tres laxes de pedra, a central de granito e as laterais de anfibolita, asentadas sobre unhas pezas alongadas de anfibolita que, pola súa vez, se apoian sobre cachotería para nivelar o terreo.
  • Pasal II. Está situado entre os muíños dos lavadoiros e os muíños do Morico e da Nacha sobre a canle que os fornece de auga. Mide 1,40 m de longo por 0,48 m de ancho e ten unha altura de 0,15m. Está feita con unha gran laxe de granito apoiada sobre a canle de auga.
  • Pasal III. Este novo pasal situado sobre a canle do muíño de Vilar foi instalado polo Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil para recuperar o tránsito polo antigo camiño que unía a zona de Picaños e que conducía cara O Forte.
  • Pasal IV. Pasal novo que se instala durante as actuacións do Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil para salvar a canle do muíño de Miguel coincidindo coa traza do antigo camiño que atravesaba o complexo habitacional onde se atopa este muíño.
  • Pasais da canle do muíño do Morico. A recuperación do camiño que une os muíños dos Lavadoiros e o muíño do Moric, obrigou á instalación polo Obradoiro Ecotur Xuvenil, dun conxunto duns dez pasais de pedra de xistos de Santiago para salvar os regos que parten da canle cara os prados situados entre esta e o curso do Sar. As pontellas e os pasales eran as construcións máis sinxelas para cruzar ríos e canles, mentras que os camiños adoitaban ter o firme de terra.
  • Camiño do fondo da braña. Este camiño transcorre case pola zona máis deprimida das brañas, de aí o seu topónimo. Ten 900 metros de lonxitude e comunica a zona de Picaños coa de Pontepedriña. Os primeiros 220 m están en parte asfaltados e en parte  formigonados. A partir de aí é de terra. A 250 m bifúrcase cara ao oeste en dirección ao muíño de Vilar e a uns 110 m desta bifurcación hai outra que leva ao muíño de Miguel. A partir deste punto cara á Pontepedriña o camiño do fondo da braña aparece empedrado con laxes de anfibolita sobre unha terraza.
  • Camiño dos Capitáns. Camiño de 100 m que atravesa as brañas e vai desde a fonte dos Capitáns ata a pontella III.
  • Camiño do muíño do Morico. Mide 30 m de longo e 2,25 m de ancho. Vai desde o muíño da Nacha ata o muíño do Morico. Está empedrado con anfibolitas moi redondeadas a causa da erosión e moi alteradas polo do uso de maquinaria.