O sar e Conxo

Despois de abandonar un espazo aberto e tan rico e singular como as Brañas de Sar, co seu sistema agrícola ancestral, a arquitectura da auga fosilizada en muíños, canles e outros elementos, e unha flora e fauna específicas de ecosistemas húmidos, o Sar pasa a Pontepedriña e comeza a ser apertado polos montes.

Entre as Brañas e Conxo, o paseo do río trasncorre polo parque Euxenio Granell, popularmente coñecido como do Restollal, que foi inaugurado en 2003. Está dedicado ao autor surrealista Eugenio F. Granell e foi inaugurado pola súa viúva, Amparo Segarra, en maio de 2003. Coa dedicatoria do parque a este autor preténdese recoñecer a súa categoría como creador e como persoa, o seu amor por Compostela e o feito de que deixara o seu legado artístico na nosa cidade.

É un dos parques máis extensos de Compostela, con máis de 120.000 metros cadrados en suave pendente; está configurado por zonas axardinadas e de céspede acompañadas dun frondoso bosque de carballos, freixos, ameneiros e salgueiros na ribeira do río.

Río Brañas de Conxo

Dispón de plataformas para exercicios físicos, pistas de skate, cafetería, áreas de descanso con bancos, fontes de auga potable, iluminación nocturna, accesible as 24 horas, carril bici pola marxe do Sar, un parque infantil, un espazo onde poder ter os cans ceibos, entre a carballeira e o río, que responde ao programa de convivencia coas mascotas e dous miradoiros sobre o val do Restollal que ofrecen fermosas vistas da cidade. Ten accesibilidade para persoas con diversidade funcional e zonas de aparcamento próximas.

A través da carballeira, saímos do barrio da Pontepedriña e entramos no de Conxo atravesando un longo túnel. Grazas ao mosteiro de Conxo, e sobre todo a súa reconversión en manicomio a finais do século XIX, o Sar afronta o seu tramo máis señorial, algo que se vai notar sobre todo no aire decimonónico que se aprecia ou percibe sutilmente ao pasear polas súas ribeiras. Este Sar, entre a Pontepedriña e Torrente, está cheo de historia, arte e lendas.

As ribeiras do Sar, ao contrario que as do seu afluente o Sarela moito máis humanizadas, teñen un aire agreste, e no tramo que percorre Conxo aínda máis, xa que o río vai encaixado entre montes. En Conxo apenas hai campos cultivados, pero si fermosos bosques. Aquí concentrábanse moitos muíños, ben pola influencia do mosteiro ou polas condicións do terreo que facilitaban a condución de auga; deles pouco queda xa que a maioría están completamente desaparecidos. Si se conservan algunhas pontellas, como as tres que se poden ver na finca do mosteiro.

Pasear polas súas ribeiras é un pracer para os sentidos, especialmente en primavera e outono cando as árbores amosan mil e uns tons de verdes nacentes ou de ocres, marróns, amarelos e vermellos na caída da folla.