Carballo do
Banquete de Conxo

Más tarde, en otoño,
Cuando caen marchitas tus hojas,
¡Oh roble!, y con ellas
Generoso los musgos alfombras,
¡Qué hermoso está el campo!
La selva, ¡qué hermosa!

Poema Los Robles, En las orillas del Sar, Rosalía de Castro

Carballo do Bosque do Banquete de Conxo ©Árbore da Fraternidade

 

O carballo común (Quercus robur) é a nosa árbore máis popular. Á súa sombra aínda agora se celebran centos de festas e antano tamén feiras de gando. Se existe algunha árbore que se identifique con Galicia e, en particular, con Compostela, esa é o carballo.

O Carballo do Banquete de Conxo, con máis de 250 anos de vida, é a árbore máis veterana do histórico Bosque do Banquete de Conxo. Álzase ao pé dunha das sendas deste “novo” espazo natural situado ao sur de Santiago de Compostela. Dicimos novo porque se abriu ao público no ano 2018, despois de estar pechado nada menos que durante 133 anos, en concreto desde 1885, data na que esta enorme leira de máis de 20 hectáreas, bañada polo río Sar, se destinou a espazo só para internos do daquela modernísimo Manicomio de Conxo. Estamos ante un símbolo de resistencia ás cortas indiscriminadas e aos múltiples incendios que arrasaron os bosques galegos durante os séculos XIX e XX e que foron minguando espazos coma este, que en orixe chegou a albergar ata 1000 carballos. Hoxe quedan en pé só uns corenta, con este carballo como emblema. O Carballo do Banquete de Conxo ten 3,75 metros de perímetro do tronco, unha altura de 26 metros e 392 metros cadrados de dimensión de copa.

Foi testemuña, o 2 de marzo de 1856, do insólito e histórico Banquete Democrático de Conxo, celebrado nas súas inmediacións, un acto organizado por estudantes universitarios, promovido, entre outros, polo poeta romántico Aurelio Aguirre, onde os mozos quixeron servir a mesa a artesáns e obreiros como un símbolo de igualdade, liberdade e fraternidade, os valores democráticos recibidos da Revolución Francesa. O Carballo do Banquete de Conxo é un dos carballos que impulsou un texto ecolóxico, pioneiro no século XIX en defensa da natureza, cuxa autora é Rosalía de Castro, que denunciará, no seu libro En las orillas del Sar (1884), a tronza indiscriminada de moitas destas árbores en versos como «¡Jamás lo olvidaré!… De asombro llena» ou «Los Robles». O Carballo do Banquete de Conxo atópase ao pé da entrada en Santiago do Camiño Portugués de peregrinación, a 200 metros da fonte da Virxe da Cuncha, importante lugar de culto e peregrinación xa citado por Tirso de Molina no século XVII. Tamén está a uns 300 metros do Mosteiro de Conxo, que conserva parte dun claustro románico do século XII e atesoura unha imaxe de Cristo Crucificado atribuída ao escultor galego Gregorio Fernández (Sarria 1576-Valladolid 1636), imaxe considerada unha das cinco máis importantes do Barroco español.

Vista xeral do mosaico do Banquete de Conxo

O Carballo do Banquete de Conxo foi o candidato galego ao concurso Tree of the year, no que cada ano se escolle a árbore europea entre varias candidatas elixidas por votación popular. De todas as edicións deste concurso dende 2016, ningunha tivo unha participación tan alta. No concurso para elixir o representante español, o Carballo do Banquete de Conxo resultou gañador con 22.974 votos (un número similar ao que necesitou a árbore gañadora do ano anterior na final europea). No concurso europeo resultou segunda, con 168.284 votos. Grazas a este concurso, o noso carballo é coñecido en toda España e Europa. Pero a gran vitoria do Carballo do Banquete de Conxo foi lograr o compromiso do Concello de Santiago de plantar 100.000 árbores de aquí a 2030. De momento xa se plantaron máis de 20.000.

Logo Vota Carballo Banquete Conxo