Bosque do Banquete de Conxo

A historia de Santiago de Compostela está intimamente ligada aos carballos e ás carballeiras. Segundo relata o Códice Calixtino, de 1139, os discípulos do Apóstolo Santiago, Teodoro e Atanasio, trasladaron o seu corpo dende Padrón ata o Liberum Donum –bosque Libredrón-, unha frondosa fraga onde foi enterrado arredor da cal naceu a cidade de Compostela.

Santiago é a cidade galega con máis carballeiras nos seus parques, entre as que cabe salientar a de Santa Susana e a de San Lourenzo pola súa situación e antigüidade (esta última incluída no catálogo de árbores senlleiras de Galicia). Xunto a estas dúas carballeiras, a de San Domingos de Bonaval, a de Conxo, a da Selva Negra, a do parque do Espiño, a de Vista Alegre, a do parque José Zeca Afonso, a do Restollal e a de Brandía, todas elas con carballos centenarios, forman parte do patrimonio verde da cidade.

En xeral, a maioría dos montes galegos foron tradicionalmente unha importante fonte de recursos e deforestáronse para obter leña e carbón, madeira para trabes e travesas do ferrocarril ou para a construción naval, cortiza de carballo (polos seus taninos) para as industrias do coiro ou simplemente para obter novas terras de cultivo. Só aquelas fragas que estaban en zonas máis montañosas ou que non servían coma terra de cultivo e as que pertencían aos mosteiros ou señoríos permaneceron intactas.

carrusel-cabeecera

Así, ao pé do río Sar ao seu paso por Conxo atopamos os restos do que foi a gran fraga do mosteiro de Santa María de Conxo. O predio orixinal do mosteiro, dunhas 25 hectáreas aproximadamente, comprendía zonas de prado, de labradío, horta e un gran bosque de carballos, castiñeiros, piñeiros, ameneiros e lamigueiros (Diccionario Geográfico de Pascual Madoz, Tomo VI, páxina 565. Ano 1850). Para entendermos algo do que sucedeu con aquela fraga orixinal temos que nos remontar aos sucesos acontecidos na primeira metade do século XIX, cando a desamortización de Mendizábal declarou a supresión de todos os mosteiros e ordes monacais e militares traendo consigo a redución ou a perda de moitos destes bosques. Este foi o caso da carballeira do Banquete de Conxo en 1882. O mosteiro de Santa María de Conxo quedou exclaustrado en 1835 e permaneceu en estado de abandono medio século, ata que en 1885 se inaugura o manicomio. A fraga mantívose como a deixaran os mercedarios ata comezos de 1882, ano no que, coincidindo co inicio da construción do psiquiátrico, houbo unha corta indiscriminada para leña de máis de 500 exemplares de carballos, castiñeiros e piñeiros por parte de tres frades mercedarios que, sen permiso, ocuparan parte do que fora o convento. Deste feitos deu boa conta Rosalía de Castro, que denunciou a destrución deste bosque con dous poemas: “Los Robles” (publicado por primeira vez en Bos Aires no mesmo ano 1882) e “¡Jamás lo olvidaré…! de asombro llena”, ambos incluídos no seu libro En las orillas del Sar (1884).

¡Jamás lo olvidaré!… De asombro llena
(…) ¡Profanación sin nombre! Dondequiera
Que el alma humana, inteligente, rinde
Culto á lo grande, a lo pasado culto,
Esas selvas agrestes, esos bosques
Seculares y hermosos, cuyo espeso
Ramaje abrigo y cariñosa sombra
Dieron á nuestros padres, fueron siempre
De predilecto amor, lugares santos

Que todos respetaron.
(…) Y sin embargo…,
¡Nada allí quedó en pie! Los arrogantes
Cedros de nuestro Líbano, los altos
Gigantescos castaños seculares,
Regalo de los ojos; los robustos
Y centenarios robles, cuyos troncos
De arrugas llenos, monstruos semejaban
De ceño adusto y de mirada torva,
Que hacen pensar en ignorados mundos;
Las encinas vetustas, bajo cuyas
Ramas vagaron en silencio tantos
Tercos, impenitentes soñadores…
¡Todo por tierra y asolado todo!
Ya ni abrigo, ni sombra, ni frescura;
(…)Todo marchito y sepultado todo
Sin compasión, bajo el terrible peso
De los ya inertes troncos. La corriente
Mansa del Sar, entre sus ondas plácidas
Arrastrando en silencio los despojos
Del sagrado recinto, y de la dura
Hacha los golpes resonando huecos,
Cual suelen resonar los del martillo
Al remachar de un ataúd los clavos…

Anos despois da desamortización tivo lugar nesta carballeira un feito de gran simbolismo e importancia social en Galicia e, probablemente, o feito mais sobranceiro da súa historia: o 2 de marzo de 1856 algúns estudantes liberais convidaron a varios artesáns a un xantar de confraternidade que se celebrou á sombra destes carballos, coñecido como o Banquete de Conxo. Malia ás ameazas dos conservadores e a presenza das forzas de seguridade, persoeiros tan relevantes do Rexurdimento como Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal, Luís Rodríguez Seoane e poida que tamén a mesma Rosalía de Castro, reuníronse na Carballeira de Conxo para celebrar un banquete de confraternización entre estudantes e obreiros.

Tras a corta indiscriminada que denuncia Rosalía de Castro en 1882, coincidindo co inicio da construción do manicomio que se inaugurou en 1885, a fraga permaneceu inaccesible, en estado de semiabandono, ata que no 1985 se acorda construír o novo Hospital Provincial que ocupou algo máis de 3,5 ha do antigo monte.

En 2018 o Concello de Santiago, continuando coas obras de acondicionamento de toda a ribeira do río Sar e en lembranza deste xantar democrático, logra abrir, recuperar e acondicionar o espazo para uso público da veciñanza. Alí se celebra desde aquela unha festa anual na que se recrea o fraternal convite

cenador-conxo
Reproducir vídeo