Raíces históricas
A antigüidade e orixe histórica dos Xenerais da Ulla remóntase ao século XIX, entre a invasión do exército napoleónico, as guerras carlistas ou a revolución de 1846 que rematou coa batalla de Cacheiras, un dos feitos que máis marcaron a historia contemporánea de Galicia.
Esta batalla ocorrida o 23 de abril de 1846 no alto de Montouto, no límite dos Concellos de Santiago e Teo, debeu ser un acontecemento seguido por todas as poboacións próximas, entre as que podemos contar as de Marrozos, O Eixo ou Aríns. Na batalla de Cacheiras enfrontáronse as tropas insurrectas do segundo batallón do rexemento de Zamora ao mando do comandante Miguel Solís y Cuetos, apoiadas polo movemento provincialista de carácter liberal e galeguista, coas forzas do mariscal José Gutierrez de la Concha enviadas polo Goberno de Madrid para acabar coa rebelión. Fontes históricas calculan que morreron 500 combatentes de ambos os bandos. As forzas de Solís tiveron que retirarse a Santiago loitando casa por casa ata que acabaron refuxiándose e rendéndose en San Martiño Pinario. O 26 de abril, nas inmediacións de Carral, Solís, o comandante Víctor Velasco e dez dos seus oficiais foron fusilados e enterrados nunha foxa común no mesmo lugar da súa execución, nacendo deste feito os mártires de Carral, en cuxa honra se erixe, en 1904, un monumento nesta vila coruñesa.
Non se sabe con certeza a orixe desta celebración pero si que probablemente ten relación con algún dos enfrontamentos bélicos ocorridos na primeira metade do século XIX, e aventurámonos a especular con que puido ser a batalla de Cacheiras porque foi vivida moi de preto por toda a poboación da comarca do Ulla. As características da celebración apoiarían esta hipótese xa que reflicten a arrogancia dos xenerais e correos ao lombo de briosos cabalos, con rica vestimenta facendo alarde de conquistar a súa terra.
A primeira noticia que se ten deste Entroido data do anos 70 do século XIX. Trátase dunha serie de artigos titulados “En las orillas del Ulla” escritos por Alfredo Vicenti, ilustre político santiagués, e publicados no xornal El Heraldo Gallego. Un deses artigos titulado “La máscara” narra a formación dunha comparsa de Entroido na parroquia de Oca (concello da Estrada).