Os Xenerais e a súa tropa

Durante todo o día de Entroido, os camiños e recunchos de toda a parroquia son invadidos por una variopinta tropa, presidida polos Xenerais e Correos a cabalo e seguidos polo coro e a vellada, que visita as casas de toda a veciñanza e é recibida con grandes cantidades de comida e bebida.

Coro de Bonito de Marrozos

Os Correos son cabaleiros de menor rango encargados de anunciar polas aldeas a chegada dos Xenerais co son que desprenden os seus cabalos a galope adornados con cascabeis, e piden permiso para realizar un alto. De seguido chegan os Xenerais da Ulla, entre seis e oito xenerais, ao lombo de vistosos cabalos e cos seus correspondentes Caixeiros. Os xenerais adoitan lanzarlles vivas aos cabezas de familia de cada casa a modo de boa sorte e vida para eles e os seus, e os caixeiros encárganse de recoller o donativo do cabeza de familia ao que se lle lanza a viva, ben sexa da parroquia ou de fóra desta.

Xenerais en Marrozos

Vivas:

¡Oigan señores mi voz!
¡¡Viva don Manuel Viqueira Tejo
Como vecino y residente de esta parroquia!!
¡¡Acompañado de su familia y de la gente de su mayor aprecio!!
¡Viva!
¡Viva la gente que nos mira y rodea!
¡Viva!
¡Vuelvo y repito!
¡¡Viva Don José Carbia Ramos
Residente de esta parroquia y natural de San Martiño de Aríns!!
¡¡Acompañado de su familia y de la gente de su mayor aprecio!!
¡Viva!
¡Viva la gente que nos mira y rodea!
¡Viva!
¡Vivan los 50€!
¡¡¡Viva!!!
¡¡Viva nuestro alegre y simpático coro!!
¡¡Viva!!
¡¡Toca la música y siga!!

O coro ou “coro de bonito” formado por nenos e nenas vestidos co traxe tradicional galego, guiados por un director e unha directora engalanadamente vestidos, encárganse de cantar as coplas de carnaval cun desfile peculiar de filas e formando unha roda onde os directores dirixen o coro. Ao finalizar encárganse de animar cos ¡vivas! aos xenerais facendo soar as súas pandeiretas adornadas con cintas de cores a xogo cos cabalos.

Coro de Bonito en Marrozos

Seguindo o coro encontramos o grupo de música (gaitas) que os acompaña entre aldea e aldea, tocando pezas tradicionais galegas para anunciar que están chegando ás casas grazas á música. Tamén se anuncia a chegada dos xenerais a cada lugar co lanzamento de bombas de palenque.

Pechando o desfile veñen numerosas carrozas e persoas, o que se coñece como a “vellada” ou “coro de vellos”, composto por veciñanza da parroquia de diferentes idades. Adoitan cantar cancións satíricas e burlescas, similar ao Coro de Bonito, só que máis ridicularizado e con disfraces e música adaptadas aos tempos.

Rematando o percorrido pola parroquia, xúntase a xente no campo da festa, onde ten lugar o “atranque” ou “alto” dos xenerais. É un dos momentos máis agardados por toda a concorrencia. Trátase dunha loita dialéctica entre dous ou máis xenerais que pertencen a bandos opostos; dialéctica que irá subindo de ton, sendo as palabras cada vez máis aldraxantes e duras. Mais, polo xeral, todos os atranques, nos seus diversos tipos, teñen a mesma base: representan o enfrontamento entre dous bandos, que terminan por facer as paces e exaltar a amizade

A tropa e os Xenerais en Marrozos