Conformación da paisaxe tradicional

Ademais dos procesos naturais de conformación do contorno, este cambia tamén pola acción humana, o que engade elementos culturais que podemos remontar até hai 10.000 anos, e que son o produto das múltiples e sucesivas formas de habitar, percorrer, pensar e alterar a paisaxe dende a prehistoria, dando lugar a unha paisaxe que é a fusión entre natureza e cultura. A evolución da paisaxe galega, dende a prehistoria ata os nosos días, toma a forma dun descenso paulatino das terras altas ás baixas, de ocupación progresiva do val. Cando sabes isto, ves a paisaxe con outros ollos e perspectiva, e ves outra cousa: o río da historia e a tradición.

Entre a Baixa Romanización e a Alta Idade Media, na coñecida como Idade Escura (do século IV ao IX da nosa era) é cando se conformou a paisaxe tradicional galega.

Gando co pastor nun prado
Gando co pastor no prado

O primeiro cambio significativo dáse no século IV, cando o modelo de ocupación fortificado dos castros no cume de pequenos outeiros dá paso a outro baseado en asentamentos de aldeas abertas sen elementos defensivos, comezando a ocupación intensiva das zonas do fondo do val e os trazos característicos da paisaxe rural que chegarán aos nosos días. Será na etapa altomedieval (séculos V-VI) cando teña lugar a transformación máis intensiva da paisaxe, coa construción de parcelamentos, de camiños, ou de estruturas de terrazas e socalcos para evitar a erosión nos terreos de cultivo e que constitúen máis da metade da superficie agraria, espazos virxes que son adecuados e alterados para facelos produtivos. Nos séculos VIII-IX será cando se consolide a parroquia como demarcación territorial, tomando como referente o val.

Hórreo
Hórreo tradicional galego

Outro elemento singular da paisaxe galega é o intenso parcelamento, con pequenas leiras dispersas e illadas unhas doutras. Isto que soe achacarse ao sistema de herdanza, está influído en realidade por outros factores, entre os que parecen ter unha boa importancia as obrigas do campesiñado cos propietarios dos terreos, a igrexa e os señores feudais, que lles esixen explotar cada cacho de territorio minimamente aproveitable para poder pagar os foros e subsistir.

Hoxe, que estamos no ciclo postrural, a paisaxe é plana. No ciclo actual cambia o medio natural por un medio artificial que se aplana coas escavadoras, a concentración parcelaria, a repoboación forestal, as transformacións agrarias, unha nova ordenación do territorio e o abandono do campo e das prácticas tradicionais. Todo serve para todo: para pasto, para casas, para estradas e vías de ferrocarril, para polígonos industriais… A fin dun ciclo que retrotrae as súas raíces ata a prehistoria.

Atlas arqueolóxico da paisaxe galega, editado por Xerais en 2016