A concentración parcelaria

O proceso de concentración parcelaria iniciase en 1952 coa promulgación dunha primeira disposición sendo ministro de agricultura Rafael Cabestany de Anduaga, quen promove un ensaio de concentración que, ante o éxito acadado, anima o desenvolvemento lexislativo que culminará en 1955 coa Lei de reforma e desenvolvemento agrario (LRYDA).

A concentración parcelaria consiste en agrupar as parcelas dun propietario no menor número posible delas. Segundo o DRAE consiste na “agrupación de diversas fincas rústicas de reducida extensión, para unificar e facilitar o cultivo”.

Esta actividade levouse a cabo na maior parte dos países europeos, nos que basicamente por motivos históricos, as parcelas se foran dividindo por herdanzas provocando un fraccionamento excesivo da propiedade e se viu a necesidade de agrupalas para mellorar o cultivo e o fomento da poboación rural.

O fin primordial da concentración parcelaria é mellorar a explotación agrícola dunha determinada zona ao substituír a división tradicional da propiedade por unha nova ordenación que permita obter dela os mellores resultados posibles. Pero hai que ter en conta que se trata dunha operación radical e definitiva que modifica profundamente a paisaxe agraria tradicional, eliminando moitos elementos característicos dela como poden ser o sistema de parcelación territorial, as vellas corredoiras e rueiros, os ribazos e muros, socalcos e terrazas, os usos dos terreos, os elementos de enxeñería tradicional como sistemas de rega, etc.

Cultivo
Horta

O custo ambiental é importante pola perda de ribazos e espazos “perdidos” que vai en contra da flora e da fauna que os habitan e favorece un maior uso de produtos químicos. Ademais rectifica regos e cega charcas para desecar prados e brañas. O pastoreo comunal extínguese e as eiras perden a súa función.

Moitas críticas a este proceso, longo e custoso, abundan en que unha vez feita a concentración, as terras volven fraccionarse polas herdanzas, de modo que ao cabo duns anos vólvese ao mesmo punto de partida. Outra crítica afirma que a concentración prodúcese de forma natural polo abandono do rural, que deixa en mans de poucas persoas a actividade agrícola.

Concentración parcelaria lavadoiro illado dos camiños
Concentración parcelaria

Concentración parcelaria en Galicia e Compostela

No concello de Santiago de Compostela todas as parroquias do rural pasaron polo proceso de concentración parcelaria. Esta iniciouse na década dos anos 60 do século pasado e rematou polos anos oitenta e noventa. A concentración afectou a un total de 143.654 parcelas antigas que quedaron reducidas a 19.930 novas, o que supón o 14 % das que había.

Na zona de Aríns e Santa Lucía, as parroquias de Marrozos e O Eixo fixeron a parcelaria conxuntamente. O proceso comezou no 1969 e rematou en 1998 coa entrega das escrituras. Concentráronse 939 hectáreas de 1.344 propietarios/as e resultaron un total de 2.692 parcelas (21% do total anterior) das 12.713 existentes antes do proceso. Aríns tamén inicia a súa concentración en 1969 pero remata 5 anos antes que Marrozos e O Eixo. Aquí partíase de 9.042 parcelas antigas que quedaron reducidas a 1.904 novas (21% do total antigo), de 852 propietarios/as e foron concentradas un total de 892 hectáreas.

En Galicia, a finais de 2016, o proceso de concentración parcelaria iniciado hai 64 anos aínda non está rematado e agárdese finalizalo en 2020. Até agora concentráronse un total de 370.214 hectáreas de 314.071 propietarios/as. E quedan por rematar 133 procesos que afectan a 95.000 propietarios/as e a 117.000 hectáreas.