Parroquias

Parroquias

O primeiro que nos chama a atención desta comarca é a súa paisaxe rural e neorural, dominando o río en todo o seu paso polo val de Santa Lucía, entre verdes prados, cultivos e pastos para o gando, aldeas que conservan as tradicións e participan delas con especial apego e devoción e, no alto dos outeiros, frondosos bosques de impoñente beleza, un medio ideal e privilexiado en cuxo interior se esconden grandes historias.

Son tres as parroquias composteláns bañadas polo Santa Lucía e asentadas na súa cunca: Aríns, O Eixo e Marrozos. Estas tres parroquias e tamén Angrois (da parroquia de Sar), aínda cada unha coas súas delimitacións, forman un todo en canto a forma de vida, costumes, festas, infraestruturas… e todo isto dende moi antigo. As tres estaban comunicadas por calzadas romanas, as tres están vinculadas á lenda xacobea, teñen castros da Idade do Ferro, comparten “uniformes” e bestas no Entroido do Xenerais da Ulla, as tres sufriron cambios como a concentración parcelaria, a chegada do ferrocarril, do AVE… E, con todo, conservan o seu encanto rural.

Indicador dunha ruta
Sinal da ruta Xacobea
Correos do Entroido de Marrozos
Entroido Marrozos 2016
Concentración parcelaria e lavadoiro illado dos camiños desaparecidos
Concentración parcelaria

Parroquia de Aríns

Esta parroquia contaba en 2014, segundo o Instituto Galego de Estatística; con 1.374 habitantes (704 homes e 670 mulleres) gañando poboación con respecto a 1999 cando contaba con 904 habitantes. Ten doce entidades de poboación: Andrade, O Aramio, A Cacharela, A Devesa, Fornás, A Granxa, O Igrexario, Lobio, A Pena, Sanxuás, Sobríns, A Torre Branca e Vilacova.
Esta parroquia presenta aldeas ben apiñadas e poucas casas illadas, polo que a maior parte do territorio son terras agrícolas ben conservadas, dominando os prados. Tamén destaca Aríns por conservar boas masas de bosque facilmente transitables por camiños da parcelaria. E podemos atoparnos con sorpresas como o lugar da Fervenza preto de Lobios, onde quedan os restos dunha pequena central hidroeléctrica, composta dun muíño e unha interesante presa, que daba luz á aldea.

 

Parroquia de O Eixo

Segundo o IGE, en 2012 tiña 1.043 habitantes (530 mulleres e 513 homes), neste caso houbo diminución de poboación en relación con 1999 cando contaba con 1060 habitantes. Conta con dez entidades de poboación: Bornais, O Eixo de Abaixo, O Eixo de Arriba, O Gaioso, O Igrexario, Os Laranxos, Pereiras, Piñeiro, A Uceira e O Valado.
Esta parroquia é unha das máis afectadas polo desenvolvemento das infraestruturas xa que a cruzan as autoestradas AP9 e AP53, a N525 e as liñas do ferrocarril, a antiga e a nova do tren de alta velocidade. Esta última liña salva o val mediante o viaduto do Eixo, de 1.224 metros de lonxitude, 25 piares e unha altura de máis de 90 metros na parte central. O impacto sobre o ecosistema do val e moi pequeno, incluso chama a atención que á beira dun piar se conserve intacta unha vella pontella que cruza a canle dun muíño.

Parroquia de Marrozos

Segundo o IGE, en 2013 tiña 1.081 habitantes (579 mulleres e 502 homes) aumentando a súa poboación en relación a 1999 cando contaba con 1.044. Marrozos está integrada por oito entidades de poboación: Aldrei, Ardagán, Corexo, Gamás, Marrociños, O Sisto, A Susana e Vixoi.

Patrimonio relixioso

Capela de Santa Lucía

Empezamos pola capela de Santa Lucía que da nome ao río que a abeira. Santa Lucía é unha pequena capela de fachada clasicista e planta rectangular con sancristía encostada. Na súa contorna hai unha fonte, unha ponte, un cruceiro, un muíño e  un pequeno tramo, ben conservado, do antigo Camiño Real polo que pasa o Camiño de Santiago. Todos estes elementos ben conservados forman un conxunto que paga a pena visitar. 

O día de Santa Lucía celébrase o 13 de decembro e está asociado a un refrán que fai alusión ao solsticio de inverno: ” por Santa Lucía mingua a noite e medra o día “. Este refrán ten sentido porque antigamente a festividade coincidía co dia do solsticio de inverno mais coa reforma gregoriana de 1582, quedou desprazada del unha semana. O dito segue vixente séculos despois o que podería poñer de manifesto a súa antigüidade. A maiores, Lucía é o feminino de Lucius, da raíz latina lux, lucis, ou sexa luz. A igrexa, ao dedicar o día do solsticio a Santa Lucía, cristianizou unha festa pagá anterior.

San Martiño de Aríns

Forma un conxunto parroquial en moi bo estado de conservación. De planta cuadrangular e sancristía encostada, a fachada é clasicista e no seu vértice érguese a torre con placas. San Martiño está rodeada por un cemiterio antigo porque o novo está a algo máis dun quilómetro en dirección noroeste. Rodea todo o recinto un muro de pedra no que hai encastradas dúas fontes e un escudo heráldico. Chegar a este templo non é moi doado xa que non está indicado e atópase un pouco agochado no lugar coñecido como o Igrexario.

Igrexa de Aríns vista xeral
Igrexa de Arins
Igrexa O Eixo
Igrexa do Eixo

San Cristovo do Eixo

Data do século XVI. Ten planta de cruz latina coa ábsida máis baixa e unha torre no lateral superior do frontis. Como as outras parroquiais do val, está en moi bo estado e rodeada por un pequeno muro de pedra e un cemiterio vello desde o que hai unhas fermosas vistas do val de Santa Lucía, que poderían ser mellores de non ser por algunha edificación agrícola que tapa a vista. Desde aquí podemos ver o castro de Vixoi, o río, o viaduto da liña de alta velocidade e numerosos prados e campos de cultivo. No Eixo existe outro templo, a igrexa de Uceira, capela barroca de planta rectangular con vivenda acaroada. Ten unha torre alta e estilizada á esquerda da fachada con molduras moi traballadas. Está no lugar de Bornais.

Santa María de Marrozos

Conxunto formado pola igrexa parroquial do século XVIII, a casa reitoral enfronte, o cemiterio vello rodeando a igrexa e o novo detrás, todo delimitado por un muro con cancela. A fachada da igrexa é de estilo barroco clasicista compostelán, con planta de cruz latina, ábsida máis baixa e tellado a tres augas. A única torre sitúase no lateral esquerdo e só é accesible por unha pequena porta do lateral. Na fachada ten incrustados dous escudos a ambos os lados, un dos cales (o da dereita) presenta unha talla en pedra dun dragón (ou serpe alada) relacionada coas lendas pagáns da zona, moi influenciadas pola presenza, no horizonte, do Pico Sacro. A sancristía está detrás do altar, é de pequenas dimensións e nela consérvase o retablo antigo que foi restaurado en 1995 polo Consorcio de Santiago e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Santa María de Marrozos é a única parroquial das tres que vimos de comentar que conta aínda con campaneiro, as outras dúas teñen as campás mecanizadas. Santa María de Marrozos está no lugar de Ardagán.

Igrexa e campanario de Marrozos
Igrexa de Marrozos
Retablo da Igrexa de Marrozos
Retablo igrexa de Marrozos