O río

Rego Aríns

O Santa Lucía é un afluente do Ulla, ao que se une un pouco máis abaixo de Pontevea. Nace en terras de Santiago, concretamente en Bando, preto do campo de tiro do exército, hoxe en ruínas. De aí baixa por terras de Aríns, onde recibe as augas do seu primeiro afluente, o rego de Fonte Estrapuza, que nace arriba das minas de Fornás. Estas minas eran o principal xacemento de pirita de España. Foran xa explotadas polos romanos, e foron aproveitadas ata hai poucos anos pola empresa Riotinto S.A.

O río Santa Lucía continúa o seu percorrido por terras do Eixo, atravesa por un túnel a vella vía do ferrocarril, un lugar cun encanto especial, e pouco máis adiante pasa por baixo do viaduto do tren de alta velocidade (construído no ano 2007, cunha altura de 85 metros no punto central). Nada máis pasar este punto, á esquerda do camiño, topamos cun recuncho con encanto especial, formado por unha pontella de pedra ben conservada, que atravesa a canle dun precioso muíño ao fondo dun prado, e que aínda se usa para a moenda.

Túnel Santa Lucía
Túnel do Ferrocarril
Muíño río Santa Lucía
Muiño ao pé do Castro de Vixoi

O río continúa cara ás proximidades do castro do Coto de Vixoi, onde veremos máis pontellas e muíños en mellor ou peor estado. Máis adiante, bordea a capela de Santa Lucía e xusto aí recibe as augas do rego de Angrois. Este nace no Gaiás e baixa paralelo ao Camiño de Santiago e ao tramo que se conserva do Camiño Real de Piñeiro.

Augas abaixo da capela podemos ver outro muíño cun fermoso pousadoiro (peza de pedra que soe estar ao lado da porta e serve para pousar os sacos de gran). Desde aí, o Santa Lucía está canalizado por baixo da estrada nacional 525 e marcha en dirección ás terras do concello de Teo. Pero antes recibe as augas do seu último afluente en terras do concello de Santiago, o rego dos Ballotes, tamén coñecido como rego de Marrozos xa que atravesa esta parroquia. Os Ballotes nace nunha braña situada arriba de Gamás, bordea o castro do Croto da Susana e desemboca no Santa Lucía preto de Corexo. Antes de saír do concello de Santiago o Santa Lucía recibe as augas doutros dous pequenos afluentes, o rego de Bornais que nace preto do colexio Peleteiro e o de Covas que o fai na urbanización dos Tilos.

O Santa Lucía e os seus afluentes forman un val de suaves pendentes, onde abundan os bosques, prados e cultivos. Está sucado por numerosos camiños de terra que invitan á exploración e o paseo. Ten elementos que o fan singular, como a vella vía do tren que case non se usa (pero pola que aínda pasa algún tren de mercadorías), e toparemos con frecuencia co seu trazado, cos seus estreitos pasos subterráneos e con pontes. Por esta vía chegaban os Reis Magos a Santiago procedentes da estación da Susana, onde se formaba a comitiva. Contan as xentes da zona que a veciñanza aproveitaba o tren real para achegarse a Santiago a ver a cabalgata; un día quixeron impedirllelo e a aguerrida veciñanza do val de Santa Lucía rebelouse conseguindo que nunca máis lles impediran viaxar coas maxestades de Oriente.

Panorámica desde Montouto
Panorámica desde Montouto
Muíño río Lobios
Muiño de Baluxa

 

Tanto o río como os seus afluentes contaban con numerosos muíños, o que indica que o cultivo de cereal nesta comarca era importante. Calculamos que habería entre 40 e 50 muíños. Hoxe, como dixemos, quedan dous en uso e algún máis en bo estado de conservación. Outros están tan abandonados que se funden co bosque de galería de tal forma que parece que nos invitan a xogar ao agocho.